Brión - proxecto Babel de intercambio lingüistico entre veciños

BRIÓN CONVOCA A SEGUNDA EDICIÓN DO PROXECTO BABEL PARA FAVORECER A INTEGRACIÓN E O INTERCAMBIO LINGÜÍSTICO ENTRE VECIÑOS

É unha iniciativa totalmente gratuita e durante este mes organizarase as parellas que adquirirán fluidez na conversa nun idioma que elixan
O Concello de Brión convoca a segunda edición do “Proxecto Babel”, unha iniciativa de voluntariado lingüístico que pretende favorecer a integración e o intercambio lingüístico e cultural entre veciños de Brión de diferentes nacionalidades e procedencias a través dunha bolsa de intercambio de conversación nas diferentes linguas maternas das persoas interesadas. Unha iniciativa aberta de xeito gratuito “a calquera persoa maior de idade que queira practicar o galego, o español ou calquera outra das linguas maternas dos voluntarios que se inscriban”, explica a responsable municipal de Voluntariado, Dora Vieiro.


Aqueles veciños interesados en participar poderán anotarse e recibir máis información na Oficina Municipal de Voluntariado, ubicada na Casa da Cultura de Brión, durante este mes de setembro. Esta inscrición será en dúas formas:

Ofertante: persoa que se ofrece a “ensinar” a súa lingua materna a outras persoas interesadas en practicala e mellorala.
Demandante: persoas con coñecementos básicos dunha lingua non materna interesada en mellorar a súa fluidez e coñecemento.

As parellas conformaranse entre os meses de outubro a decembro. Durante a primeira edición, celebrada entre os meses de febreiro e xuño, participaron un total de sete parellas, que volverán repetir nesta segunda andaina.
Metodoloxía

O “Proxecto Babel” plantéxase en torno á realización de 10 sesións, dunha hora de duración cada unha, para acadar maior fluidez na conversa na lingua que interese ó demandante. As persoas interesadas poderán inscribirse como demandantes (necesitan adquirir fluidez nunha lingua) e/ou ofertantes (ofrecen o seu coñecemento nunha lingua). Tendo en conta as linguas e os horarios nos que se inscriben, formaranse parellas para as sesións. As parellas poderán ser unilaterais (conversas só nunha lingua) ou bilaterais (intercambio de conversas nas dúas linguas da parella).

Dora Vieiro explica que “o proxecto desenvolverase a través de conversas nun ambiente distendido en torno a temas actuais ou de interese para os dous membros da parella, nunca se tratará dun curso de idiomas. A finalidade é adquirir fluidez na conversa, non aprender un idioma”. Deste xeito, o primeiro encontro realizarase na Oficina Municipal de Voluntariado, mentres que os seguintes terán lugar onde e cando a parella decida.
O “Proxecto Babel” está organizado polo Concello de Brión, en colaboración coa Xunta de Galicia. Máis información e anotacións na Oficina Municipal de Voluntariado, no teléfono 981 509 908, no mail voluntariado@briondixital.org ou no blog http://mocidadeevoluntariadobrion.blogspot.com

Ningún comentario: