Oroso - O Concello inviste 35.000 euros en recuperar a fonte e o lavadoiro de Piñeirón

O Concello de Oroso está a recuperar a fonte e o lavadoiro de Piñeirón, na parroquia de Gándara, respondendo así a unha petición expresa dos veciños e veciñas desta localidade durante un dos Encontros co Alcalde celebrados por Manuel Mirás. Tanto a fonte como o lavadoiro se atopaban nun avanzado estado de deterioro, sobre todo no que atinxe á canalizacións das augas, que vertían ao terreo continuo e daban lugar a unha poza que dificultaba o acceso ao lugar.

As obras que se están a acometer na zona supuxeron a substitución da cuberta do lavadoiro por outra de tella cerámica e o reforzamento da súa estrutura, así como a canalización da auga procedente da fonte, que tamén será arranxada, para evitar vertidos e garantir un mellor subministro tanto á fonte como ao lavadoiro. Ademais, o Concello de Oroso instalará nesta zona, que ocupa unha superficie de 174 metros cadrados, unha pavimentación en lousa de granito e construirá un murete de contención dos terreos ao longo do camiño, xa que discorre por unha cota máis elevada ao lavadoiro.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, explica que “a nosa intención é converter este espazo nunha área de ocio para os veciños e veciñas do Piñeirón, xa que se trata dunha contorna de alto valor paisaxístico e pola que transitan moitos veciños”. A localidade de Piñeirón está situada na parroquia da Gándara, xusto detrás da urbanización Porto Avieira.

USC - Ciencias Económicas e Empresariais celebrou o patrón

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC celebrou este mércores a festividade do seu patrón cun completo programa no que se fixo entrega de varios premios e no que o profesor De Miguel recibiu a Insignia de Ouro da USC.

O director do Máster de Xestión do Comercio Exterior da USC, Miguel Otero Simón, foi o encargado de xustificar a concesión do Premio Fulget 2014 á empresa Financiera Maderera S.A. (FINSA), un galardón que recolleu o secretario xeral do Grupo, José Carballo García. Recoñécese así a colaboración da empresa coas actividades desenvolvidas na facultade e na formación dos estudantes, a súa contribución no ámbito social da USC e a súa aposta no ámbito do desenvolvemento sostible.

Tamén no acto, que presidiu o reitor Juan Viaño, Carmen Rivas Fraga recolleu o premio do concurso de pintura CreArte na Universidade 2015 pola súa obra ‘O que declina’, que pasará a formar parte do patrimonio artístico da Facultade.

Deseguido tivo lugar a entrega dos premios extraordinarios 2013-2014 a Ana Recamán Moledo e Estefanía Carro Grela, do grao en Economía; a Esteban Carballal Liste e María Remuiñán Vilares, de ADE; a María Victoria Sánchez Costa, do Máster en Desenvolvemento económico e innovación; a José Antonio Espantoso Aldariz, do Máster en Desenvolvemento rexional e integración económica; a Zaira Camoiras Rodríguez, do Máster en Dirección de Empresas; e a Celia María López-Santos Ramírez, do Máster en Turismo Urbano e Xestión de Empresas Turísticas. Do mesmo xeito, Romina García Chas e Rodrigo Gómez Monge fixeron o propio co seu premio de doutoramento 2011-2012.

O programa finalizou cunha charla do profesor do Departamento de Economía Cuantitativa da USC José Carlos de Miguel, que remata este ano a súa actividade profesional por xubilación e a quen o reitor lle entregou a Insignia de Ouro da Universidade compostelá. Viaño agradeceulle a súa dedicación “e compromiso institucional ao longo destas cinco décadas”. “Un pode pasar pola universidade cumprindo estritamente cos seus cometidos, pero no teu caso fuches moito máis alá:asumiches as responsabilidades que che foron encomendadas, axudaches nos momentos máis delicados e lograches crear unha escola formada por moitas persoas”, díxolle.

BNG A Estrada - 'As cincuenta sombras de López' nas rúas da Estrada

O BNG da Estrada leva traballando ao longo dos dous últimos meses nunha campaña que poñerá en marcha este sábado 11, ás 11 horas, na rúa Calvo Sotelo da Estrada, e que logo da presentación pública, terá o seu campo de acción as redes sociais onde ten presenza a organización nacionalista.

Segundo explicou o concelleiro do BNG e candidato á alcaldía, Xosé Magariños, “queríamos facer unha escolma do que foi a acción do PP no goberno municipal nos últimos catro anos, que se traduce en despilfarro, en pasotismo, en privatizacións, en cesións de competencias municipais e en accións de goberno chapuceiras, e aproveitamos o título dunha película que está de plena actualidade para darlle nome a esta campaña que se poñerá en marcha desde este sábado até o día 22 de maio, vésperas das eleccións municipais”.

“Botando contas”, engadiu Magariños, “é doado adiviñar que o título da campaña levará por nome 'As cincuenta sombras de López', un xeito de resumir graficamente a chapuceira xestión do goberno municipal do PP nestes últimos anos, unha situación á que cómpre darlle a volta cun novo goberno que conte cun programa electoral cos pés na terra”.

“O certo é”, explicou Magariños, “que o título da película quedóusenos algo pequeno, porque as ocorrencias, as chapuzas e a neglixencia deste goberno son tantas que darían para facer varias partes como a propia película ou propios libros”.

