Brión - hoxe comezan as festas coa do Cabalo


A XXX FESTA DO CABALO INICIA HOXE SÁBADO UNHA SEMANA DE FESTEXOS QUE CULMINARÁN O XOVES 27 CUNHA NOVA EDICIÓN DA FESTA DE SANTA MINIA

A Festa do Cabalo terá lugar os días 22 e 23 de setembro no monte Rañalonga e reunirá a uns 300 exemplares, se o tempo o permite
As Festas de Santa Minia estrearán un novo alumeado na carballeira e incluirán unha exposición de carteis anunciadores da festa dos últimos trinta anos

A XXX Festa do Cabalo de Brión inicia mañá sábado seis días de festexos que culminarán o vindeiro xoves 27 de setembro cunha nova edición da Festa de Santa Minia, que o Concello de Brión desexa que sexa declarada Festa de Interese Turístico e para o que xa ten iniciados os trámites diante da Xunta.

A edición número trinta da Festa do Cabalo semella estar marcada pola climatoloxía xa que “nunha festa ao aire libre como é a Festa do Cabalo, a climatoloxía é moi importante pois non só determina o número de persoas que se achegarán ata o Monte Rañalonga, senón que tamén inflúe sobre os participantes porque se, por exemplo, chovese moito durante a mañá do domingo, o máis probable é que moitos dos xinetes que teñen confirmado a súa asistencia á ruta cabalar finalmente non viñesen”, explica Manuel Fernández, un dos máximos responsables da Asociación Festa do Cabalo de Brión, entidade organizadora da festa en colaboración co Concello de Brión e a Deputación Provincial da Coruña.
Programa da festa

Manuel Fernández confirma que “a día de hoxe todo está listo e temos confirmada a participación duns trescentos cabalos nas probas, dos que moitos participarán tamén o domingo nesa ruta cabalar. Pero agora todo depende da climatoloxía”.

A XXIX Festa do Cabalo abrirá as súas portas mañá sábado 22 de setembro, ás 18:00 horas, cunha “embretada” de xovencas, a tradicional carreira de burros e unha solta de vaquiñas. Para o domingo 23 queda o groso das actividades. Ás 10:00 horas, a festa iniciarase cunha ruta cabalar polo monte Rañalonga, seguindo o leito do río Tambre. As 12:00 horas, os asistentes poderán asistir a unha proba de arrastre con tractores. Ás 14:00 horas, as actividades interromperanse temporalmente para xantar. Para todos os afeccionados que desexen comer en Rañalonga, haberá unha polbeira privada no recinto. Pola tarde, dende as 17:00 horas, terán lugar a “xincana”, o “reprise” de doma e unha nova ceiba de vaquiñas.

O feito de que a Festa do Cabalo deste ano se celebre cunha semana de retraso con respecto a datas anteriores, fai que as dúas festas máis senlleiras de Brión case que se enlacen nun periodo de tan só seis días. De feito, o luns 24 de setembro abrirá as súas portas unha exposición de carteis anunciadores de Santa Minia, que recolle un total de 33 obras entre os anos 1980 e 2011, así como un orixinal do ano 1953. A mostra poderá ser visitada na sala de exposicións municipais, en horario de 9 a 14 horas e de 16 a 20 horas, ata o vindeiro 5 de outubro.
Santa Minia

Os días 26 e 27 de setembro celebrarase unha das romarías máis populares e esperada da comarca: Santa Minia, que cada ano atrae a milleiros de visitantes pola súa mistura entre devoción relixiosa e celebración lúdica e festiva. Porque a romaría de Sta Minia arrecede a incenso e cera, pero tamén a polbo á feira e a rosquillas cubertas de azucre, mentres na carballeira resoan os acordes das gaitas e a música das orquestras.

Os romeiros poderán gozar de todo o que significa esta festa dende a mañanciña do mércores 26, véspera de Santa Minia. As misas comezarán ás 9 e continuarán as 11 e ás 12:30 horas. Pola tarde, a liturxia celebrarase ás 6, ás 7 e ás 8 do serán.

No eido máis profano, ás 12:00 horas a charanga “Os Celtas” iniciarán o seu pasarrúas a ritmo de vento e percusión. Ás 14:00 horas comezará a sesión vermú coa orquestra “América S.L.” . No serán, ás 19:00 horas a diversión chega da man de “Troula e animación” e ás 21:00 horas os “Kilomberos de Montealto “ animarán a carballeira co espectáculo “Charanga percusión”. Ás 22:00 horas “América S.L.” e “Capitol” serán as grandes atraccións da noite, co permiso dos fogos de artificio e a tradicional “Queima da fachada”, que se iniciará a media noite.

O xoves 27 é o día da Santa. As misas celebraranse cada hora dende as 9 da mañá ate a 1 da tarde (solemne) e dende as 5 ás 8 do serán. Mentres, na carballeira, as actuacións musicais e os espectáculos de rúa prolongaranse ao longo do día. Ás 10:00 horas “Cuarteto de gaitas”, ás 12:00 horas Charanga “NBA”, as 13:00 horas Compañía “Femme Fatale”, ás 14:00 horas sesión vermú coa orquestra “Trebol”, as 17:00 horas “Trópico de grelos” co espectáculo “Batuke galego” e ás 20:00 horas grande actuación da Banda de Música Municipal do Concello de Brión. Pola noite, a partir das 20:30 horas, non faltará o baile a cargo das orquestras “Trébol” e “Los Satélites”.
Novidades
A edición deste ano presentará dúas novidades: un novo alumeado na carballeira de Santa Minia e un cambio nas actuacións das orquestras, que farán pases dunha hora en troques de hora e media para facilitar que o público poida disfrutar delas o máis posible, xa que o venres 28 é día laborable.

Ningún comentario: