O GRUPO SOCIALISTA DENUNCIA QUE O DESGOBERNO DE AMES OBRIGA AOS CIDADÁNS A ASUMIR A LIMPEZA E MANTEMENTO DE ESPAZOS PÚBLICOS COS SEUS PROPIOS MEDIOS
O portavoz socialista José Manuel Miñones advirte de que
a falta de limpeza de viais está a xerar problemas de visibilidade na
circulación
O abandono dos parques infantís fai que as zonas de area
se estean cubrindo de malas herbas e impidan o seu uso en perfectas condicións
O grupo socialista de Ames denuncia que a deixación
de funcións do goberno local está obrigando a que os propios veciños e veciñas
decidan asumir con medios de seu as tarefas de limpeza e mantemento de pistas e
estradas de titularidade municipal e diversos espazos públicos, como os parques
infantís.
O portavoz do grupo socialista
amiense, José Manuel Miñones, constatou a situación de “total abandono” en
numerosos puntos do termo municipal, coas estradas e beirarrúas a punto de ser
cubertas pola vexetación. “A gravidade é tal que en varios lugares os veciños
tiveron que cortar e retirar a maleza que invade as pistas para ter
visibilidade nas curvas e interseccións e evitar posibles accidentes de
tráfico”, explica Miñones.
Os socialistas afirman tamén
que unha boa parte das pistas permanecen sen limpar a estas alturas do verán,
xa que o goberno do PP limitou estas tarefas só ás principais vías de
comunicación, sen acometelas nos viais secundarios que lle dan comunicación
directa aos núcleos de poboación. O resultado é que non se melloraron en nada as
condicións para o tránsito de vehículos e de peóns.
Esa mesma desatención obsérvase
na maioría de parques infantís do municipio, sobre todo os situados nas
parroquias. A nefasta xestión do executivo de Santiago Amor fai que non teñan
un mantemento adecuado, de maneira que as malas herbas cubriron os espazos de
xogo tapando a superficie de area. Esta situación condiciona o uso destes
parques por parte dos rapaces.
Tal como aseguran os
socialistas de Ames, o goberno de Santiago Amor desatende cuestións tan básicas
e elementais porque “xa naceu carente de iniciativas e sen proxecto, cun
profundo descoñecemento do funcionamento dunha administración que lles queda
grande, e a maiores nos últimos meses desatouse a crise interna na que aos
concelleiros só buscan contrarrestarse uns a outros en vez de atender as
necesidades dos veciños e xestionar o Concello cun mínimo de atención”, indica José
Manuel Miñones.
Ningún comentario:
Publicar un comentario