Os profesores aproveitaron para pedir unha serie de melloras no centro. O alcalde comprometeuse a resolver moitas delas e a dar traslado á Xunta daquelas que exceden a competencia municipal
Un total de 120 nenos e nenas do CEIP Pedrouzos, de entre 3 e 5 anos de idade, visitaron esta mañá as instalacións da casa consistorial de Brión, onde foron recibidos polo alcalde, Xosé Luís García. Os pequenos chegaron a media mañá e coñeceron as distintas dependencias municipais e que traballo se fai nelas.
Os momentos máis divertidos tiveron lugar na visita ao despacho do alcalde e ao salón de plenos, onde os pequenos tiraron de espontaneidade e meteron nun brete a máis de un coas súas preguntas, como cando lle preguntaron ao xefe da Policía Local onde deixara a metralleta. Ao rematar a visita, todos eles recibiron unhas lambonadas.
Peticións de mellora
Os mestres do CEIP Pedrouzos aproveitaron a visita para entregarlle ao alcalde un escrito cunha serie necesidades no centro escolar. Xosé Luís García comprometeuse a estudar as demandas e a resolver moitas delas como a petición de plantar máis árbores ou de facilitar distintos materiais cos que organizar xogos e circuítos para os pequenos. Así mesmo, o alcalde brionés asegurou que daría traslado á Xunta das demandas que superan as competencias municipais, como a petición de ampliación do patio escolar ou a construción dun campo de fútbol.

Ningún comentario:
Publicar un comentario