BNG Ordes - resumo pleno extraordinario 21 de setembro

O BNG OPUXOSE Á REDUCCIÓN DE HORARIOS DA PISCINA CLIMATIZADA POR SER O PRIMEIRO PASO PARA A ELIMINACIÓN DE ACTIVIDADES E O DESPEDIMENTO DE TRABALLADORES 
Gonzalo Castro criticou a falta de transparencia do goberno, que non emitiu por Radio Ordes os últimos dous Plenos.
Os nacionalistas apoiaron a reclamación dos praceiros da praza de abastos.
O BNG critica que os orzamentos das obras do Plan DTC da Deputación son moi dubidosos e semellan excesivos.
O alcalde retira da orde do día a aprobación da Conta Xeral de 2011, que xa foi rexeitada no pleno extraordinario do mes de agosto.

Gonzalo Castro, portavoz do BNG de Ordes, criticou ao alcalde por “convocar un Pleno extraordinario para modificar o regulamento da piscina climatizada reducindo os seus horarios, nun intento de evitar que esta proposta se debata no Pleno Ordinario da semana que ven, onde se tratará a moción do BNG para o mantemento das actividades desta instalación municipal”.

Castro criticou tamén “a falta de emisión por Radio Ordes deste Pleno, ao igual que aconteceu co Pleno extraordinario do mes de agosto, onde o Pleno rexeitou a Conta Xeral de 2011, parece que a transparencia práticase en función dos que lle interese do alcalde”.

Oposición á reducción de horarios da piscina
O alcalde propuxo a modificación do regulamento incluindo o peche da piscina de 14:00 a 16:00, así como a reducción dunha hora no horario dos domingos e o seu peche durante todo o mes de agosto.

Gonzalo Castro manifestou a “rotunda oposición do BNG á redución de horarios da piscina climatizada, xa que constitue o primeiro paso para a eliminación de actividades e o despedimento de traballadores nesta instalación municipal”.

O portavoz do BNG lembrou que no Pleno ordinario da vindeira semana “defenderemos unha proposta para que se acorde garantir a continuidade das actividades da piscina e o ximnasio, así como a permanencia dos traballadores destas instalacións”.

Castro afirmou que “o alcalde actuou unha vez máis cunha absoluta improvisación na xestión da piscina e o ximnasio, ao rescindir a relación contractual coa empresa, que a partir do 1 de outubro cesará na prestación de actividades aos usuarios, sen que exista previsión algunha que permita manter as mesmas”. 

O portavoz nacionalista afirmou que “a piscina leva anos sen estabilidade na súa xestión debido á incapacidade do alcalde que non foi quen de sacar adiante a xestión directa por parte do Concello, e nin tan sequera unha concesión do servizo estábel e en condicións óptimas para os usuarios”.

Praza de abastos
O BNG apoiou as reclamacións dos praceiros frente á rescisión das concesións por parte do goberno municipal, e Gonzalo Castro manifestou “o seu apoio aos praceiros que mantiveron a actividade da praza en momentos moi complicados”.

Plan de Obras DTC 94 da Deputación
Gonzalo Castro manifestou “o apoio do BNG a que se fagan obras en beneficio dos veciños, mais chamanos a atención a falta de información detallada destas actuacións e o elevado do seu orzamento, polo que esixiremos explicacións detalladas da execución destas obras e do seu custo”.

O portavoz do BNG salientou que “resulta lamentábel que despois de gastar máis de 200.000 euros hai só 4 anos na mellora do alumeado público, haxa que facer agora un investimento de 120.000 euros para a mesma actuación, unha boa proba da nefasta xestión deste goberno”.

Conta Xeral 2011
O alcalde retirou da orde do día o punto relativo á aprobación da Conta Xeral de 2011, que xa fora rexeitada na sesión do Pleno extraordinario de agosto.

Gonzalo Castro emprazou ao alcalde “a non marear a perdiz e remitir ao Tribunal de Contas a liquidación da Conta Xeral do ano 2011, co reparo do Pleno Municipal”.
O portavoz municipal do BNG enfatizou que “se tan seguro está do contido destas contas e do inxustificado do rexeitamento polo Pleno, non sei porque non a remite ao Tribunal de Contas”.

Ningún comentario: