O candidato do Partido Popular á Alcaldía de Santiago, Agustín Hernández, ofreceu hoxe aos composteláns un goberno sólido e estable para os vindeiros catro anos no seu acto de presentación que tivo lugar no Auditorio Abanca da rúa Preguntoiro. Na súa intervención avogou por unha grande maioría que decida responsablemente e apoie un proxecto sólido de cidade baseado no traballo e na dedicación plena.
Considera que Santiago, mais que nunca, quere e necesita un goberno no que confiar, que aporte tranquilidade, centrado na boa xestión, formado polas persoas mellor preparadas mais aló da ideoloxía ou das siglas.
Para Hernández é o momento de aunar vontades e distintas sensibilidades para liderar Santiago na boa dirección.
Ao longo da súa intervención fixo un repaso pola súa traxectoria vital e profesional vinculada a Santiago dende os anos 80, que se permitiu ser protagonista da ´”revolución das infraestruturas” vivida pola cidade, e ser protagonista directo de moitas delas, como a autovía Santiago-Brión, o Corredor Brión-Noia, os viadutos de Noia e de Outes –“que meten o mar en Compostela”-, a autoestrada Santiago-Ourense, a autovía da Estrada ou o polígono da Sionlla, ademais de poñer en marcha dende a Xunta o Transporte Metropolitano de Santiago ou o autobús a Lavacolla.
“Agora –afirmou- toca a segunda revolución”, que definiu como “a revolución da calidade vida, a revolución das persoas” a través de maiores cotas de benestar para os veciños, da mellora dos servizos, da recuperación económica e do emprego.
Para conseguilo, amosouse disposto a seguir traballando dende a Alcaldía a través dun proxecto para Compostela aberto a todos, ambicioso, integrador e ilusionante”. Lembrou algúns dos logros do seu Goberno nos últimos 9 meses nos que, ademais da normalidade política, acadáronse logros como a baixada de impostos e conxelación de taxas.
O candidato popular tamén tivo unha verbas de referencia aos sete concelleiros que tiveron que dimitir lembrando a sentenza que os obrigou a renunciar aos seus escanos e que provocou unha crise municipal prexudicando persoalmente a vida deste edís que en ningún momento cometeron ningunha irregularidade.
Aposta polo traballo
No acto de presentación, o candidato Agustín Hernández tamén apostou polo traballo e o compromiso pola cidade e lembrou que durante a súa etapa como alcalde se puido mellorar a situación do Concello, e baixar os impostos e conxelar as taxas, e que esta solvencia acadada permitiu crear tamén unha Renda Social, por primeira vez na cidade.
“Hoxe o Concello está saneado e conta cun orzamento aprobado en prazo por primeira vez en moitos anos, cun control axeitado dos ingresos e dos gastos”, manifestou, circunstancia que nos permite afrontar un novo tempo e un novo proxecto para os veciños e veciñas.
“Pero Santiago necesita unha planificación e unha xestión que a dirixan cara o obxectivo de construír unha cidade plural e dinámica, que ofreza traballo e benestar arredor dun proxecto que xere ilusión e confianza”, dixo, proxecto que propón para a cidade e que “non vai contra ninguén, porque vai a favor de Santiago, e que non exclúe a ninguén porque quere contar coa participación das administracións públicas, de todas as institucións e entidades da cidade, das asociacións de veciños e de todos e cada un dos cidadáns, que nos voten ou non nos voten, porque Santiago é o único que nos importa e necesita de todos os nosos esforzos que non imos regatear”.
Santiago unha grande cidade
Para acadar este obxectivo Hernández subliñou que imos facer do Concello un referente de traballo, de transparencia, de credibilidade e de ética, “porque temos moi claro que iso é o quere a cidadanía que nos vota e por iso se nos paga”.
Tamén que imos seguir facendo política a pé de rúa, escoitando á xente, participando na vida diaria da cidade e actuando sen perder de vista que antes que nada somos veciños de Santiago e desde esa condición analizar e decidir os asuntos públicos.
Para o candidato popular os veciños son os mellores asesores porque as súas opinións son un punto de vista que non podemos deixar de lado e que debemos ter sempre moi presente. “Ningunha planificación nin mellora se pode facer de costas á cidadanía, á maioría social” e lembrou que o seu proxecto ten o diálogo e o desexo de entendemento como ferramenta básica para manter e incrementar o necesario traballo conxunto co resto das Administracións, para rematar as grandes obras, equipamentos e servizos que temos pendentes, e para potenciar unha alianza coa Universidade e cos sectores do comercio e da empresa.
Tamén ofreceu modernizar a Administración municipal para que sexa máis eficaz e eficiente; e sobre todo que estea máis pensada para facilitar a atención aos cidadáns, con máis axilidade, con transparencia e propiciando a participación porque “o Concello ten que actuar con decisión e non limitarse a ser un simple axente pasivo”.
Para Agustín Hernández “a cidade de Santiago ten que trazar un Camiño novo que parta do interior do seu corpo social. Un Camiño polo que transiten os nosos valores e que proxecte a cidade a Galicia e ao resto de España e do Mundo. Un camiño que teña en conta a toda a cidade, pero tamén aos barrios e parroquias que deben estar moi presentes na planificación e na mellora dos seus servizos”.
Así lembrou como esta mellora que diariamente reclaman os veciños e a obriga principal e citou o arranxo e o mantemento das rúas, a limpeza viaria, medidas para facilitar o aparcamento, para ter un tráfico mais fluído, para que o transporte público sexa unha alternativa real aos desprazamentos en coche privado, para un axeitado mantemento de parques e xardíns, do alumeado público.
Na súa intervención Hernández subliñou que “é o momento de abandonar as posturas ideolóxicas inamovibles. De ser xenerosos. De deixar de pensar nas ideoloxías como parapetos desde os que defendernos ou atacar. Abandonar a política pequena e curtoplacista cuxo principal proxecto consiste en desaloxar ao contrario, sen aclarar que vai facer despois porque Santiago precisa dirixentes con altura de miras, para os que chegar ao concello non é a meta senón o punto de partida, dispostos á acadar acordos antes que a dinamitar calquera posibilidade de entendemento”.
A cidade do futuro
O candidato popular rematou a súa intervención facendo un repaso pola cidade do futuro, cunha grande área urbana que faga de Santiago unha nova realidade, chea de historia, orgullosa do seu patrimonio, integradora e aberta ao seu contorno máis inmediato, leal e consecuente coa súa condición de capital de Galicia.
Tamén unha cidade máis accesible, con novas vías exteriores, cunha nova estación intermodal (que empezará a ser realidade ao longo deste mesmo ano) e cun transporte urbano e metropolitano ampliado circulando por carrís preferentes.
Cunha cidade histórica posta en valor coas novas tecnoloxías e cunha Catedral renovada para recibir o Ano Santo e cun proxecto definido para integrar Medicina no contorno hospitalario e coa solución a vellas demandas urbanísticas, como os edificios de Galeras e de Odontoloxía.
Canto as zonas verdes falou de melloralas creando un modelo de sustentabilidade, coas augas do Sar e do Sarela depuradas para recuperar o paseo polas súas ribeiras para o lecer e a memoria da cidadanía e cun rural que teña moi en conta as súas propias necesidades de servizos esenciais en materia de transporte público, de abastecemento e saneamento e de acceso ás novas tecnoloxías.
Para Hernández o deporte debe gañar novos espazos e renovar outros, como imos facer co estadio de San Lázaro.
O candidato popular rematou a súa intervención animando aos composteláns a sumarse a esta nova cidade de futuro que estamos xa empezando a construír entre todos, na que xa traballa un equipo unido, que non perde o tempo en liortas, que mira cara adiante coa confianza de facer as cousas con rigor, con honestidade e coa mellor vontade de gobernar para todos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario