Silleda - desde hoxe e ata o luns desvíase o tráfico da N-525

O tráfico da estrada N-525 quedará desviado ao seu paso pola Bandeira dende hoxe ás 16.00 horas
 O alcalde en funcións, Manuel Cuíña, incide na prohibición de estacionar nas tres rúas onde se habilitará o desvío provisional ata a madrugada do luns día 20

O tramo da estrada nacional Santiago-Ourense (N-525) ao seu paso pola localidade silldense de A Bandeira quedará dende hoxe venres á tarde pechado ao tráfico con motivo das festas de verán. A Subdelegación do Goberno en Pontevedra autorizou hai dúas semanas  o desvío do tráfico, que se fará efectivo dende as 16.00 horas de hoxe venres ata a madrugada do domingo ao luns. A autorización chegou logo da petición formulada dende a Alcaldía de Silleda, que se comprometeu, coma en anos anteriores a sinalizar e organizar de forma axeitada a modificación temporal do tramo afectado.
É por iso, que dende o goberno municipal, o alcalde en funcións, Manuel Cuíña, apela á responsabilidade de todos os veciños e veciñas, así coma dos visitantes, para que respeten o desvío habilitado e a sinalización provisional. Neste senso, Cuíña reitera que durante as tres xornadas “quedará prohibido aparcar nas tres rúas da Bandeira nas que se habilitará o desvío”. Estas son a rúa Doutor Penoucos, rúa do Parque e rúa Ramón de Valenzuela. Cuíña lembra que en anteriores ocasións, coma o ano pasado, foron moitos os condutores multados por estacionar na vía habilitada como desvío. “O peche da vía nacional concédese tendo en conta que o Concello é o responsable, por iso apelamos ao sentido común”, recalca, lembrando que as sancións por non respetar a prohibición teñen unha contía de 200 euros.
Os festexos da Bandeira, coa empanada como gran reclamo, comezan esta noite co Bandeirock e continuarán hoxe con actividades para nenos, o campionato de tiro á corda, sesión de radio control, a II Ruta da Empanadilla e o XXIV Esmorga Folk. O sábado será o gran día coa XXVIII Festa da Empanada na que se agardan a 10.000 persoas na cea das peñas, logo do concurso, subasta de empanadas e o pregón de Inés Colmeiro. As festas rematarán o domingo día 19, coas bandas populares e a petanca como protagonistas da última xornada.

Ningún comentario: