Frades / Mesía 7 Curtis - reunión dos alcalde coa delegada territorial da Xunta


A DELEGADA TERRITORIAL DA XUNTA NA CORUÑA DESTACA A COLABORACIÓN ENTRE OS CONCELLOS DE CURTIS, FRADES E MESÍA PARA MELLORAR E ACERCAR OS SERVIZOS AOS CIDADÁNS
Camino Triguero mantivo unha reunión de traballo cos rexedores dos tres municipios para estudar a posta en marcha de novos proxectos conxuntos

A delegada territorial da Xunta na provincia, Camino Triguero, mantivo esta mañá unha reunión cos alcaldes de Curtis, Javier Caínzos, de Mesía, Mariano Iglesias, e o alcalde en funcións de Frades, Roberto Rey, para analizar a posta en marcha de novos proxectos conxuntos entre os tres municipios.

Os responsables municipais trasladáronlle a Triguero unha proposta común para optar á concesión das axudas e subvencións relativas aos obradoiros de emprego, convocadas pola Consellería de Traballo e Benestar. O proxecto iría encamiñado á prestación de atención sociosanitaria, nunha primeira vertente, e de mantemento e recuperación medioambiental, nunha segunda.

Na anterior convocatoria, Frades e Mesía xa levaran a cabo un obradoiro de emprego de forma conxunta, que proporcionou emprego e formación a 25 parados destes dous concellos nos ámbitos dos servizos forestais e de axuda a domicilio. Ademais, cada un destes municipios, así coma Curtis, manteñen alianzas con outros concellos da súa área de influencia en función das súas necesidades.

A máxima representante do Goberno galego na provincia analizou cos edís a documentación presentada e, neste senso, recordou que a iniciativa vai na liña defendida pola Xunta de potenciar a colaboración municipal para acercar os servizos aos cidadáns e mellorar a súa calidade. Esta idea xa aparece reflectida na orde de subvencións dos obradoiros de emprego, así como no resto de axudas dirixidas ás entidades locais, coa inclusión dunha serie de cláusulas que priman a xestión compartida de determinados servizos, co obxectivo de dotalos dunha maior eficacia e eficiencia e a un custe menor. Por último, Triguero explicoulle aos rexedores que nos vindeiros días trasladaralle ao departamento autonómico correspondente o proxecto para o seu estudo.

Ningún comentario: