BNG Ordes . crítica pola paralización dos cursos de natación na piscina climatizada

O BNG CRITICA AO ALCALDE POR PARALIZAR OS CURSOS DE NATACIÓN NA PISCINA CLIMATIZADA
O goberno municipal acaba de rescindir, sen previsión algunha, o contrato á empresa e os cursos de natación quedaron suspendidos. 
A partir do día 30 as demáis actividades xestionadas pola empresa tamén poderían paralizarse.
O BNG levará unha moción ao pleno para que se garanta o mantemento das actividades e os dereitos dos traballadores desta instalación municipal.

Gonzalo Castro, portavoz do BNG de Ordes, criticou ao alcalde por “actuar unha vez máis cunha absoluta improvisación na xestión da piscina e o ximnasio, ao rescindir a relación contractual coa empresa sen previsión algunha que permitise manter as actividades que se levan a cabo nestas instalacións”.
O portavoz do BNG sinalou que “os usuarios da piscina están vendo como os cursos de natación quedaron xa en suspenso sen que desde o goberno municipal se dea solución a esta situación”.

Castro sinalou que “o alcalde está actuando de forma caprichosa e improvisada por intereses puramente persoais, causando un grave perxuizo aos usuarios da piscina e do ximnasio que ven perigar a continuidade das actividades”
O portavoz nacionalista afirmou que “a piscina leva anos sen estabilidade na súa xestión debido á incapacidade do alcalde que non foi quen de sacar adiante a xestión directa por parte do Concello, e nin tan sequera unha concesión do servizo estábel e en condicións óptimas”.

Gonzalo Castro salientou que “o próximo día 30 a empresa cesará na prestación dos seus servizos e a continuidade das actividades da piscina e o ximnasio corren un evidente perigo, xa que poderían paralizarse ao non existir tempo material para solucionar a situación”.
Por todo isto, o portavoz do BNG anunciou que “presentaremos unha iniciativa diante do Pleno para que o Concello garanta a continuidade das actividades da piscina e o ximnasio, así como os dereitos dos traballadores desta instalación, garantindo tamén a súa permanencia”.

Ningún comentario: