FRADES - MÁIS DE 3.000 PERSOAS PARTICIPARON NA ROMARÍA DAS VIRTUDES DE VITRE (FRADES)

MÁIS DE 3.000 PERSOAS PARTICIPARON NA ROMARÍA DAS VIRTUDES DE VITRE (FRADES)

O entorno da capela das Virtudes quedou pequeno para acoller a máis de 150 tendas colocadas por familias e peñas de amigos procedentes de toda a comarca

Mañá domingo terá lugar a Festa na honra a San Roque, en Santaia de Moar, coa actuación da orquestra Bámbola

3 de setembro de 2011.- Máis de 3.000 persoas participaron hoxe sábado na tradicional Romaría da Nosa Señora das Virtudes, que se leva celebrando na parroquia fradense de Vitre dende hai máis de tres décadas. Unha romería recoñecida en toda a contorna polos xantares tradicionais que se celebran no entorno da Capela das Virtudes e nas que este ano se instalaron máis de 150 tendas, dende pequenos grupos familiares de 10-15 persoas ata grandes peñas ou grupos de amigos de máis de 50 membros.

Aínda que o punto álxido da festa foi ás 14:00 horas, coincidindo coa saída en procesión da imaxe da Virxe das Virtudes e a sesión vermouth, o movemento en torno á capela das Virtudes comezou preto das 10 da mañá. Nese momento comezaron as celebracións relixiosas (ás 10, 11, 12 e 13:30 horas) e foron moitas as persoas que chegaron a montar as súas tendas para o xantar.

Romeiros de toda a provincia

A maioría dos romeiros procedían dos municipios de Frades, Mesía e Ordes, aínda que tamén había unha importante representación do resto de municipios da comarca, así como peñas de amigos doutras partes da provincia. De feito, segundo explican dende a Comisión de Festas, houbo reservas procedentes de toda a comarca e mesmo dende a Coruña e dende Ferrol. Incluso houbo bastante xente que veu marcar o seu espazo con cordas semanas atrás. De feito, a afluencia de xente foi tal que mesmo houbo moitos que tiveron que acomodarse nas tres grandes explanadas reservadas como aparcamento, pois non quedaba sitio algún.

En Vitre ubicáronse téndas de todo tipo, xa que o aguaceiro da noite do venres fixo que todos quixeran xantar a cuberto. Así, había dende pequenos grupos familiares de 10-15 persoas ata grandes grupos de máis de 50 membros, así como pequenos refuxios improvisados con plásticos ata grandes tendas de xardíns. Cada grupo de romeiros trouxo o xantar da súa casa, se ben foi común un “menú” no que non faltaban empanada, tortilla e, sobre todo, o churrasco. Para os que non trouxeron tenda, houbo unha pulpería dando servizo durante todo o día. Así mesmo, cada grupo trouxo a súa propia bebida, salvo a auga, que era recollida por todos nunha fonte cercana.

Saída en procesión da Virxe

A iso das 14:00 horas tivo lugar o momento máis agardado da xornada. Mentras uns comezaban a preparar os churrascos, centos e centos de fieis participaron na saída en procesión da figura da Virxe entre a capela das Virtudes e o cruceiro. Ao longo deses pouco máis de 300 metros de distancia, foron moitos os fieis que se achegaron para frotar as súas postais contra o manto da Virxe e realizar ofrendas á santa.

Unha procesión que os fieis viviron con especial devoción, despois de que unha forte tromba de auga afectara á procesión do Rosario celebrada na tarde de onte venres. Ao final, diante da cantidade de choiva que caía, a procesión tivo que facerse en coches, que percorreron o traxecto entre a Igrexa de San Juan e a Capela das Virtudes.

Na xornada de hoxe sábado, o tempo acompañou durante toda a mañá, o que animou a moitos a achegarse ata o campo da festa. Aló, unha vez rematadas as celebracións relixiosas, disfrutaron coa música da charanga Ruada e da agrupación folclórica de Mesía, que puxeron a nota musical ata a sesión vermouth coa orquestra Alarma, que volverá tocar pola noite na verbena popular.

O alcalde de Frades, Miguel Prado Patiño, salientou o traballo realizado pola Comisión de Festas para seguir mantendo “unha das grandes, por non decir a máis grande das festas de merendas que quedan na provincia da Coruña”. O Concello de Frades colaborou na organización da festa e trasladou ata a zona unha serie de contenedores de lixo para recoller todos os refugallos da romaría. Ademais, dende primeira hora membros de Protección Civil encargáronse de ordear a chegada dos vehículos ao campo da festa.

Mañá domingo, festa en Moar

Mañá domingo, a festa trasladarase ata Santaia de Moar, onde terán lugar as festas na honra de San Roque. A misa solemne está prevista para as 13:30 horas e a sesión vermouth correrá a cargo da orquestra Bámbola, que pechará á noite os festexos cunha verbena popular.

Ningún comentario: