Oroso - o alcalde pide tolerancia cero cos ladróns de cobre


MIRÁS ESIXE TOLERANCIA CERO COS LADRÓNS DE COBRE E UNHA ACTUACIÓN MÁIS DECIDIDA POR PARTE DAS AUTORIDADES COMPETENTES

Oroso leva gastados máis de 45.000 euros en repoñer cobre roubado nos últimos oito meses, o último esta mesma semana nas rúas Pablo Iglesias e Camiño Inglés de Sigüeiro que está sendo reposto
Mirás valora o traballo da Garda Civil de Oroso e da Policía Local pero critica que “coa gran cantidade de cobre que se está a roubar en Galicia as autoridades competentes non sexan quen de destapar esta mafia”

Oroso sufriu esta semana un novo roubo de cable de cobre, concretamente nas rúas Pablo Iglesias e Camiño Inglés, que está sendo reposto nestes días polo Concello de Oroso. O alcalde, Manuel Mirás, lamenta “as molestias que están a soportar os veciños e veciñas destas céntricas rúas de Sigüeiro” e indica que “en breve estará reposto todo o alumeado”.

Un roubo que se suma aos rexistrados nestes primeiros oito meses de 2012 e que en Oroso supuxeron un gasto de máis de 45.000 euros. “No Concello de Oroso temos tolerancia cero cos ladróns de cobre e cos que esnaquizan o mobiliario urbano, pero esiximos unha actuación máis decidida por parte das autoridades competentes á hora de localizar e desmantelar a estas auténticas mafias do cobre”, sinala Manuel Mirás.
Maior esforzo

O alcalde orosán destaca “o gran traballo dos axentes da Garda Civil de Oroso e da Policía Local” pero considera que “coas grandes cantidades de cobre que se están a roubar en Galicia, e tendo en conta as características dese material, as autoridades competentes non sexan quen de dar nin cos ladróns ni co material roubado”. Manuel Mirás insta a todas as Administracións e Forzas de Seguridade a unir forzas porque “é evidente que estes roubos de cobre non son atribuíbles a un delincuente ocasional, senón dunha banda ben organizada e que actúa por toda Galicia, polo que esiximos ás autoridades competentes a que vixíen ese produto, localicen onde vai, quen se aproveita del, quen o compra... queremos saber que se oculta detrás de todo isto”.
O alcalde orosán lembra que a colaboración dos veciños, da Policía Local e dos axentes da Garda Civil de Oroso permitiron reducir en gran maneira os destrozos de mobiliario público no municipio. “Ao igual que tivemos tolerancia cero cos que esnaquizaban o paseo do Carboeiro e outras propiedade municipais, agora é preciso ter tamén tolerancia cero cos ladróns de cobre”, sinala Mirás Franqueira.

Ningún comentario: