O Oroso TM consegue dous títulos de campión de España e un terceiro posto nos campionatos de España de tenis de mesa
O Oroso TM vén de conseguir dous títulos de campión de España e un terceiro posto nos Campionatos de España de Tenis de Mesa celebrados entre o 23 de febreiro e o 3 de marzo en Pontevedra. Dous ouros que chegaron na categoría infantil, da man do dobre masculino (composto por Sergio Aguión e Uxío Regueiro) e o dobre feminino (integrado por Mireia Cifuentes e Silvia Álvarez), quen tamén acadou o bronce na categoría xuvenil. Un éxito sen precedentes para o club orosán, que foi o único club galego que foi quen de acadar un título de campión de España.
O Oroso TM arrasou na modalidade de dobres. Na categoría feminina, a parella integrada por Mireia Cifuentes e Silvia Álvarez gañaron a final do campionato infantil a María Pérez (Dédalos, Tenerife) e a Patricia Siles (Leganés – Madrid) por un axustado 3-2. Uns días antes, o equipo “Dous de maio Oroso”, composto por Cifuentes e Álvarez, acadara un terceiro posto na categoría xuvenil, a pesar de que o conxunto está formado por dúas rapazas de categoría infantil de primeiro ano. O dobres masculino infantil completou o éxito, xa que Sergio Aguión e Uxío Regueiro se impuxeron na final aos cataláns Joan Masip (Igualada) e Enric Casado (Tarraco).
O Oroso TM participou nestes Campionatos de España de Tenis de Mesa cun total de 23 xogadores e xogadoras das categorías comprendidas entre benxamín e absoluto. No absoluto, o Oroso TM conseguiu unha meritoria 12ª praza, o que o sitúa entre os mellores equipos do país. Cun plantel moi novo, formado por Jacobo Enseñat e por tres canteiráns (Javier Obelleiro, Carlos Domínguez e Simón Raña), o conxunto acusou a baixa de Valeri Malov, adestrador e máximo responsable do Oroso TM, quen non puido participar por atoparse dirixindo ao resto de equipos das categorías inferiores do club.
Dende o Oroso TM destacan que “unha vez máis, a canteira dirixida por Valeri Malov amosa o gran traballo realizado en Oroso co tenis de mesa”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario