Amosando publicacións coa etiqueta CONSELLO DA CULTURA GALEGA. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta CONSELLO DA CULTURA GALEGA. Amosar todas as publicacións

Consello da Cultura - presentación de "No bico un cantar"

Catrocentas voces participarán na xornada “No bico un cantar. Nenos e nenas cantan a Rosalía” conmemorando os 150 anos de “Cantares gallegos” que se celebrará o 7 de xuño

CCG - O 28 de febreiro comezará o Congreso "Rosalía no século XXI. Unha nova ollada"

O Consello da Cultura Galega presentou o programa do Congreso Internacional “Rosalía no século XXI. Unha nova ollada”, que comezará o 28 de febreiro

Consello da Cultura Galega - presentado "O pórtico poético dos seis poemas de Federico García Lorca"


Editado polo Consello da Cultura Galega

Presentado O PÓRTICO POÉTICO DOS “SEIS POEMAS GALEGOS” DE FEDERICO GARCÍA LORCA, un clásico alófono da literatura galega

 O Consello da Cultura Galega presentou hoxe a edición cuarta e definitiva do libro O PÓRTICO POÉTICO DOS “SEIS POEMAS GALEGOS” DE FEDERICO GARCÍA LORCA, un completo estudo crítico publicado pola institución e realizado polo profesor Luís Pérez Rodríguez. A edición, de catrocentas páxinas, inclúe dous CD´s cunha conferencia de Eduardo Blanco Amor pronunciada sobre o tema en Bos Aires en 1959 e un recital musical celebrado en 1996 no Consello da Cultura Galega coa música do compositor e pianista Isidro B. Maiztegui e a actuación da soprano Marta de Castro. No acto interviron Ramón Villares, presidente do CCG, o autor Luís Pérez Rodríguez e a escritora e poeta María do Cebreiro.

Consello da Cultura Galega - xornada aberta sobre Celso Emilio Ferreiro


O xoves 24 de maio no Consello da Cultura Galega

Xornada aberta sobre “Xigantes ou ananos? Celso Emilio Ferreiro e o debate sobre a emigración galega”, no Consello da Cultura 

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2012.- O Consello da Cultura Galega, celebrará o 24 de maio a xornada “Xigantes ou ananos? Celso Emilio Ferreiro e o debate sobre a emigración galega”. Tres relatorios ao longo da mañá e unha mesa redonda pola tarde abordarán a biografía político-intelectual de Celso Emilio (Celanova, 1912-Vigo, 1979) no marco dos actos conmemorativos do seu centenario.

Consello da Cultura Galega - presentouse un poemario inédito de Valentín Paz Andrade


O Consello da Cultura Galega presentou “Canto do pobo disperso”, poemario inédito de Valentín Paz Andrade, "exemplo de intelectual moderno e coherente"

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2012.-O Consello da Cultura Galega presentou hoxe o poemario CANTO DO POBO DISPERSO, transcrición e facsímile dun inédito de Valentín Paz Andrade, escrito en Bogotá (Colombia) en 1955. A institución contribúe así tradicionalmente á celebración do Día das Letras Galegas coa publicación dunha peza senlleira da figura homenaxeada. A edición estivo ao coidado de María Xesús Lama, profesora da Universidade de Barcelona, e autora do estudo introdutorio. Na presentación interviron: Ramón Villares, presidente do CCG; Rosario Álvarez, vicepresidenta e Alfonso Paz-Andrade, fillo do homenaxeado, que salientou a importancia e a vixencia da obra do seu pai, a quen definiu como "un home coherente entre o seu discurso e a súa acción".

Consello da Cultura Galega - xornadas sobre conservación do patrimonio


11 e 15 de maio no Consello da Cultura Galega

Xornadas de debate sobre as boas prácticas na conservación do Patrimonio Cultural Galego

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2012.- A reflexión sobre o valor crítico dos Bens Cultruais e  a súa formulación, conservación e protección orienta as dúas xornadas de debate que sobre o patrimonio cultural galego acollerá os días 11 e 15 de maio o Consello da Cultura Galega, en sesións de mañá e tarde. Organizadas pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais, que coordina Iago Seara Morales, as xornadas reunirán a expertos de Galicia, Andalucía, Aragón, Madrid e Valencia. As xornadas continúan outros encontros que sobre esta temática acolleu o Consello da Cultura en 2008 e 2011.

Consello da Cultura Galega – concluiron os XIV encontros sobre normalización lingüistica

Concluiron os XIV Encontros para a Normalización Lingüística

MOCIDADE, LINGUA E REDES SOCIAIS, CASE TODO POR FACER EN GALEGO

A PRESENZA DO IDIOMA GALEGO NAS REDES PERCÍBESE ESCASA E INSUFICIENTE
SEGUNDO O AVANCE DUN ESTUDO QUE ESTÁ A ELABORAR O PROFESOR FERNANDO RAMALLO

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2012.- A mocidade e o seu uso das
redes sociais suponen para o idioma galego unha oportunidade evidente con
todo por facer, xa que a presenza do galego percíbese “escasa e
insuficiente”. Así o reflicte o avance dun informe que está a elaborar
Fernando Ramallo, profesor da Universidade de Vigo, que hoxe presentou un
avance nos XIV Encontros para a Normalización Lingüística. O informe parte
dunha enquisa entre 1.295 estudantes de bacharelato, ciclos e universidade
e foi encargado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. A atención
ao comportamento da mocidade galega nas redes sociais dominou a segunda e
última xornada dos Encontros organizados polo Centro de Documentación
Sociolingüística do Consello da Cultura Galega e celebrados na Cidade da
Cultura de Galicia coa asistencia de máis de cen investigadores e xestores
lingüísticos.

O estudo do profesor Fernando Ramallo, que estará rematado en abril, parte
dunha enquisa a 1.295 estudantes na procura de referencias útiles para
elaborar hipótesis e tomar decisión a respecto da mocidade galega e as TIC.
A mostra incluíu un 54 por cento de castelanfalantes, un 25 por cento de
galegofalantes e un 21 por cento que se desempeñaban nas dúas linguas. Os
consultados consideran as redes imprescindibles nas súas vidas e usan os
dispositivos electrónicos para as súas relacións sociais, a busca de
información, o chat, o disfrute da música ou o recurso do correo
electrónico, preferentemente.

O avance fala dunha boa disposición da mocidade para co galego, así o
declara o 50 por cento da mostra, pero tamén dun uso moi moderado nas redes
sociais, que converte as redes galegas en algo minoritario e residual. O
predominio do castelán é claro, á marxe de que o 54 por cento dos
galegofalantes afirmen empregar exclusivamente o galego en Tuenti e o 20
por cento dos consultados declaren usar o galego en xeral.

En calquera caso, as tecnoloxías da información e a comunicación
posibilitan a existencia dun espazo de interacción social ao que non poden
ser alleas as políticas relacionadas coa lingua, máxime tendo en conta a
complexidade lingüística das sociedades contemporáneas e a súa moi dinámica
realidade, en expresión de Fernando Ramallo.

A xornada final dos XIV Encontros para a Normalización Lingüística, foro
que o Consello da Cultura Galega ven organizando anualmente desde 1998,
coñeceu tamén un relatorio de Manuel Barreiro sobre “Os movementos sociais
emerxentes e a mobilización xuvenil en Galicia” referido aos dez últimos
anos “e ofreceu dous coloquios sobre distintos aspectos e desafíos do
traballo dos Servizos de Normalización Lingüística e dos Equipos de
Normalización e Dinamización Lingüística.

Acolleu asemade unha presentación sumaria de novos medios en galego. Os
dixitais “Praza Pública” e “Dioivo”, xa operativos, e “Sermos Galiza”, de
próxima aparición na Rede e que proxecta tamén unha presenza semanal en
papel.

Consello da cultura Galega – actividades e orzamentos 2012

O Plenario aprobou o plan de actividades e os orzamentos da institución
O Consello da Cultura Galega continuará en 2012 a súa acción exterior con atención especial ao Brasil e a Valentìn Paz Andrade
Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2011.- O Consello da Cultura Galega continuará en 2012 as súas estratexias de acción exterior, nomeadamente no Brasil, coa exposición Valentín Paz Andrade, unha antena galega no Brasil. Proseguirá tamén, nun marco de importantes restriccións orzamentarias, as funcións de alta asesoría en materia cultural, os traballos de recuperación patrimonial e a realización de informes e debates que tendan pontes entre o sector cultural e a sociedade galega. O Plenario da institución, que preside Ramón Villares, aprobou o Plan de actividades e os orzamentos para o exercicio do 2012.
A proxección exterior da cultura galega, unha liña de traballo activada especialmente polo Consello da Cultura Galega nos últimos anos, terá no 2012 unha particular proxección no Brasil da man da obra de Valentín Paz Andrade (1898-1987), a quen está dedicado o Día das Letras Galegas. O prolífico autor de Galicia como tarea ou A galecidade na obra de Guimaräes Rosa permitirá proseguir a vía brasileira. A acción exterior completaráse un ano máis con actividades relacionadas coa emigración e o exilio en colaboración cos Centros Galegos. O 50 aniversario da Historia de Galicia dirixida por Ramón Otero Pedrayo e a conmemoración do centenario do nacemento de de Celso Emilio Ferreiro (1912-1979), emigrante e autor, entre outras obras, de Viaxe ao país dos ananos, posibilitarán iniciativas en Arxentina ou Venezuela.
Polo demais, o Plenario do Consello da Cultura Galega deu o seu visto e prace a un amplo programa de actividades que inclúen a recuperación de fondos patrimoniais (arquivos de Radio Nacional de España e Radiotelevisión Española en Galicia) ou fondos e documentos de Valentìn Paz Andrade e do Consello de Galiza.
A realización de informes e asesorías complementarase con xornadas de reflexión e debates, seguindo as liñas marcadas pola Reflexión estratéxica sobre a cultura galega ou o Informe sobre as Fundacións Culturais de interese galego. Impulsaranse asemade exposicións como Asociacionismo cultural en Galicia (1961-1975) ou Luces de Alén mar e continuaráse o programa de publicacións, privilexiando a edición electrónica a través da web institucional www.consellodacultura.org e o portal cultural www.culturagaleg.org
O Consello da Cultura Galega é unha institución estatutaria, autónoma e independente creada por lei do Parlamento de Galicia en 1983 como órgano asesor e consultivo da Comunidade Autónoma, con capacidade de iniciativa, investigación e organización. Está composto por representantes de entidades e por personalidades destacadas dos diversos campos da cultura galega.

Consello da cultura galega – xornadas sobre igualdade

17 e 18 de novembro no Consello da Cultura Galega

Ramón Maiz, Marta Nunes da Costa, Juan Ramón Capella e Marta Lois intervirán nas dúas primeiras sesións das “Xornadas sobre Igualdade”

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2011.- Profesoras e investigadores das universidades de Santiago de Compostela, do Minho, Barcelona, Berlín e Roma intervirán nas “Xornadas sobre Igualdade” organizadas pola Sección de Pensamento e Sociedade do Consello da Cultura Galega. Coordinadas por María Xosé Agra e Jorge Álvarez Yágüez, celebraranse os días 17 e 18 de novembro en sesións de mañá e tarde no salón de actos do Consello da Cultura Galega en Santiago de Compostela. Trátase de reflexionar sobre tres ámbitos de problemas arredor dun concepto medular de todo o pensamento político: os distintos campos de aplicación, a pluralidade de criterios na súa concepción e a situación actual do concepto de igualdade..

