Psoe Ordes - verquidos nas proximidades dunha zona de xogos do Colexio Castelao

O PSOE DE ORDES DENUNCIA VERQUIDOS CONTINUOS DE RESTOS DA COCIÑA DO COLEXIO CASTELAO A UNHA ZONA ONDE XOGAN OS NENOS

Os socialistas solicitarán ao Concello que arranxe a situación de xeito definitivo e denunciarán a situación ante as consellerías de Educación e de Sanidade
O Partido Socialista de Ordes denuncia os verquidos periódicos que teñen lugar nunha zona onde xogan os alumnos e alumnas do colexio Castelao e que proveñen dun desaugadoiro procedente da instalación escolar. Unha situación que foi denunciada diante do Partido Socialista de Ordes por pais e nais do colexio Castelao, que observaron que os verquidos se producen de xeito periódico.

O voceiro municipal socialista, Xesús Pedreira, explica que “nunha das zonas onde xogan os cativos aparecen periodicamente restos de comida e líquidos que xorden dun cano procedente do colexio Castelao, supoñemos que das cociñas, o cal pode supoñer un risco importante para a saúde nos rapaces”. Pedreira sinala que “os verquidos prodúcense de xeito periódico e, aínda que adoitan limparse, imos esixirlle ao Concello de Ordes que arranxe esa canalización para que os nenos non teñan que xogar entre desperdicios”.

O voceiro municipal socialista foi testemuño esta mesma semana da veracidade das denuncias feitas polos pais e nais do colexio Castelao. Así, na xornada do luns apareceron unha serie de verquidos (FOTOS 1 E 2), que foron limpados o martes. Sen embargo, un novo verquido tivo lugar na tarde deste mércores (FOTO 3).

Xesús Pedreira considera que “coa salubridade dos nosos pequenos non se pode xogar, e menos nun centro escolar”. Por iso, anuncia que “imos instar ao Concello de Ordes a que elimine esa canalización de inmediato e que así llo comunique á Consellería de Educación”. A maiores, os socialistas ordenses tamén porán esta cuestión en coñecemento tanto da Consellería de Educación como de Sanidade, para que se tomen as medidas oportunas para que non se volvan producir máis verquidos.

Ningún comentario: