Brión - o concello denuncia o cambio de sinalización na AC´541


O CONCELLO DE BRIÓN DENUNCIA O CAMBIO DE SINALIZACIÓN NA AC-541 QUE IMPIDE O XIRO DE ACCESO A IGREXA E CEMITERIO PARROQUIAL DE BRION E AS PARROQUIAS DA ZONA ALTA DO CONCELLO
Xosé Luís García advirte sobre a progresiva incomunicación á que a Xunta está condenando ao Concello, coa falta de apertura  do tramo rematado da variante AC-300

  “Desde a Xunta parecen empeñados en castigar ao Concello de Brión”. Así se manifestaba o seu rexedor, Xosé Luis García, que denuncia o repitando que se fixo da AC-541 e que impide o xiro que se podía executar ata o de agora para acceder ás Torres de Altamira, Igrexa e Ceminterio e parroquias da zona alta do Concello. A esta modificación do trazado únese o malestar pola falla de contestación por parte da Xunta á solicitude de apertura do tramo rematado da variante AC-300 entre a estrada de Noia (AC-543) e a rotonda de entrada/saída da autovía AG-65 en Brión. Xosé Luís García afirmou que “seica cometemos o grande delicto de non ser da corda adecuada para que atendan as necesidades dos veciños de Brión, impedíndolles ter unhas adecuadas comunicacións”.

E é que no Concello recibíronse nos últimos días un gran número de queixas por parte dos veciños que ven como agora teñen que percorrer un traxecto de 2,4 quilómetros a maiores e atravesar os catro carriles da AC 544 para voltar sobre os seus pasos, se queren poder tomar o vial que comunica a AC-541 coa igrexa e  ceminterio, coas parroquias da zona alta do concello (Viceso, Luaña e Ons) e coas Torres de Altamira. Esta situación xerou amplo descontento entre os veciños, e moitos deles seguen xirando no lugar sen advertir o cambio de sinalización, coa conseguinte infracción de tráfico.
 
Apertura do tramo rematado

A esta situación únese tamén a falta de resposta por parte da Consellería de Medio Ambiente, Infraestruturas e Territorio, á que se lle remitiu a comezos do mes de pasado un escrito solicitando, cando menos, a apertura do tramo rematado do vial AC-300. Na actualidade, os vehículos que queren acceder á autovía dende a estrada de Noia teñen dúas opcións: empregar unha estreita pista municipal paralela ao tramo construído da variante da AC-300, que provoca numerosos problemas de circulación cando se trata de vehículos voluminosos, ou dar un rodeo de 1,2 quilómetros polo Alqueidón, onde se xuntan co tráfico procedente de Bastavales e Os Ánxeles.

Desde o Concello lémbrase que o compromiso por parte da Consellería era ter rematado este vial a finais de ano pero o que non se entende é que non se poida abrir o tramo que xa está rematado, debidamente asfaltado e que melloraría considerablemente o servizo que se lles ofrece actualmente aos veciños. “O Concello de Brión non ten que pagar os platos rotos doutras administracións que non se poñen de acordo para rematar unha obra á que apenas sí lle queda un pequeno tramo”, lamentou o rexidor, que lembrou que este traxecto inclúe unha ponte sobre o rego do Pego, execución dunha glorieta na AC-543 e a colocación da sinalización vertical e horizontal definitivas. Uns traballos cuxos costes se estiman en 750.000 euros de execución material (1.027.00 euros de execución por contrata) e que en nada inflúen no tramo que agora permanece pechado á circulación.

Cabe lembrar, por último, que o Concello de Brión cedeu os terreos necesarios para a excución da AG-65 co compromiso de executarse tanto este vial como o da AC-541, coñecido como o vial oeste da autovía e polo que o Concello de Brión ten presentado un recurso contencioso administrativo contra a resolución da Axencia Galega de Infraestruturas pola que se desistía do convenio de colaboración asinado entre o Concello de Brión e a Xunta para a execución da variante da AC-451. De acordo con este convenio, o Concello de Brión cedeu os terreos municipais por onde pasa a autovía e transferíu á Xunta unha cantidade de 250.000 euros, uns cartos que xa foron pagados polo Concello brionés hai varios anos. Despois de asinar unha adenda a este convenio en 2009, o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, comprometeuse a facer a AC-451 nunha reunión mantida con Xosé Luís García o pasado 22 de decembro de 2010 e incluíu unha partida de 1,6 millóns para estas dúas variantes nos Orzamentos da Xunta para 2012. 

Ningún comentario: