Mancomunidade de Ordes - Día da Muller, cooperativismo e campaña One Woman

A Mancomunidade de Ordes conmemorará o 8 de marzo cunha xornada sobre o cooperativismo e as mulleres 
Tamén formará parte da campaña One Woman, desenvolvida por ONU Mulleres, coa difusión do tema musical 'Unha muller' 
Co gallo do Día Internacional da Muller, que se celebrará hoxe venres, a Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes levará a cabo unha serie de actos coa fin de conmemorar a loita da muller pola súa participación e igualdade de xénero na sociedade e no seu desenvolvemento como persoa. A primeira medida adoptada polos representantes dos sete concellos que a conforman é a de celebrar unha xornada baixo o epígrafe 'O cooperativismo: unha fórmula de emprego válida para as mulleres'. Manuel Pena, técnico da Oficina de Fomento de Cooperativas da Comarca de Ordes será o encargado de levar a acabo esta actividade no salón de plenos de Ordes a partir das 10.30 horas. Tamén o Centro Cultural Fernando casas e Novoa de Oroso albergará esta mesma xornada, que neste caso correrá a cargo de Ana Lorenzo Vila e María del Carmen Liste Raña, técnica de fomento cooperativo da Consellería de Traballo, Dirección Xeral de Emprego e Economía Social e a concelleira de Muller, Sanidade, Familia e Igualdade respectivamente. Pola súa banda o Concello de Frades ten previsto unha xornada informativa sobre os dereitos e recursos para a igualdade entre mulleres e homes. Unha charla impartida por membros do Centro de Información á Muller da Mancomunidade e que terá lugar no multiusos municipal ás 13 horas tamén o próximo venres.

A Mancomunidade de Ordes tamén vai decidiu apoiar a campaña One Woman, desenvolvida por ONU Mulleres. Ésta consiste na difusión da canción “Unha Muller”, escrita por varias artistas internacionais, como homenaxe ao traballo de mellora na vida das mulleres e na erradicación da violencia de xénero. Nela recórdase que si todas as persoas se unen poden superarse tanto a violencia de xénero como a discriminación. Tanto en Radio Ordes como nas redes sociais e páxinas web municipais e da Mancomunidade se poderá escoitar dito tema musical.

O Concello de Oroso tamén ten previsto facer público o boletín que, coa colaboración do centro de Información á Muller, elaboraron con motivo desta data tan sinalada. Un proxecto que, entre outros temas, aborda o autoemprego no ámbito das mulleres e as posibilidades que ofrece nun momento como o actual. Xa a partir das 19.30 horas o grupo Duende Sico representará un espectáculo, dirixido principalmente ao público adolescente, no centro cultural Fernando Casas e Novoa. Posteriormente darase a coñecer o fallo do concurso fotográfico 'Muller traballadora', que xa vai pola terceira edición. Dirixido tanto a afeccionados como a profesionais con esta iniciativa preténdese exaltar e recoñecer a profesionalidade e o esforzo das mulleres no eido profesional. Á par inaugurarase no centro Fernando Casas e Novoa a mostra realizada con todos os traballos presentados e que poderá visitarse ata o 29 de marzo. Este ano o Concello de Oroso destina 500 euros en premios a repartir entre os tres primeiros clasificados.

Ningún comentario: