O BNG de Ames solidarízase c@s veciñ@s e a Plataforma do Lixo inxustamente denunciados por defender os seus dereitos
O BNG de Ames rexeita a persecución que por parte da Subdelegación do Goberno, contando co apoio cómplice do Alcalde de Ames, Santiago Amor, está a efectuar contra a Plataforma do Lixo, así como a veciños e veciñas que acudiron civicamente ás concentracións convocadas.
A notificación de expedientes sancionadores polo acontecido en diversas concentracións pacíficas é inxusta, ademais de ser un acto abusivo e arbitrario, propio doutras épocas. O PP, a través da Subdelegación do Goberno e máis do concello de Ames, está a equipar a concentración e protesta con graves altercados de seguridade pública, para disuadir ás persoas a que defendan por canles pacíficas os seus dereitos.
Os expedientes acusan aos veciños e á Plataforma de “orixinar desordes graves nas vías, espazos ou establecementos públicos”, o cal non se corresponde coa realidade, mesmo se acudimos ás referencias de prensa dos plenos onde houbo concentracións públicas, polo que en realidade o que se persigue é unha represión ilegal e arbitraria dunha resposta cidadá exemplar ante unha inxustiza.
O Alcalde de Ames, coa súa actitude complacente con estes expedientes, onde mesmo remitiu un escrito para apoiar unha das sancións incoadas a raíz de denuncia da Policía Local, está a demostrar que tolera mal as críticas lóxicas e cívicas da veciñanza do rural, e demostra de novo a súa faciana máis autoritaria no momento en que ten defender nos xulgados o seu infausto proceder na xestión do cobro retroactivo do lixo no rural de Ames.
O BNG de Ames amosa a súa solidaridade c@s veciñ@s afectad@s, coa Plataforma do Lixo, e reitéralle ao Alcalde a que abandone o seu autoritarismo e xestione o arquivo dos expedientes, e acepte a crítica expresada publicamente de xeito democrático.
Ningún comentario:
Publicar un comentario