Oroso - ata o 19 de agosto abertas as inscricións para o Diver Outono

O PROGRAMA “DIVER OUTONO” DE OROSO ADMITE INSCRICIÓNS ATA O 29 DE AGOSTO 
O ‘Bos Días Cole’ de 2012-2013 recibe solicitudes ata o 5 de setembro
O Concello de Oroso mantén aberto ata o mércores 29 de agosto o prazo de inscrición do programa “Diver Outono”, dirixido a nenos e nenas en idade escolar e que desenvolverá as súas actividades durante os días 3, 4, 5, 6, 7, 10 e 11 de setembro. As persoas interesadas en que os seus fillos e fillas poidan participar no programa poden formalizar a inscrición no Centro Cultural Fernando Casas e Novoa, en Sigüeiro, en horario de 9 a 14 horas.

O programa establece descontos do 20% para escolares que formen parte de familias numerosas e tamén do 20% para os casos nos que participen dous irmáns. Non obstante, trátase de descontos non acumulativos. As tarifas mantéñense en 35 euros para os que acudan de 9 e 14 horas e en 56 euros para os que opten polo horario de 7:30 a 15:30. Con xantar, ascenden a 65 e a 85 euros, para cada un dos horarios.

O “Diver Outono” ten preparado un amplo programa de actividades para os nenos que inclúe obradoiros, xogos ou visitas culturais, entre outras. Con esta iniciativa, o goberno de Oroso pretende “axudarlles aos pais e nais a conciliar a vida laboral e familiar durante eses primeiros días de setembro nos que aínda non deron comezo as clases e ofrecerlles tamén aos pequenos unha oferta de lecer”, tal como explica o concelleiro de Benestar, Cultura, Ensino, Xuventude e Voluntariado, Antonio Leira.



Bos Días Cole 2012-2013

Por outra parte, o Concello de Oroso xa abriu tamén o prazo para inscribirse no programa de conciliación laboral e familiar para o novo curso lectivo: o Bos Días Cole 2012-2013. Remata o mércores 5 de setembro e as solicitudes hai que formalizalas tamén no Centro Cultural de luns a venres, entre as 9 e as 14 horas.



Para inscribirse, cómpre achegar unha fotocopia da tarxeta sanitaria, o modelo de solicitude e a carta de domiciliación debidamente cubertos. Estes impresos están a disposición dos interesados nas oficinas municipais e na páxina web do concello www.concellooroso.com. A documentación debe presentarse no Rexistro do Concello. A reserva da praza faise por orde de presentación das solicitudes no Rexistro.

Ningún comentario: