USC - Proxecto Ad HOc da facultade de Ciencias da Educación

En 2007 a Facultade de Ciencias da Educación da USC iniciou o seu Ciclo de Teatro Comunitario. Un proxecto que durante sete anos incidiu de xeito moi consciente e esforzado no labor de dar visibilidade ao traballo da agrupacións de teatro amador vencelladas a distintas estruturas comunitarias.

Co Ciclo xa consolidado, en 2014 a organización do mesmo en colaboración con Enlata –o laboratorio escénico da facultade-, decidiuse a darlle un xiro e apostou por iniciar unha nova liña de traballo que promovese a creación escénica contemporánea no eido do teatro amador. E foi así como, co apoio da Rede de Centros Socioculturais do Concello de Santiago, naceu o Proxecto AD HOC, no que se emprazaba a todas as compañías de teatro afeccionado interesadas a crear unha peza que cumprise con tres condicións: ser unha creación colectiva orixinal en galego ideada e creada especificamente dentro do Grupo de traballo AD HOC, ter unha duración de entre 12 e 15 minutos e xirar arredor dunha temática dada pola organización.

A iniciativa non puido ter mellor acollida: cumpriuse ao completo a expectativa de participación de compañías con espectáculos de altísima calidade que sorprenderon pola orixinalidade e a intelixencia á hora de abordar o tema-eixo da convocatoria e un público heteroxéneo -procedente tanto do eido académico coma da cidadanía que fai uso da Rede de Centros Socioculturais-, cubriu nun 90% o aforo total previsto e valorou con entusiasmo todas as pezas mostradas en diversos espazos (tanto interiores coma exteriores) do CSC Santa Marta ao longo de entre dous e catro pases cada unha.

Amáis diso, o PROXECTO AD HOC supuxo a creación dun espazo de convivencia no que todos os participantes coincidiron en resaltar o clima grato de traballo, creatividade e compañeirismo.

AD HOC 2015

Animada pola magnífica resposta obtida polo AD HOC 2014 e con vocación de continuidade no achegamento da creación escénica contemporánea á poboación, a organización volveu lanzar o reto nunha segunda edición. E catro compañías aceptaron o desafío de traballaren en proxectos de creación escénica arredor do tema da violencia obstétrica.

Ao igual que na primeira edición, o Proxecto AD HOC estableceu unha rede de colaboración entre entidades e persoas expertas no tema que desta vez non só achegan material e documentación para a elaboración do dossier sobre o que traballan as compañías, (realizado coa axuda da Asociación El parto es nuestro-O parto é noso e EDUCER), senón que complementan, contextualizan e enriquecen a parte escénica con conferencias e mesas redondas arredor de diferentes aspectos da violencia obstétrica.

A comisión organizadora quere agradecer ás compañías e ás entidades e persoas participantes nesta edición o seu traballo e compromiso xeneroso co proxecto e comprácese en convidar á cidadanía a tomar parte na celebración deste proxecto.


Ningún comentario: