A Xunta de Galicia outorga a aprobación definitiva da modificación do PXOM que permite ampliar os usos no recinto feiral Semana Verde
A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo vén de comunicar a autorización ao Concello de Silleda
Esta modificación puntual do planeamento contribuirá a revitalizar a actividade feiral e o propio recinto
A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo vén de notificar ao Concello de Silleda a orde da Consellería, pola cal se outorga a aprobación definitiva á modificación puntual do PXOM de Silleda na zona do recinto feiral Semana Verde de Galicia. Esta modificación urbanística, que foi aprobada provisionalmente polo Pleno da Corporación silledense o 15 de maio de 2012, permitirá ampliar os usos no citado recinto.
Na resolución recóllese que o obxecto desta modificación é ampliar os usos permitidos na zona, engadindo o industrial complementario da actividade terciaria, “que apoie e potencie a actividade gandeira”
Así mesmo, no apartado de análise e consideracións da orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, tamén se sinala que a medida “potenciará o plan de viabilidade posto en marcha, revitalizando e impulsando a actividade feiral, contribuíndo ao desenvolvemento do sector agrario galego, e reforzando a posición estratéxica de Galicia no sector”.
Con esta medida tamén se promove a “cooperación público-privada no desenvolvemento de actividades feirais e promocionais no campo agrario, alimentario, industrial e comercial”, seguindo a senda aberta na anterior modificación do Plan Xeral, aprobada en abril de 2002, na que se recoñecía a posibilidade de coexistencia de usos públicos e privados no recinto feiral Semana Verde.A alcaldesa de Silleda e responsable do departamento municipal de Urbanismo, Paula Fernández Pena, agradece a axilidade coa que a Secretaría Xeral de Urbanismo resolveu a proposta. “Precisábamos resolvelo canto antes para abrir novas posibilidades de revitalización do maior recinto feiral da Comunidade, que precisa do apoio tanto das Administracións como da iniciativa privada para reforzar o seu papel e dar cumprimento ao plan de viabilidade establecido dende a Fundación”, sinala a rexedora silledense.
Ningún comentario:
Publicar un comentario