O ALCALDE DE FRADES AGRADÉCELLE Á DELEGADA DA XUNTA NA CORUÑA A AXILIZACIÓN DAS OBRAS DE SANEAMENTO EN PONTECARREIRA E PÍDELLE A SÚA COLABORACIÓN NO ABASTECEMENTO DE AÑÁ E MOAR
Roberto Rey invitou hoxe a Belén do Campo a visitar os traballos Pontecarreira, rematados a falta de construír a depuradora
A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, reuniuse hoxe co alcalde de Frades, Roberto Rey, e co deputado autonómico e concelleiro de Relacións Institucionais de Frades, Miguel Prado, para analizar varios proxectos que a Xunta de Galicia ten en marcha no municipio. Roberto Rey agradeceulle a Belén do Campo a colaboración do seu Departamento no desenvolvemento das obras de saneamento no núcleo de Pontecarreira e solicitou tamén a súa mediación para poñer en marcha os proxectos que permitan levar o abastecemento de auga ás parroquias de Añá e Moar.
O alcalde de Frades convidou á delegada territorial da Xunta a visitar as obras de saneamento de Pontecarreira, nas que a Xunta de Galicia está a investir máis de 1,3 millóns de euros. Uns traballos que se están a rematar nestes días coa reposición do aglomerado na zona, tal e como se comprometera a Delegación Territorial da Xunta na Coruña o pasado mes de setembro. Roberto Rey amosou a súa satisfacción “tanto pola axilización das obras en Pontecarreira como pola concesión do obradoiro de emprego conxunto con Mesía e Curtis, pois está permitindo mellorar e recuperar moitas áreas recreativas e zonas verdes de Frades”.
As obras de saneamento de Pontecarreira son froito dun convenio asinado entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o Concello de Frades para dotar aos veciños dunha nova depuradora, con capacidade para 600 habitantes, que incorporará unha planta de tratamento de lamas equipado cunha cámara centrífuga con capacidade para tratar todas as lamas procedentes do municipio fradense. As obras da rede de augas residuais incluíron a instalación de 5.250 metros de colectores e só resta acometer a construción da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR), que estará situada na zona de O Foxo, cerca da actual Estación de Tratamento de Augas Potables (ETAP) e a medio camiño entre o río Tambre e a pista polideportiva do IES de Pontecarreira.
Abastecemento a Añá e Moar
Pola súa banda, Miguel Prado solicitou a mediación de Belén do Campo para conseguir levar o abastecemento de auga ás parroquias de Añá e Moar, cuxos proxectos xa foron presentados diante da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e que están orzamentados en 1.437.000 euros, no caso de Moar, e en 880.000 euros, no caso de Añá. “Trátase de dous proxectos moi importantes, pois suporían que todos os veciños de Frades poderán ter acceso ao abastecemento de auga ”, explica Miguel Prado. Nos últimos anos, grazas á Xunta e ao Fondo Estatal para o Emprego e a Sostenibilidade Local (FESL), Frades puido estender a súa rede de abastecemento de auga ás parroquias de Galegos, Vitre e Céltigos.
Servizos sociais
Así mesmo, Roberto Rey expúxolle á delegada territorial os problemas de conservación de estradas que teñen municipios como Frades, que teñen todo o seu territorio concentrado, e pediu a súa colaboración para o arranxo de camiños agrícolas e de concentración parcelaria. Neste sentido, compre lembrar que Frades é un dos poucos municipios galegos que ten todo o seu territorio concentrado, o que supón unha vantaxe pero tamén implica que o Concello ten que manter unha rede viaria municipal de máis de 560 quilómetros, dos que máis de 300 son pistas de monte.
O alcalde de Frades, en nome da Mancomunidade de Ordes, tamén lle trasladou a Belén do Campo a necesidade de que se siga mantendo a colaboración para o mantemento dos servizos sociais que reciben numerosos veciños e veciñas. Por último, Rey Martínez tamén presentou pequenos proxectos para a mellora do centro multiusos de Frades e das instalacións deportivas do municipio.

Ningún comentario:
Publicar un comentario