As xornadas comezarán o xoves día 17 de novembrio ás 10´30 horas co relatorio de Ramón Maiz (Universidade de Santiago de Compostela) sobre “Igualdade, sustentabilidade e cidadanía ecolóxica”.

12´30 h.- Marta Nunes da Costa (Universidade do Minho): “Os Muitos e os Poucos. Quem conta para quê – analisando as dinâmicas de igualdade, participaçâo e inclusâo na experiência do orçamento participativo”.

16´30 h.- Juan Ramón Capella (U/niversitat de Barcelona): “Interrogantes sobre la igualdad”.

18 h.- Marta Lois (Universidade de Santiago de Compostela): “Igualdade, poder e saber: o debate feminsta no seo da ciencia política”.

VENRES 18

10´30 h.- Daniel Raventós (Universitat de Barcelona): “La igualdad como condición de la libertad. Cómo garantizar la existencia material a toda la población”.

12´30 h.- Ignacio Sotelo (Freie Universität Berlín): “Libertad (liberalismo) versus igualdad (democracia social)”.

16´30 h.- Giacomo Marramao (Univeersità degli Studi Roma Tre): “”Eguaglianza e differenza. Per una crita della democrazia identitaria”.

Consello da cultura galega – xornadas de avaliación sobre aspectos do caso “Prestige”

O xoves 17 de novembro na Facultade de Bioloxía-USC, organizadas polo Consello da Cultura Galega

Xornadas de avaliación e xuízo crítico dos recursos destinados ao estudo dos efectos da marea negra do “Prestige”

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2011.- A Aula Magna da Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela acollerá mañá xoves 17 de novembro unhas xornadas de avaliación dos efectos da marea negra do “Prestige”, catástrofe ocorrida en novembro de 2002. O programa, organizado polo Consello da Cultura Galega en colaboración coa USC, incluirá a presentación do libro “Recursos en I+D+i dedicados ao estudo dos efectos da vertedura do Prestige (2003-08). Avaliación e xuízo critico”, coordinado por Victoriano Urgorri e Marcos P. Señarís, e realizado por iniciativa da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade, que no Consello da Cultura Galega coordina o profesor Francisco Díaz-Fierros.

No libro, recompílase a relación, o máis completa posible, dos diferentes proxectos de investigación realizados sobre a marea negra do “Prestige”. Cada Investigador Principal (IP) enviou un resumo das conclusións finais do proxecto, as referencias bibliográficas dos artigos, libros, capítulos de libro e comunicacións a congresos derivados total ou parcialmente do proxecto e, ademais, a referencia de informes, teses de doutoramento e de licenciatura, traballos de investigación tutelados (TITs), traballos académicamente dirixidos (TADs), traballos de fin de máster (TFMs), proxectos de fin de carreira (PFCs), etc.

En cada un dos PTs, definidos no PIC da Acción Estratéxica do antigo MCyT, se encadraron os proxectos correspondentes e un relator experto realizou unha análise transversal que precede ao correspondente capítulo de cada PT e que presentarán nestas Xornadas, en sesións de mañá e tarde.

Destes relatores, cinco pertencen ás Universidades de Galicia: Federico Vilas Martín, Elsa Vázquez, Albino Prada, María X. Vázquez e Victoriano Urgorri, dous ao IEO de Vigo, Juan José González e Juan Bellas Bereijo, outros dous ao CSIC, Beatriz Morales-Nin e Fiz Fernández Pérez, e un a Universidade do País Vasco, Ionan Marigomez Allende.

O acto de apertura (ás 10,30 horas) será presidido pola Decana da Facultade de Bioloxía da USC, Mª Luz González Caamaño, xunto cos profesores Francisco Díaz-Fierros Viqueira e Victoriano Urgorri.

O acto de Clausura será ese mesmo día ás 19 horas e nel intervirán o Reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Casares, o Presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, o coordinador da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade, Francisco Díaz-Fierros e Victoriano Urgorri, membro da Sección e coordinador das Xornadas.