Teo - presentación do libro-CD "vámola alboreando, músicas de Teo" da AC a Regionalista



A AC A REGIONALISTA PRESENTA O LIBRO-CD “VÁMOLA ALBOREANDO. MÚSICAS DE TEO” NA IV EDICIÓN DOS PERSOEIROS DA TERRA
O acto público de presentación será no Auditorio da Ramallosa este domingo 23 ás 18:00 horas
A Asociación Cultural A Regionalista presenta este domingo 23 de setembro o libro-cd “Vámola Alboreando. Músicas de Teo”. Será na IV edición do acto “Persoeiros da Terra”, unha iniciativa que comezou hai catro anos e a través da que as persoas da asociación, en colaboración co Concello de Teo, queren homenaxear “as persoas que destacan por defender a cultura popular de Teo”.
Este ano a homenaxe pública e a presentación do traballo de recompilación farase no Auditorio da Ramallosa o domingo a partir das 18:00 horas. Segundo explican dende A Regionalista “este ano quixemos facer unha recompilación de diversas músicas e historias, dos tempos de antes e acompañadas de testemuños directos”. E ademais de recoller estas músicas e historias nun libro moitos dos protagonistas da obra estarán na Ramallosa para entonar cantos infantís, de aninovo, de muíños, de cego, regueifas, etc. Cabe destacar que a maioría das persoas que van participar son naturais ou veciños de Teo aínda que tamén hai xente por exemplo de Carcacía.
Este acto de homenaxe á cultura popular propia do municipio teense “pretende saldar unha débeda histórica coas persoas que de xeito anónima mantiveron viva a nosa cultura”. A edición dun libro-cd considérase o mellor xeito de que ese recoñecemento teña unha continuidade no tempo e non se limite a un acto puntual.
En anos anteriores destacouse o traballo de músicos como Gervasio Salgueiro Estévez, o Sexteto Enxebre Hermanos Lamas de Cornide no seu centenario ou á requinta. O traballo que se presenta este ano destácase como “o de maior complexidade e amplitude polo que tivo que agardar ata este ano” explican dende a asociación “xa que o máis difícil foi a escolma de todo o material recompilado”. O libro recolle vintecatro temas que serán unha mostra da gran riqueza etnográfica das músicas do Concello de Teo.
Este domingo na Ramallosa poderanse escoitar as seguintes melodías:

Canto infantil; intervén: Carmen Pedrouzo Vázquez (Luou).

Canto de Aninovo; intervén: Marcelino Cebey Doeyo (Mazas, Calo).

As xuntas; intervén: Delfina Ribadulla Golán (Cacheiras).

A Regueifa. María Rosa Pereira acompañada do seu marido Manuel Sande Boquete (Lampai).

Cantos de muíños; intervén: Angustias Calo Carrillo (Chaves-Teo).

Son de harmónica; intervén: Manuel Pombo García (Texexe-Calo).

Entroido ullán- Carmen Gómez Pena (Cacheiras).

Romance; intervén: Aurora Matos Iglesias (Chaves).

Os Hermanos Lamas (Cornide).

Canto de cego; intervén: Evangelina Pazos (Freiría, Rarís).

Requinta de Reis; intervén: Manolo Dios Romero (Carcacía).

Cantar as cruces; intervén: Antonia Sánchez Álvarez (Trivaldes, Bamonde- Teo).

Ningún comentario: