Psoe Santiago - Presentación do candidato Paco reyes

Ante numerosos militantes e representantes do mundo asociativo da cidade e arroupado por responsables do PSdeG, co seu secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, á cabeza, o candidato socialista á alcaldía de Santiago, Paco Reyes, presentaba esta tarde as 24 persoas que, xunto con el concorrerán ás eleccións do vindeiro 24 de maio. Reyes, ademais, adiantou parte do programa co que vai Recuperar Santiago se goberna; un programa sustentado en catro piares: o emprego, o pacto social, o desenvolvemento urbano e a participación e transparencia.

FOTO @BLASGARCIA
No acto de presentación da candidatura socialista, celebrado na Sala Capitol, Reyes destacaba o “compromiso sen paliativos” das mulleres e homes que integran a lista, así como as ganas de traballar pola cidade. “Traballar, si, traballar arreo, e nunca facendo do Concello o noso chiringuito persoal”, asegurou Reyes, que destacou tamén a renovación total que caracteriza a candidatura. Unha candidatura da que tamén dixo que pon en valor valores como a xuventude, a formación, a capacitación e o compromiso político e social, ademais de ser un “magnífico exemplo do que é Santiago e a súa sociedade”.

Para Paco Reyes outro dos obxectivos fundamentais do Partido Socialista se o 24 accede ao goberno de Compostela é o de devolver á cidade a referencia e o orgullo da capitalidade “que nunca debeu perder”. “Recuperaremos un Santiago forte e a Compostela capital”, dixo. “A capitalidade correspóndelle a Santiago non só por situación xeográfica e por historia”, indicou, senón porque “se existe unha cidade con ligazóns con todas e cada unha das localidades de Galicia, esa é Compostela”. “Unha cidade que deu mostras máis que sobradas de solidariedade, que foi referente na cultura, na sanidade, na educación; unha cidade que loitou pola defensa, coidado e potenciación do seu patrimonio e da súa universidade; unha cidade na que conflúen uns camiños que temos que recuperar e poñer en valor”, dixo Reyes.

O candidato asegurou que “o meu único obxectivo é o de servir a Santiago”, e, a este respecto, puntualizou que “non me presento para facer do Concello unha plataforma persoal para dar o salto despois a outros postos ou cargos institucionais”. “O 24 de maio as veciñas e veciños de Santiago poderán escoller entre un alcalde, Agustín Hernández, que foi posto a dedo por Feijoo e representa o caos, a ineficacia e a falla total de proxecto e a proposta socialista, que xa deu mostras máis que sobradas de solvencia durante 25 anos de goberno”, destacou o candidato á alcaldía do PSdeG.

Reyes agradeceu o traballo desenvolvido polos anteriores alcaldes socialistas, Xerardo Estévez e Xosé Antonio Sánchez Bugallo, que, fronte á inestabilidade e pasos atrás dados co PP, foron quen de gobernar a cidade “dun xeito progresista, de promover o seu crecemento e a súa modernidade, e de darlle unha estabilidade, tanto en gobernos de maioría absoluta como de maioría simple ou mesmo a través dunha coalición”.

Ningún comentario: