O BNG de O Pino denuncia un verquido de augas residuais sen depurar por mor da inexistencia de estación depuradora
A estación debería estar xa construída en función do convenio subscrito entre o Concello e a empresa promotora do Polígono Martinsa-Fadesa.
Os nacionalistas denuncian tamén que a Deputación da Coruña concedera a construción da depuradora pero o Concello renunciara a ela en virtude dese convenio
O Pino, 20/09/2012.- O BNG de O Pino denuncia a existencia dun verquido de augas residuais sen depurar no regato de Seimar e no río de Arca, denuncia que veñen facendo reiteradamente nos último anos. Desde o BNG denuncian que esta situación repítese ano tras ano cando por mor da afluencia de peregrinos a poboación flotante do núcleo urbano de Arca se ve multiplicada a diario, co conseguinte aumento da emisión de augas residuais para as que as fosas sépticas existentes resultan totalmente insuficientes e inadecuadas. Os vertidos acaban así directamente no regato de Seimar e no río de Arca, que acaban convertidos en auténticas cloacas dado o escaso caudal.
O motivo esta situación é a inexistencia dunha estación depuradora que debería dar solución a este problema, xunto co de Castrofeito, de carácter similar. Esa depuradora debería estar construída fai tres anos en función do convenio subscrito entre o Concello e a empresa promotora do Polígono industrial Martinsa-Fadesa. Os nacionalistas denuncian que isto é responsabilidade exclusiva do alcalde por terse negado reiteradamente a rescindir o convenio coa empresa que nin executa as obras do Polígono nin aquelas de compensación que figuran no convenio, como é o caso da depuradora.
Desde o BNG denuncian tamén que no seu día, a Deputación de A Coruña xa concedera a construción desta depuradora por considerarse prioritario, pero logo o Concello renunciou a ela para incluíla no convenio con Fadesa. Disto fai xa sete anos e a depuradora segue sen facerse coas consecuencias que iso supón.
Ningún comentario:
Publicar un comentario