“Como dixen con anterioridade”, explicou Magariños, “o campo de acción desta campaña serán as redes sociais (Facebook e Twitter), pero conscientes de que non todo o mundo ten presenza nas redes, faremos unha exposición pública das 'Cincuenta sombras de López' este sábado 11, e non descartamos que ao longo das próximas semanas fagamos máis exposicións como esta”. “Non poderá agocharse”, engadiu o concelleiro do BNG, “disipado o fume das inauguracións e dos anuncios electorais, é a hora de recordar e de ver con máis nitidez as vergonzas deste goberno do PP, que centraron as nosas críticas desde o minuto un do goberno de López”.

Aínda que a campaña dará comezo o sábado 11, o BNG leva varios días inserindo nas redes sociais unha serie de imaxes nas que baixo o epígrafe “cincuenta” ou “non poderá agocharse, estará á vista de tod@s”, aparece a data, hora e lugar onde vai ter lugar a exposición pública. Segundo explicou Magariños, “queríamos chamar a atención, e coido que o fixemos, xa que non son poucas as persoas que nos preguntaron que era iso, pero van ter que agardar ao sábado para ver exactamente en que consiste”.

Santiago - #composGastroBlog reune na cidade a expertos en comunicación e gastronomía

#ComposGastroBlog, as xornadas de Comunicación 2.0 e Gastronomía de Santiago, reunirán no Hostal dos Reis Católicos a máis de cen expertos no mundo da gastronomía e a súa difusión a través das redes sociais. #ComposGastroBlog celebra a súa primeira edición este xoves e venres, e servirá de antesala e plataforma de promoción de “Compostela Gastronómica, Festival da Cociña Galega” que terá lugar entre o 16 e o 21 de abril. 

#ComposGastroBlog diríxese a cociñeiros e profesionais do sector da hostelería, que poderán coñecer as posibilidades que lles ofrecen as redes sociais e as novas canles de comunicación para os seus traballos. Pero tamén se dirixe a blogueiros e comunicadores gastronómicos, que poderán intercambiar ideas e experiencias nun evento deseñado a súa medida.

O programa de #ComposGastroBlog comeza o día 9 de abril con “Facendo Marca”, unha mesa redonda na que participan a Directora de Marketing de Paradores, Estefanía Gómez, o Director de Marketing de Gadisa, Antonio Cortés, Responsable de Marketing de Alotofus, plataforma de captación de talento na Rede, e a xornalista e blogueira Belén Parra, do Blog Gastronomistas.

O día 9, ás 19.30 horas, tamén haberá unha charla de Paco Nadal, un dos blogueiros máis coñecidos e seguidos de España, que escribe o seu blog en “El Viajero” de “El País”, e que ten máis de 25.000 seguidores na súa conta de Twitter. Tras a charla de Paco Nadal haberá unha degustación de productos de Área Santiago á que estarán convidados todos os inscritos ás xornadas.

A mañá do venres comezará cunha mesa redonda titulada “A Reputación séntase á Mesa”, na que participarán catro profesionais que ofrecerán distintas perspectivas sobre a importancia que unha boa reputación en Internet ten para un restaurante. Participarán Blanca Zayas, de TripAdvisor, Fidel Martín, do blog Instinto Humano, Manuel Bustabad, de medio electrónico especializado en Turismo, Expresso, e Iago Pazos, do restaurante compostelán Abastos 2.0.

Pola mañá haberá outra mesa redonda que prantexará a pregunta: “¿Ofrecemos novas fórmulas na Mesa?”. Nesta mesa, moderada pola Directora da Escola Superior de Hostelería de Galicia, Patricia Cuevas, participarán Nábila Prieto, de JustEat, Raquel González, de Eltenedor.es, Antonio Muiños, da empresa galega Portomuiños, e Mariano Munuera, de BAP&Conde.#ComposGastroBlog pecharase o venres pola tarde cun coloquio no que se amosarán cinco casos de éxito na Rede, Viajes Chavetas, Fedegustando, Gastronomía en Verso, Galicia Mola e Mariskito.com, que suman milleiros de seguidores nas súas contas en redes sociais e blogs.

Compostela Gastronómica, Festival da Cociña Galega

A segunda edición do Festival da Cociña Galega encherá de actividades gastronómicas o Mercado de Abastos entre o 16 e o 21 de abril. A Aula Gastronómica acollerá múltiples obradoiros de cociñeiros composteláns, galegos e españois, como Pepe Solla, Yayo Daporta, Nacho Manzano, chef asturiano con dúas estrelas Michelín, ou Víctor Pérez, cociñeiro peruano cunha estrela Michelín afincado en Salamanca, que amosará como preparar ceviche con productos galegos. As incripcións para os obradoiros poden facerse en: compostelagastronomica.es

Psoe Santiago - Presentación do candidato Paco reyes

Ante numerosos militantes e representantes do mundo asociativo da cidade e arroupado por responsables do PSdeG, co seu secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, á cabeza, o candidato socialista á alcaldía de Santiago, Paco Reyes, presentaba esta tarde as 24 persoas que, xunto con el concorrerán ás eleccións do vindeiro 24 de maio. Reyes, ademais, adiantou parte do programa co que vai Recuperar Santiago se goberna; un programa sustentado en catro piares: o emprego, o pacto social, o desenvolvemento urbano e a participación e transparencia.

FOTO @BLASGARCIA
No acto de presentación da candidatura socialista, celebrado na Sala Capitol, Reyes destacaba o “compromiso sen paliativos” das mulleres e homes que integran a lista, así como as ganas de traballar pola cidade. “Traballar, si, traballar arreo, e nunca facendo do Concello o noso chiringuito persoal”, asegurou Reyes, que destacou tamén a renovación total que caracteriza a candidatura. Unha candidatura da que tamén dixo que pon en valor valores como a xuventude, a formación, a capacitación e o compromiso político e social, ademais de ser un “magnífico exemplo do que é Santiago e a súa sociedade”.

Para Paco Reyes outro dos obxectivos fundamentais do Partido Socialista se o 24 accede ao goberno de Compostela é o de devolver á cidade a referencia e o orgullo da capitalidade “que nunca debeu perder”. “Recuperaremos un Santiago forte e a Compostela capital”, dixo. “A capitalidade correspóndelle a Santiago non só por situación xeográfica e por historia”, indicou, senón porque “se existe unha cidade con ligazóns con todas e cada unha das localidades de Galicia, esa é Compostela”. “Unha cidade que deu mostras máis que sobradas de solidariedade, que foi referente na cultura, na sanidade, na educación; unha cidade que loitou pola defensa, coidado e potenciación do seu patrimonio e da súa universidade; unha cidade na que conflúen uns camiños que temos que recuperar e poñer en valor”, dixo Reyes.

O candidato asegurou que “o meu único obxectivo é o de servir a Santiago”, e, a este respecto, puntualizou que “non me presento para facer do Concello unha plataforma persoal para dar o salto despois a outros postos ou cargos institucionais”. “O 24 de maio as veciñas e veciños de Santiago poderán escoller entre un alcalde, Agustín Hernández, que foi posto a dedo por Feijoo e representa o caos, a ineficacia e a falla total de proxecto e a proposta socialista, que xa deu mostras máis que sobradas de solvencia durante 25 anos de goberno”, destacou o candidato á alcaldía do PSdeG.

Reyes agradeceu o traballo desenvolvido polos anteriores alcaldes socialistas, Xerardo Estévez e Xosé Antonio Sánchez Bugallo, que, fronte á inestabilidade e pasos atrás dados co PP, foron quen de gobernar a cidade “dun xeito progresista, de promover o seu crecemento e a súa modernidade, e de darlle unha estabilidade, tanto en gobernos de maioría absoluta como de maioría simple ou mesmo a través dunha coalición”.

Brión - Unanimidade no pleno para pedir o mantemento dos rexistros civís

O pleno municipal de Brión aprobou esta mañá unha moción do BNG a prol do mantemento e gratuidade dos rexistros civís. Unha moción presentada por vía de urxencia na propia sesión e que foi aprobada por unanimidade, se ben o PP fixo constar en acta que non compartía o argumentario da moción e que non tiña constancia de que se fose cobrar polos servizos que se prestan nos Rexistros Civís.

O pleno brionés instará á Xunta de Galicia a demandar que se garanta o servizo público, a atención nos xulgados de paz e a gratuidade futura nas funcións que prestan os rexistros civís, á vez que insta ao Goberno a paralizar o traspaso do Rexistro Civil aos rexistros da propiedade e mercantís.

Frades - O concello terá unha nova ponte sobre o río Maruzo en O Raselo

O Concello de Frades vai substituír a ponte actual sobre o río Maruzo no lugar de O Raselo, na parroquia de Gafoi. A actuación consistirá na demolición do marco de formigón da actual ponte, que se atopa en mal estado, e a construción dunha nova ponte mediante estribos de formigón de 5,5 metros de alto, taboleiro de formigón armado e escolleira de bloques de pedra granítica.

O Concello está á espera do permiso definitivo de Augas de Galicia, que hoxe vén de publicar no Boletín Oficial da Provincia o correspondente anuncio para abrir un prazo de vinte días para presentar posibles reclamacións diante de Augas de Galicia ou do Concello de Frades.

Axenda e tempo do mércores 8 de abril - Cine, seminarios, exposicións

Santiago - Numax 

Santiago- Literarios - tertulia de artistas

Santiago - USC Historia - Seminario II Guerra Mundial

Outros Concertos + info

Exposicións

Santiago - Fonseca - Biblioteca Diversidade Cultural - exposición Tintín (ata finais maio)

Santiago - Cidade da Cultura - Camiño, A orixe (ata o 11 de septembro)

Brión - Vistas o campo de Juan Moreno Badía (ata o 11 de abril)

Santiago - USC - Exemplares do Quixote (ata o 30 de abril)

Santiago - Fundación Granell - Instinto Animal - Phillip West (ata o 21 de xuño)


O Tempo

Cámara de Comercio - Xornada sobre o fomento da administracion electrónica

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela celebrará o próximo xoves, día 16, unha xornada gratuíta sobre o fomento da administración electrónica –E-Administración– nas pequenas e medianas empresas e autónomos, entre as 11:00 e as 12:30 horas no salón de actos, en colaboración co Concello de Santiago.

O presidente da entidade, Jesús Asorey, e a concelleira de Economía de Santiago, Reyes Leis, serán os encargados de inaugurar unha xornada destinada a dar a coñecer os usos da factura electrónica entre as pequenas e medianas empresas, microempresas e autónomos da área de Santiago e as ferramentas do programa E-Administración. Estará impartida pola técnico da Agencia Tributaria (AEAT), Raquel Boiza, o coordinador nacional do programa E-Administración da Cámara de España, Juan Miguel Cuellar, e o técnico de Camerfirma, Luis Arias.

Esta iniciativa, liderada pola Cámara de España e financiada cor fondos Feder da Unión Europea, pretende extender o uso da administración electrónica, a facturación electrónica e a firma dixital para achegar a Administración Pública ás empresas e maximizar a mellora da súa produtividade e competitividade, a través de servizos electrónicos completos. Para alcanzar este propósito, o plan impulsa que as empresas adopten metodoloxías para incorporar a mellora de procesos e o uso das ferramentas relacionadas coa administración electrónica de modo sistemático á súa actividade empresarial habitual. 

Este programa ten unha fase de consultoría para a mellora de procesos onde se realiza un diagnóstico asistido e personalizado ás empresas participantes. A E-Administración pode axudar a reducir as cargas administrativas, aportar axilidade aos procedimientos con AAPP ou automatizar procesos que incorporen evidencias electrónicas certificadas (firma dixital, selo de tempo, notificaciones electrónicas certificadas...) que garantan a súa seguridade xurídica e a posibilidade de implementar a facturación electrónica.

Unha vez relizado o diagnóstico elabórase un documento de mellora de procesos que servizá de guía para a fase de implantación en plataforma de servizos. Nesta fase, a empresa beneficiaria poderá realizar trámites coas AAPP, facturar electronicamente, automatizar procesos internos e realizar transaccións mercantís coas certificacións xurídicas necesarias. O custo da implantación destas solucións será dun máximo de 1.000 euros.

Ordes - xa están expostas as listas do censo

O Concello de Ordes pon en coñecemento de toda a súa veciñanza que xa ten á súa disposición a listaxe electoral para consultar a validez dos seus datos persoais de cara aos vindeiros comicios municipais. O horario para realizar as comprobacións pertinentes é de 9 a 14 horas de luns a venres, para o que se dispón dun ordenador situado na planta baixa do edificio consistorial. Ademais, quen o precise poderá contar coa axuda do persoal administrativo do Concello. A data límite para poder realizar esta consulta será ata o 13 de abril.

Por outra banda, ata o 14 de maio tamén se poderán realizar as dilixencias e trámites pertinentes para emitir o voto por correo. Para iso será necesario acudir á oficina de Correos, na rúa do Mercado.

Ames - ramón Senra incorporase as área de Promoción económica e turismo

Ramón Senra vén de asumir as competencias de Promoción Económica, Traballo e Turismo do Concello de Ames, tras a toma de posesión da súa acta como novo concelleiro da corporación municipal no pleno do mes de marzo. 

Senra, que é natural da parroquia de Piñeiro, asegura sentirse “moi satisfeito” de formar parte do grupo de goberno do seu municipio no que aspira a compartir as súas inquedanzas co alcalde e cumprir as necesidades da veciñanza, “sempre que as posibilidades o permitan”. 

Gandeiro de profesión, concorreu na lista dos populares de Ames en varias ocasións e afronta esta nova etapa con optimismo. “Estou encantado e teño moitas ganas de traballar para os meus veciños. Quero axudar en todo o que poida e traballar da man do persoal municipal”, apunta Senra. 

Durante os seus primeiros días como concelleiro mantivo un encontro coa Asociación de Empresarios do Milladoiro para falar da Feira do Comercio e tamén visitou unha finca próxima á praia fluvial de Tapia onde está previsto que se realicen labores de acondicionamento. 

O rexedor, Santiago Amor, manifesta a súa satisfacción por incorporar a unha persoa con tanto entusiasmo e ganas e reforzar o grupo de goberno. Por outra parte, a concelleira de Cultura e Deportes, Ana Ruso, asumiu o cargo de voceira do grupo municipal popular tras substituír a Bernardo Moar.

USC - Seminario aberto sobre as redes de intelixencia na II Guerra Mundial

As redes de intelixenciaeespionaxe que funcionaron en territorio español durante a II Guerra Mundial serán centro de análise do seminario que o grupo de investigación Hispona(Historia Política e dos Nacionalismos) da USC organiza este mércores 8 e o xoves na Facultade de Xeografía e Historia.

O encontro, aberto a calquera persoa interesada, comezará ás 11.00 horas na aula 14 do centro coa charla de Diego Navarro Bonilla, da Universidade Carlos III, titulada ‘Intelixencias de manual: análise de tratados, normas, regulamentos e directrices en Europa (1914-1945)’. Seguiralle Susana Sueiro Seoane, da UNED, con ‘Tánxer, niño de espías’.

A xornada do mércores continuará pola tarde na aula doMáster en Historia Contemporánea coa charla ‘Miradas cruzadas á sombra da Roca: servizos de intelixencia no Estreito de Xibraltar’, do investigador da Universidade de Sevilla JulioPonceAlberca.

Xa o xoves de mañá interviránJavier Rodríguez González, da Universidade de León, para explicar as estruturas de espionaxe no norte de España durante a Segunda Guerra Mundial e o profesor da USC Emilio Grandío Seoane co relatorio ‘Non sówolfram. Redes de intelixencia en Galicia.

USC - Proxecto Ad HOc da facultade de Ciencias da Educación

En 2007 a Facultade de Ciencias da Educación da USC iniciou o seu Ciclo de Teatro Comunitario. Un proxecto que durante sete anos incidiu de xeito moi consciente e esforzado no labor de dar visibilidade ao traballo da agrupacións de teatro amador vencelladas a distintas estruturas comunitarias.

Co Ciclo xa consolidado, en 2014 a organización do mesmo en colaboración con Enlata –o laboratorio escénico da facultade-, decidiuse a darlle un xiro e apostou por iniciar unha nova liña de traballo que promovese a creación escénica contemporánea no eido do teatro amador. E foi así como, co apoio da Rede de Centros Socioculturais do Concello de Santiago, naceu o Proxecto AD HOC, no que se emprazaba a todas as compañías de teatro afeccionado interesadas a crear unha peza que cumprise con tres condicións: ser unha creación colectiva orixinal en galego ideada e creada especificamente dentro do Grupo de traballo AD HOC, ter unha duración de entre 12 e 15 minutos e xirar arredor dunha temática dada pola organización.

A iniciativa non puido ter mellor acollida: cumpriuse ao completo a expectativa de participación de compañías con espectáculos de altísima calidade que sorprenderon pola orixinalidade e a intelixencia á hora de abordar o tema-eixo da convocatoria e un público heteroxéneo -procedente tanto do eido académico coma da cidadanía que fai uso da Rede de Centros Socioculturais-, cubriu nun 90% o aforo total previsto e valorou con entusiasmo todas as pezas mostradas en diversos espazos (tanto interiores coma exteriores) do CSC Santa Marta ao longo de entre dous e catro pases cada unha.

Amáis diso, o PROXECTO AD HOC supuxo a creación dun espazo de convivencia no que todos os participantes coincidiron en resaltar o clima grato de traballo, creatividade e compañeirismo.

AD HOC 2015

Animada pola magnífica resposta obtida polo AD HOC 2014 e con vocación de continuidade no achegamento da creación escénica contemporánea á poboación, a organización volveu lanzar o reto nunha segunda edición. E catro compañías aceptaron o desafío de traballaren en proxectos de creación escénica arredor do tema da violencia obstétrica.

Ao igual que na primeira edición, o Proxecto AD HOC estableceu unha rede de colaboración entre entidades e persoas expertas no tema que desta vez non só achegan material e documentación para a elaboración do dossier sobre o que traballan as compañías, (realizado coa axuda da Asociación El parto es nuestro-O parto é noso e EDUCER), senón que complementan, contextualizan e enriquecen a parte escénica con conferencias e mesas redondas arredor de diferentes aspectos da violencia obstétrica.

A comisión organizadora quere agradecer ás compañías e ás entidades e persoas participantes nesta edición o seu traballo e compromiso xeneroso co proxecto e comprácese en convidar á cidadanía a tomar parte na celebración deste proxecto.


Teo - Reunión coa Dirección Xeral de movilidade

O concelleiro de Transportes, Anxo Rey, mantiña un encontro coa Dirección Xeral de Mobilidade polas reclamacións do cumprimento dos horarios no corredor Pontevea-Santiago plantexadas pola plataforma Teo Bus. Nesta xuntanza tamén se falou da posta en funcionamento da liña interior municipal STEO 4 impulsada polo Concello de Teo. Trátase dunha liña circular de autobús que pretende achegar ás persoas a puntos centrais de Teo como o propio Concello, instalacións deportivas, centro de saúde, e ás vías polas que circulan con maior frecuencia os autobuses que conectan con Santiago a AC 841 e a N 550. 

Neste momento a Xunta de Galicia “estuda o xeito de contratación desta liña interior municipal e agardamos que este proceso administrativo non sirva como unha nova excusa para demorar a posta en funcionamento do servizo” explica Anxo Rey. O edil explica que “Teo apostou dende o primeiro momento por deseñar uns itinerarios interiores financiados exclusivamente con fondos municipais e que ademais contan co apoio da corporación e compromiso económico para os vindeiros cinco anos” destaca o edil. 

“A Xunta é a que ten as competencias para a contratación e a posta en marcha dun servizo vital para o Concello” destaca o concelleiro. Nos últimos días ademais as empresas operadoras de autobús con dereitos de concesión nas zonas de influencia da liña interior municipal, Hedegasa, Donado Campos e Castromil, comunicáronlle á Xunta de Galicia a súa conformidade con este novo servizo. Á vista desta situación “só falta que Mobilidade non demore os prazos novamente amparándose en cuestións administrativas para que a liña sexa unha realidade” explica Anxo Rey. 

O pleno da corporación teense aprobou en xullo do ano pasado o compromiso económico para financiar esta liña ata o 2019, a STEO 4 que ten 29 paradas. Trátase do circular Cacheiras-Cacheiras e pasaría por A Pedra, Tarrío, Seoane, Vilanova, IES Cacheiras, Vilar, Pedrouso, Guldrís, Mazas, Centro saúde Calo, As Galanas, Balcaide, Ameneiro, A Casalonga, Cornide, A Igrexa de Luou, Paraxó, A Ramallosa, Os Verxeis, Castres e Feros.

Frades - O pleno municipal pide por unanimidade o mantemento dos rexistros civís

O pleno municipal de Frades aprobou por unanimidade unha proposta da FEGAMP en defensa do mantemento dos Rexistro Civís no ámbito municipal máis próximo, encomendándoos aos Xulgados de Paz e coa colaboración dos municipios. Todos os grupos coincidiron en denunciar que non ten sentido que os veciños teñan que desprazarse ata os Rexistros Mercantís ou ata as capitais da provincia para facer trámites que agora mesmo facían no seu entorno máis próximo. O alcalde de Frades, Roberto Rey, apuntou tamén que no Rexistro Civil de Frades se está procedendo a recoller sinaturas da veciñanza para o mantemento deste servizo.

Así mesmo, o pleno rexeitou, cos votos en contra do grupo de Goberno e a abstención do PSOE, unha moción do BNG na que se solicitaban actuacións de mantemento no CPI de Ponte Carreira, concretamente nos seus baños, na carpinteira interior, unha maior hixiene ou a colocación cun lugar para cubrirse cando chove. Roberto Rey indicou que “esta mesma mañá falei coa directora do centro e non sabe nada da maior parte dos problemas que plantexades nesta moción, polo que imos esperar a que o Consello Escolar aprobe a súa lista de peticións deste ano e colaboraremos todo o que se poida”.

O alcalde de Frades explicou que “unha das primeiras cousas que fixen como alcalde foi reunirme coa dirección do CPI e coa ANPA para ver as súas necesidades. E cada ano nos presentan un listado de peticións, aprobado polo Consello Escolar, que imos facendo tan pronto como temos ocasión”. Neste sentido, Rey Martínez indicou que “coa axuda do colexio e da ANPA fixemos moitas cousas como a rampla de acceso ao centro de ESO, o parque para os nenos, o salón de actos, a nova conexión de auga coa cociña, para que tiveran presión e a auga estivera máis limpa, ou este mesmo verán fixemos actuacións de reparación de humidades e de pintado”.

O alcalde lamentou que “a un mes das eleccións se veñan presentando iniciativas sobre o colexio cando en catro anos non se dixo nada” e mesmo preguntou pola orixe destas deficiencias xa que “nin a directora nin o conserxe teñen información algunha sobre algunha das deficiencias que denuncian dende o BNG”. Rey recoñeceu dúas apreciacións dos nacionalistas: as proteccións para os nenos nas esquinas das bancadas do polideportivo municipal de Ponte Carreira, que están encargadas e se instalarán en breve; e a antigüidade das tuberías do colexio. “Xa está plantexado na Consellería e hai unha partida de 36.000 euros para cambiar a tubaxe”, explicou o alcalde de Frades, quen indicou que as obras se celebrarán durante o verán xa que é preciso levantar o chan de parte da instalación.

Obradoiro de emprego
Na quenda de informes da Alcaldía, Roberto Rey informou da concesión do obradoiro de emprego “Terras de Trastamara”, proposto polos Concellos de Frades, Ordes e Trazo. “Sabemos que está aprobado con 20 alumnos e por seis meses, aínda que estamos esperando pola comunicación da Xunta para ter máis datos”, adiantou o alcalde. A petición presentada ante a Xunta incluía un total de 45 alumnos, durante 6 meses, nas modalidades de xardinería, albanelería e pintura. O orzamento inicial ascendía a máis de 460.000 euros e suporía un importante apoio para o mantemento das áreas recreativas, locais sociais e espazos públicos de Frades.

Rey tamén informou da solicitude dun segundo obradoiro, “Terras de Trastamara II”, na especialidade de forestal e dirixido a mozos e mozas de 18 a 25 anos. Unha solicitude que aínda non recibiu contestación.

PP Santiago - Agustín Hernández presentou a súa candidatura

O candidato do Partido Popular á Alcaldía de Santiago, Agustín Hernández, ofreceu hoxe aos composteláns un goberno sólido e estable para os vindeiros catro anos no seu acto de presentación que tivo lugar no Auditorio Abanca da rúa Preguntoiro. Na súa intervención avogou por unha grande maioría que decida responsablemente e apoie un proxecto sólido de cidade baseado no traballo e na dedicación plena. 

Considera que Santiago, mais que nunca, quere e necesita un goberno no que confiar, que aporte tranquilidade, centrado na boa xestión, formado polas persoas mellor preparadas mais aló da ideoloxía ou das siglas. 

Para Hernández é o momento de aunar vontades e distintas sensibilidades para liderar Santiago na boa dirección.

Ao longo da súa intervención fixo un repaso pola súa traxectoria vital e profesional vinculada a Santiago dende os anos 80, que se permitiu ser protagonista da ´”revolución das infraestruturas” vivida pola cidade, e ser protagonista directo de moitas delas, como a autovía Santiago-Brión, o Corredor Brión-Noia, os viadutos de Noia e de Outes –“que meten o mar en Compostela”-, a autoestrada Santiago-Ourense, a autovía da Estrada ou o polígono da Sionlla, ademais de poñer en marcha dende a Xunta o Transporte Metropolitano de Santiago ou o autobús a Lavacolla.

“Agora –afirmou- toca a segunda revolución”, que definiu como “a revolución da calidade vida, a revolución das persoas” a través de maiores cotas de benestar para os veciños, da mellora dos servizos, da recuperación económica e do emprego. 

Para conseguilo, amosouse disposto a seguir traballando dende a Alcaldía a través dun proxecto para Compostela aberto a todos, ambicioso, integrador e ilusionante”. Lembrou algúns dos logros do seu Goberno nos últimos 9 meses nos que, ademais da normalidade política, acadáronse logros como a baixada de impostos e conxelación de taxas. 

O candidato popular tamén tivo unha verbas de referencia aos sete concelleiros que tiveron que dimitir lembrando a sentenza que os obrigou a renunciar aos seus escanos e que provocou unha crise municipal prexudicando persoalmente a vida deste edís que en ningún momento cometeron ningunha irregularidade.

Aposta polo traballo
No acto de presentación, o candidato Agustín Hernández tamén apostou polo traballo e o compromiso pola cidade e lembrou que durante a súa etapa como alcalde se puido mellorar a situación do Concello, e baixar os impostos e conxelar as taxas, e que esta solvencia acadada permitiu crear tamén unha Renda Social, por primeira vez na cidade.

“Hoxe o Concello está saneado e conta cun orzamento aprobado en prazo por primeira vez en moitos anos, cun control axeitado dos ingresos e dos gastos”, manifestou, circunstancia que nos permite afrontar un novo tempo e un novo proxecto para os veciños e veciñas.

“Pero Santiago necesita unha planificación e unha xestión que a dirixan cara o obxectivo de construír unha cidade plural e dinámica, que ofreza traballo e benestar arredor dun proxecto que xere ilusión e confianza”, dixo, proxecto que propón para a cidade e que “non vai contra ninguén, porque vai a favor de Santiago, e que non exclúe a ninguén porque quere contar coa participación das administracións públicas, de todas as institucións e entidades da cidade, das asociacións de veciños e de todos e cada un dos cidadáns, que nos voten ou non nos voten, porque Santiago é o único que nos importa e necesita de todos os nosos esforzos que non imos regatear”.


Santiago unha grande cidade
Para acadar este obxectivo Hernández subliñou que imos facer do Concello un referente de traballo, de transparencia, de credibilidade e de ética, “porque temos moi claro que iso é o quere a cidadanía que nos vota e por iso se nos paga”.

Tamén que imos seguir facendo política a pé de rúa, escoitando á xente, participando na vida diaria da cidade e actuando sen perder de vista que antes que nada somos veciños de Santiago e desde esa condición analizar e decidir os asuntos públicos.

Para o candidato popular os veciños son os mellores asesores porque as súas opinións son un punto de vista que non podemos deixar de lado e que debemos ter sempre moi presente. “Ningunha planificación nin mellora se pode facer de costas á cidadanía, á maioría social” e lembrou que o seu proxecto ten o diálogo e o desexo de entendemento como ferramenta básica para manter e incrementar o necesario traballo conxunto co resto das Administracións, para rematar as grandes obras, equipamentos e servizos que temos pendentes, e para potenciar unha alianza coa Universidade e cos sectores do comercio e da empresa.

Tamén ofreceu modernizar a Administración municipal para que sexa máis eficaz e eficiente; e sobre todo que estea máis pensada para facilitar a atención aos cidadáns, con máis axilidade, con transparencia e propiciando a participación porque “o Concello ten que actuar con decisión e non limitarse a ser un simple axente pasivo”.

Para Agustín Hernández “a cidade de Santiago ten que trazar un Camiño novo que parta do interior do seu corpo social. Un Camiño polo que transiten os nosos valores e que proxecte a cidade a Galicia e ao resto de España e do Mundo. Un camiño que teña en conta a toda a cidade, pero tamén aos barrios e parroquias que deben estar moi presentes na planificación e na mellora dos seus servizos”.

Así lembrou como esta mellora que diariamente reclaman os veciños e a obriga principal e citou o arranxo e o mantemento das rúas, a limpeza viaria, medidas para facilitar o aparcamento, para ter un tráfico mais fluído, para que o transporte público sexa unha alternativa real aos desprazamentos en coche privado, para un axeitado mantemento de parques e xardíns, do alumeado público.

Na súa intervención Hernández subliñou que “é o momento de abandonar as posturas ideolóxicas inamovibles. De ser xenerosos. De deixar de pensar nas ideoloxías como parapetos desde os que defendernos ou atacar. Abandonar a política pequena e curtoplacista cuxo principal proxecto consiste en desaloxar ao contrario, sen aclarar que vai facer despois porque Santiago precisa dirixentes con altura de miras, para os que chegar ao concello non é a meta senón o punto de partida, dispostos á acadar acordos antes que a dinamitar calquera posibilidade de entendemento”.

A cidade do futuro
O candidato popular rematou a súa intervención facendo un repaso pola cidade do futuro, cunha grande área urbana que faga de Santiago unha nova realidade, chea de historia, orgullosa do seu patrimonio, integradora e aberta ao seu contorno máis inmediato, leal e consecuente coa súa condición de capital de Galicia.

Tamén unha cidade máis accesible, con novas vías exteriores, cunha nova estación intermodal (que empezará a ser realidade ao longo deste mesmo ano) e cun transporte urbano e metropolitano ampliado circulando por carrís preferentes.

Cunha cidade histórica posta en valor coas novas tecnoloxías e cunha Catedral renovada para recibir o Ano Santo e cun proxecto definido para integrar Medicina no contorno hospitalario e coa solución a vellas demandas urbanísticas, como os edificios de Galeras e de Odontoloxía.

Canto as zonas verdes falou de melloralas creando un modelo de sustentabilidade, coas augas do Sar e do Sarela depuradas para recuperar o paseo polas súas ribeiras para o lecer e a memoria da cidadanía e cun rural que teña moi en conta as súas propias necesidades de servizos esenciais en materia de transporte público, de abastecemento e saneamento e de acceso ás novas tecnoloxías.

Para Hernández o deporte debe gañar novos espazos e renovar outros, como imos facer co estadio de San Lázaro.

O candidato popular rematou a súa intervención animando aos composteláns a sumarse a esta nova cidade de futuro que estamos xa empezando a construír entre todos, na que xa traballa un equipo unido, que non perde o tempo en liortas, que mira cara adiante coa confianza de facer as cousas con rigor, con honestidade e coa mellor vontade de gobernar para todos.

PP Melide - proposta para a colocación de propaganda electoral

A candidata polo PP de Melide á alcaldía, Ánxeles Vázquez, por iniciativa propia deste grupo político propuxo á oposición municipal a posibilidade de habilitar no Cantón de San Roque un espazo para a propaganda electoral dada a celebración de comicios municipais o vindeiro 24 de Maio de 2015. 

Trátasedunha iniciativa que pretende incentivar a ordenación urbana e o civismo en campaña electoral habilitando un panel móvil onde os candidatos poderánfacer uso de espazo para á tradicional “pegada” de carteis evitando polo tanto, encher o pobo de propaganda e carteis electoral en fachadas e paredes, afeando o centro urbano. 

Por outra banda acordouse tamén que sobre as farolas colgarase os carteis cun sistema que non estropea o propio corpo da farola nin a pintura, e no que respeta ao rural, os centros sociais serán os habilitados para a propaganda electoral. Con este tipo de medidas emprendidas motu proprio polo PP de Melidepreténdese por unha banda lograr un pobo limpo e por outra, eliminar o feísmo de fachadas a par que se diminúe o esforzo dos equipos de limpezaunha vez pasadas as elecciónsmunicipais.

Ames - Taballos de asfaltado no Milladoiro e Bertamiráns

O Concello de Ames iniciou esta semana os traballos de mellora da capa de rodaxe de varias rúas e camiños municipais. En concreto, estanse a asfaltar o tramo final da rúa Xaquín Lorenzo, no Milladoiro, e as travesías de Lodeiro e do Pedregal –ambas situadas en Bertamiráns–. Nesta última rúa crearanse, ademais, corenta novas prazas de aparcamento. 

Previamente, construíuse un novo tramo de beirarrúa de 150 metros cadrados no Pedregal e repuxéronse 112 metros cadrados de beirarrúa en Lodeiro. Por último, haberá que colocar a correspondente sinalización horizontal e vertical. Nestas obras, sufragadas a través do Plan de Obras e Servizos da Deputación Provincial, vanse investir arredor de 46.000 euros. 

Ademais, comezaron os labores previos de limpeza para poder executar o proxecto de reparación do camiño que vai dende o lugar da Mámoa ata a praia fluvial de Tapia.

Melide - Xornada no IES para concienciar sobre alcohol e diversión

O Concello de Melide organiza durante dous días unhas xornadas adicadas aos rapaces e rapazas do IES de Melide para concienciar ao alumnado nun ocio saudable, desterrando estereotipos ou tópicos sobre o alcohol e a diversión. 

Para tal fin levouse a cabo un obradoiro entre o alumnado de 3º e 4º para desterrar certas asociacións entre o alcohol e o tempo libre para crear outras alianzas con bebidas saludables e nutritivas. O alumnado aprenderá a realizar diferentes recetassanas e de gusto exquisito para desfrute dos xovenes padais. 

Ao par desta iniciativa do Concello de Melide en colaboración directa co IES de educación secundaria da vila, terá lugar un coloquio dirixido ao alumnado comprendido entre os 14 e 15 anos co fin de instaurar prácticas saudables no tempo de lecer que alonxen ao alcohol como alternativa, facendo fincapé nos efectos das bebidas alcohólicas no seu consumo a idades temperás, como pode ser o caso de danos psicolóxicos, familiares e sociais que ocasiona o propio consumo. 

A alcaldesa de Melide, Ánxeles Vázquez, explica a importancia de levar a cabo este tipo de iniciativas en colaboración directa cos centros educativos xa que as administracións públicas temos o deber de concienciar e afincar conductas responsables entre a mocidade. Para tal fin, a rexedora melidá adianta que o vindeiro luns 14 de abril asinará un convenio para seguir traballando na liña dunha mocidade libre de alcohol e incentivando rutinas saudables.

Axenda e tempo do martes 7 de abril - Música, libros, exposicións

Santiago - Numax 

Santiago - Auditorio Abanca - Rústica

Santiago - Cronopios - Club de lectura

Outros Concertos + info

Exposicións

Santiago - Fonseca - Biblioteca Diversidade Cultural - exposición Tintín (ata finais maio)

Santiago - Cidade da Cultura - Camiño, A orixe (ata o 11 de septembro)

Brión - Vistas o campo de Juan Moreno Badía (ata o 11 de abril)

Santiago - USC - Miscela Vitrea (ata o 11 de abril)

Santiago - Fundación Granell - Instinto Animal - Phillip West (ata o 21 de xuño)


O Tempo