A Mancomunidade de Ordes acorda a creación dun servizo lingüístico de galego
Volverá a solicitarlle á Xunta a cesión das instalacións do Centro Comarcal para instalar alí a súa sede, unha sala de exposicións e aulas de formación
O pleno ordinario de marzo da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes,acordou a creación dun servizo lingüístico para a promoción do uso da lingua galega. Entre outras funcións dito servizo será o encargado de revisar tanto os documentos oficiais como as páxinas web da Mancomunidade e dos concellos que a conforman, agás Mesía. En breve o departamento administrativo tramitará á solicitude da subvención ofrecida con tal fin aos entes locais por parte da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Outro dos puntos acordados no encontro de hoxe foi o de volver a solicitarlle ao Goberno autonómico a cesión das instalacións do Centro Comarcal, ubicado na rúa Casillas. A intención é a de trasladar a este espazo, infrautilizado nestes momentos, o persoal e servizos da Mancomunidade convertíndoo na súa nova sede. Ademais tamén se instalaría unha sala de exposicións e unha aula de formación co fin de promover o emprego na comarca.
Por último autorizouse tamén a dar de alta o ficheiro da Oficina de Cooperativismo, tal e como marca a Lei de protección de datos 15/99 do 13 de decembro R.D. 1720/07, así como a participación e instalación dun stand na feira multisectorial Expoordes 2013, que se desenvolverá durante a última fin de semana de abril. Un espazo onde se exlatarán os atractivos turísticos, gastronómicos e artísticos da comarca, así como o seu potencial empresarial.
Ningún comentario:
Publicar un comentario