Silleda - máis de 60000 euros recadados desde primeiros de ano por tasas de compañías de electricidade e telefonía

O Concello de Silleda xa ingresou máis de 60.000 euros no primeiro semestre deste ano polas taxas de compañías eléctricas e operadoras de telefonía
Paula Fernández destaca que os cidadáns “aos que lles estamos a pedir esforzos co plan de aforro enerxético teñen que saber que tamén lle esiximos a estas compañías que paguen o que lles corresponde”
 O Concello de Silleda xa ingresou un total de 61.000 euros correspondentes ás taxas que deben de abonar compañías do sector enerxético e operadores de telefonía móbil polo uso de terreos de titularidade municipal. 

A aposta pola aprobación e desenvolvemento de ordenanzas fiscais que permitan o cobro de taxas ás grandes empresas do sector enerxético e tamén das telecomunicacións polas instalacións coas que contan no territorio silledense formaba parte do programa de goberno do grupo socialista, como ferramenta para conquerir novos recursos municipais. Neste senso, a alcadesa e responsable municipal de Facenda, Paula Fernández, lembra que xa o pasado ano se ingresaron 120.000 euros por este concepto, unha cantidade na que se incluían liquidacións pendentes de 2009 e 2010 que estaban sen cobrar. “Xa que lle estamos a pedir un esforzo aos veciños e veciñas de Silleda coas obrigas que nos marca o plan de axuste imposto polo Goberno central, con medidas coma o plan de aforro enerxético, é máis que xusto que estas empresas paguen o que lle corresponde”. Así incide en que os “cidadáns deben de saber que tamén lle estamos a esixir ás empresas que paguen os seus impostos”, engade a rexedora.

Na liquidación correspondente a este exercicio 2012 figuran cobros a empresas como Unión Fenosa Gas Natural; Telefónica S.A; Endesa Energía; Hidroeléctrica de Silleda; Cide Energía S.A; Iberdrola ou Acciona Green Energy Developments S.L.U.

En canto ao exercicio pasado, a cantidade ascendeu a 120.000 euros, por ingresos dun total de 12 compañías eléctricas e de telefonía. “Nesta cantidade había incluso facturas pendentes de anos anteriores, o que demostra a desidia dalgúns ahora de buscar os necesarios recursos para as arcas municipais”, engade a alcaldesa. “É unha responsabilidade que estamos a exercer, xa que non podemos estar reducindo servizos aos nosos veciños, e por outro lado deixar de cobrarlle a estas compañías”. Agora, e tendo en conta que deses 120.000 euros había cantidades de anos anteriores, os ingresos a final de ano supóñense “máis elevados, tendo en conta que xa levamos máis de 60.000 euros recadados nos primeros meses”, engade a rexedora. Na xestión destas taxas deben terse en conta tamén compensacións acadadas polo goberno actual que permitiron zanxar débedas históricas con algunhas empresas.

Ningún comentario: