ÁBRESE O PRAZO PARA A PREINSCRIPCIÓN NOS OBRADOIROS CULTURAIS OFERTADOS POLO CONCELLO PARA ESTE CURSO
· A información e a ficha de inscrición xa se pode consultar no Concello, no Departamento de Cultura e na web municipal
· A preinscripición nas actividades farase ata o 20 de setembro e a matrícula debe formalizarse entre o 21 e e 30 do mesmo mes, unha vez teña a confirmación da admisión no obradoiro solicitado
03 de setembro de 2011. O Departamento de Cultura, dirixido por Carme Hermida, vén de publicar a oferta de obradoiros culturais para este curso 2011-12. O prazo para realizar a preinscrición está aberto dende o 1 de setembro e remata o 20. Nesta primeira fase debe entregarse unha ficha no Rexistro Xeral do Concello na que se marcan as disciplinas nas que a persoa está interesada. A partir do 20 de setembro confirmarase a admisión na actividade solicitada poñéndose en contacto co persoal de Cultura e será o momento no que debe formalizarse a matrícula, entre o 21 e o 30 de setembro.
A información sobre as actividades, horarios e lugares nos que se realizarán, así como a ficha de preinscrición xa se poden consultar nas oficinas do Concello, no Departamento de Cultura ou na web municipal www.concellodeteo.com.
A Concelleira de Cultura, Carme Hermida, explica que a oferta “increméntase con algunha actividade nova respecto doutros anos pero mantén a coherencia coas disciplinas con maior aceptación para que o alumnado poida continuar coa súa aprendizaxe”. A titular de Cultura tamén destaca “que seguimos presentando unha oferta para un público amplo, en gustos e en idades, con actividades diferenciadas para nenos/as e adultos/as”.
Así, unha das novidades será o Obradoiro de Bailes modernos nos que se aprenderán estilos xuvenís e divertidos como o funky, hip hop, streetdance ou pop dance. Este obradoiro será impartido, como todas as disciplinas, por especialistas na materia. O obradoiro de baile moderno será os luns no CSC da Ramallosa entre as 18:00 e as 19:30 horas e está dirixido a mozos/as de entre 12 e 20 anos.
Outras disciplinas ofertadas son artes plásticas, para nenos/as dende os 3 anos ata os 16; artes escénicas con teatro xuvenil e teatro de adultos; artes musicais centrándose no obradoiro de guitarra que contará con dous niveis, básico e medio segundo o nivel de cada alumno, xa que esta actividade xa se fixo outros anos cunha notable aceptación. O baile non se centrará só no estilo máis moderno e haberá talleres de baile tradicional, no que se fará exercicio utilizando os pasos do baile galego, e bailes de salón, con diferentes grupos segundo sexan de iniciación ou xa conten con coñecementos previos. Respecto ó nivel dos participantes os monitores poderán cambiar de nivel ós participantes segundo o seu criterio.
Os obradoiros comezarán o 3 de outubro e rematarán no mes de xuño. Segundo explican dende Cultura para poder realizar cada taller debe haber inscritos un mínimo de 10 participantes. Cabe destacar que no caso de que a demanda supera a oferta de prazas farase un sorteo público ás 14:45 horas o día 20 de setembro na Casa do Concello. No caso de que se dea esta circunstancia as persoas empadroadas terán prioridade no acceso ás prazas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario