Santiago - Peter Punk este luns no Verán na rúa

Peter Punk é un dos clowns e humoristas máis destacados e programados en Galicia nestes últimos anos. Ademais, foi gañador do Festiclown 2008 e participante nas máis importantes citas de clown de todo o Estado (Euskadi, Madrid, Barcelona, Baleares....).

Recentemente participou no Festiclown 2010, no festival Circe de Santa Colma (Barcelona), na FITEC de Getafe (Madrid), no Somriure de Pineda (Catalunya) e en varias edicións do Magiclown, como a de 2010, entre outras.

Peter Punk destaca, ademais, por ser un dous poucos clowns e compañías de novo circo galegas con tres espectáculos en cartel: tres grandes mostras da capacidade desta compañía que nos amosan o porque do seu éxito e crecemento. Son espectáculos diferentes e anovadores que manteñen a pureza do humor como liña de traballo.

Isaac Rodríguez Miranda é a identidade secreta de Peter Punk, ou pode que sexa ao revés. Un mozo malabarista vigués que representa coma poucos a nova escola popular de malabaristas e artistas de rúa e de novo circo que se vén desenvolvendo en Galicia nos últimos anos. No seu currículo formativo mestúranse cursos e obradoiros de diversas técnicas teatrais, como clown e interpretación, así como outras propias do novo circo, como acrobacias e malabares. Dentro destes cabe destacar, entre outros, os cursos realizados con Jöns Pappila (Iniciación ao Clown) ou Capitán Maravilla (Clown de Rúa), xunto con estancias con grandes mestres arxentinos. Pero Isaac Rodríguez é tamén, e sobre todo, un autodidacta, que foi aprendendo e evolucionando como cómico e malabarista a partir de longas sesións de ensaios e de pórse ante o público en toda clase de espazos, tanto de rúa como de interior.

É no mundo dos malabares onde Isaac Rodríguez se atopa máis cómodo, dominando diversas disciplinas: bólas, mazas, aneis e os espectaculares fachos de lume, cos que remata algún dos seus espectáculos. 

Ningún comentario: