Psoe Teo - improvisación no arranxo da rúa Castiñeiro en os Tilos

ARRANXO RUA CASTIÑEIRO: UNHA NOVA IMPROVISACIÓN NA URBANIZACIÓN DOS TILOS
O PSdeG de Teo quere amosar o seu descontento pola reiterada improvisación, por parte do Goberno de Martiño Noriega, no arranxo dos problemas da urbanización dos Tilos
Un novo exemplo desta improvisación son as recentes obras da rúa Castiñeiro, consistentes no vertido dunha capa de aglomerado sobre unha superficie totalmente deteriorada, e que xa provocaron as primeiras queixas da veciñanza CATRO DÍAS DESPOIS DA SÚA EXECUCIÓN.

Estas continuas e reiteradas improvisacións serán sinaladas ao equipo de goberno de Noriega no Pleno de marzo de 2013, con ocasión da comparecencia do concelleiro de urbanismo, Rafael Sisto, A PETICIÓN DOS SOCIALISTAS DE TEO.

 Nesta solicitude de comparecencia, a concelleira do PSdeG de Teo Uxía Lemus non se limitou a denunciar o desastroso estado da Rúa Castiñeiro, senón que solicitaba datos técnicos concretos do proxecto e da realidade da execución desta obra no ano 2009, incluídos os ensaios de laboratorio que determinaran a idoneidade do executado nese ano.

Debemos lembrar que a reurbanización da Rúa Castiñeiro foi unha obra financiada con 470.000 euros do Fondo estatal de inversión local do Ministerio de Administracións Públicas, recepcionada polo Concello con informe favorable do director facultativo das obras, e cun aval de escasa contía, 20.258,62 euros, insuficiente para a necesaria reforma integral desta rúa.

Na comparecencia do Concelleiro de Urbanismo, Rafael Sisto, e unha vez feita a obra esta semana na Rúa Castiñeiro, o PSdeG de Teo preguntará polo contido dos compromisos e acordos coa empresa adxudicataria, unha vez que o propio Concelleiro de Urbanismo sinalou que coa execución da obra do luns 4 de marzo se evitaría acudir aos tribunais.

Por outro lado, a comparecencia de Rafael Sisto non só responde a preocupación do PSdeG de Teo polo deficiente estado da Rúa Castiñeiro, antes e despois das obras desta semana, senón que debe explicar as causas do abandono actual da Urbanización Os Tilos, así como as actuacións futuras previstas municipais nesta zona.

Lembramos que na moción presentada por Uxía Lemus en febreiro, sinalábanse os seguintes problemas, entre outros: innumerables fochancas; a falta de seguridade nas escaleiras entre niveis da Urbanización; a existencia dun noiro a carón do colexio, sinalizado só cunha cinta de protección; ou o mal estado das beirarrúas, cun gran número de bordos e baldosas movidas ou rotas.

Polo tanto, amosamos tanto a nosa desconformidade coa execución das obras da Rúa Castiñeiro, como a nosa preocupación pola falta de solucións definitivas desde o Goberno municipal para os problemas desta Urbanización, só respondendo con meras improvisacións de urxencia que parecen responder unicamente á comparecencia do Concelleiro de Urbanismo, a instancias do PSdeG de Teo, no Pleno deste mes.

Ningún comentario: