BRION - UN HIMNOTIZADOR DE CABALOS, PRINCIPAL NOVIDADE DA XXIX FESTA DO CABALO DE BRIÓN

UN HIMNOTIZADOR DE CABALOS, PRINCIPAL  NOVIDADE DA XXIX FESTA DO CABALO DE BRIÓN

Preto de 400 exemplares participarán na ruta cabalar, nas probas de salto e no concurso morfolóxico entre o 17 e o 18 de setembro

9 de setembro de 2011.- Brión converterase no centro do mundo do cabalo na vindeira fin de semana do 17 e 18 de setembro, datas nas que terá lugar a súa tradicional Festa do Cabalo que este ano chega á súa vixesimonovena edición. Uns 400 exemplares participarán nesta festa organizada pola Asociación Festa do Cabalo de Brión, en colaboración co Concello de Brión e a Deputación Provincial da Coruña.

A principal novidade desta edición chega de México, país do que é oriundo Marcelino “Chico” Ramírez, un dos grandes mestres da comunicación con cabalos e unha das primeiras figuras do mundo na especialidade de doma ecuestre natural. En Brión, “Chico” Ramírez presentaralles aos espectadores o seu método de himnose, manexo e monta natural do cabalo. Un espectáculo único en Galicia e que de seguro sorprenderá tanto a expertos como a novatos no mundo do cabalo.

Durante preto dunha hora, “Chico” Ramírez ofrecerá un espectáculo de doma dun cabalo que nunca antes fora montado. Para iso, este enxeñeiro agrónomo utilizará unha disciplina que el mesmo denomina “Manejo natural del Caballo”. Unha modalidade que xurde dunha combinación da psicoloxía conductista e da etoloxía (rama da bioloxía que estuda o comportamento dos animais).

Este mestre mexicano asegura que co seu sistema é posible obter xentilmente a cooperación do cabalo nas tarefas que se lle solicitan. Unha demostración que poderán ver en vivo e totalmente de balde todos os que se acheguen o domingo 18 de setembro, ás 18:00 horas, polo monte Rañalonga de Brión.

Preto de 400 participantes

Un dos responsables da Asociación Festa do Cabalo de Brión, Manuel Fernández, espera reunir nesa fin de semana a varios milleiros de persoas no monte Rañalonga, onde dende o ano 1982 se concentran os afecionados ao mundo do cabalo. “Xa temos confirmada a presencia duns 400 cabalos nas probas, dos que case a metade participarán o sábado na ruta cabalar polas beiras do Tambre, que terá lunha duración aproximada dunhas 3 horas”, explica Manuel Fernández.

Todas as persoas que queiran participar nalgunha das probas do Concurso Morfolóxico podrán inscribirse na mesa da Organización o mesmo domingo 18 de setembro, entre as 9:00 e as 10:00 horas. Iso si, deberán ser identificados correctamente tanto o xinete como o cabalo participante na proba.

Programa da Festa

A XXIX Festa do Cabalo abrirá as súas portas o sábado 17 de setembro, ás 16:00 horas, cunha ruta cabalar polo monte Rañalonga, seguindo o cauce do río Tambre. Mentres uns participan nese percorrido, no recinto cabalar do monte Rañalonga terán lugar as probas de saltos de obstáculos nas súas distintas modalidades (1 metro, Maxi-Mini, Seis barras e Salto de potencia).

Ás 21:00 horas terá lugar unha das probas máis divertidas, a tradicional carreira de burros, que dará paso a unha cea entre os participantes. Para asistir á cea, os participantes teranse que anotar antes do 15 de setembro. O prezo é de 20 euros.

O domingo 18 de setembro as probas do concurso morfolóxico comezarán ás 10:00 horas, co concurso de potras e potros cruzados. Durante toda a xornada sucederanse as distintas categorías. Paralelamente, ás 11:00 horas terá lugar unha xincana, seguida co concurso de arrastre (13:00 horas).

Ás 14:00 horas farase unha pausa para o xantar. No recinto de Rañalonga haberá unha pulpería privada para todos os que o desexen. Xa pola tarde, e despois da embertada de xovencas (17:00 horas), terá lugar a exhibición de manexo natural de cabalos de “Chico” Ramírez (18:00 horas) e un espectáculo de doma (ás 19:00 horas).

A Festa do Cabalo de Brión rematará pasadas ás 20:00 horas coa entrega dos premios. En total, a XXIX Festa do Cabalo de Brión repartirá 4.050 euros en premios. Dende a Asociación Festa do Cabalo de Brión advirten aos participantes que o maltrato aos animais será motivo de descalificación automática.

Ningún comentario: