Silleda - xa están aqui o Bandeira Rock e o Esmorga Folk


O Bandeirock e o Esmorga Folk abren a grande cita festiva na Bandeira

A duodécima edición do festival rock, terá lugar o xoves mentres que o veterano certame de música tradicional, volta o venres día 17, na antesala da Festa da Empanada

 Os festivais Bandeirock e Esmorga Folk convírtense un ano máis na antesala da gran cita festiva coa Empanada da Bandeira. O aperitivo musical no municipio silledenses, con dous certames plenamente consolidados foi presentado hoxe na carballeira de Silva polos organizadores e o concelleiro de Cultura, Matías R. Da Torre
O programa comezará  mañá xoves día 16 co XII Bandeirock, a  partir das 22.00 horas na rúa Camilo José Cela.
Lolo Arincón, músico compositor e produtor compostelán, afincado dende hai 13 anos na Bandeira explicou hoxe que o Bandeirock segue a mesma liña que o levou a crearse. “Trátase de dar unha primeira oportunidade a grupos que comezan dentro da música rock galega, e tamén potenciar os grupos existentes na comarca do Deza, tentando combinar todo isto con grupos que xa teñan unha traxectoria recoñecida”.
Polo escenario do Bandeirock, organizado pola discográfia e editorial Xonix Récords, creada por Arincón, desfilarán varios grupos galegos. A cita comezará co D.J Demo, que ademais de pinchar entre cada actuación tamén será o encargado de pechar o festival.
Os primeiros en actuar serán os membros da banda Barrio Rojo. Esta nova formación de rock acústico chega dende o veciño concello de Vila de Cruces cun estilo costumbrista e tranquilo, de gran calidade. Pese a súa recente incursión no panorama musical están a ser un dos tríos de música acústica que máis concertos ofrecen por Galiza este verán.
Tomarán o relevo, sobre as 23.30 horas, os membros da banda anfitriona Tu mujer nos engaña, que pronto grabarán un directo nos estudos da Radio Galega, logo de gañar este ano o concurso Novo Son, organizado pola citada cadena autonómica e o Derrame Rock. Baixo a supervisión e producción de Lolo Arincón, a banda de rock ska da Bandeira presentará o seu primeiro disco (“Que no te cuenten cuentos”). Mentres seguen a preparar o seu segundo traballo, que será grabado en Madrid a mediados do 2013.
A continuación actuarán os Malucos e Malandros. A banda ourensana  de “rock en cuarentena” (todos pasan dos 40 anos) repite no Bandeirock coas súas versións de potente rock and roll, logo do éxito acadado o pasado ano. Por último, o festival contará co grupo John Happy Driver, de Esteiro (Muros). A banda de punk rock, cos compoñentes máis novos do cartel da Bandeira, promete diversión para rematar a noite.
E xa o venres día 17, como preludio da xornada estrela coa empanada como protagonista volta o Esmorga Folk, un dos festivais máis veteráns do panorama de música tradicional galega.
O concelleiro de Cultura de Silleda, Matías Rodríguez Da Torre, lembrou que a cita supón o preámbulo ás vodas de prata do Esmorga Folk “un dos festivais máis veteranos que sigue pervivindo e atraendo a xente”.
Ana Codesido e Xoán Carlos Fernández (Mudy), como membros da organización do certame presentaron os grupos que actuarán este ano. O grupo compostelán Carapaus abre a noite presentado o seu traballo discográfico Conservas da Música tradicional. A banda, de recente creación, está formada por cinco compoñentes.
Actuará tamén o grupo Tanto nos tén, de Redondela, que se definen a sí mesmos como autores de “música furtiva galega”. Polo escenario do Esmorga, xunto á carballeira de Silva, desfilarán tamén os compoñentes de Zurumalla, a formación viguesa que leva xa once anos estudando e tocando por toda Galicia a música tradicional e que fan de cada actuación toda unha festa. Como broche de ouro, o festival da Bandeira acolle a actuación de Cuchufellos, banda multicultural habitual nos festivais galegos e noutras localidades españolas. O seu último traballo, Acheigavos fregueses, ue data de 2009 fai un percorrido por distintos sons do mundo, cun ritmo frenético. 

Ningún comentario: