Santiago, 22/06/2016 - Hoxe preséntase na Granell "O tempo das mareas. María Casares e Galicia" de María Lopo, a cita na Fundación Granell, na praza do Toural, as sete e media da tarde.
Os xogos da infancia na coruñesa rúa Panaderas foron lembranza común de dous exiliados galegos, María Casares e Eugenio Granell. Este último recolle nas súas memorias, editadas pola Fundación Granell en 2006, a imaxe da nena dos Casares, xunto aos primos do pintor e outros veciños xogando nesta rúa. Tamén María Casares evoca este espazo urbano de liberdade infantil nas súas memorias, Résidente privilégiée (1980).
En Panaderas, fronte ao mar da Coruña, naceu en 1922 a nena María Victoria Casares Pérez. As guerras e os exilios conducírona a Francia, onde se converteu en Maria Casarès, unha das grandes actrices europeas do século XX. O tempo das mareas percorre a súa vida dende unha óptica galaica, aportando datos e materiais inéditos sobre a infancia coruñesa, a adolescencia madrileña, a xuventude exiliada e a madurez plena dunha das personalidades culturais máis interesantes e descoñecidas da Galicia contemporánea. A actriz sempre ostentou con orgullo e dignidade o seu ser de muller galega, e fixo vivir Galicia na creación artística francesa, modificando as súas linguaxes teatrais en clave galaica e deixando a súa traza oceánica no universo mediterráneo de Albert Camus.
María Lopo, doutora en Literatura Francesa pola Universidade Rennes 2 – Haute Bretagne, é autora de estudos, edicións e traducións sobre literatura francófona contemporánea, especialmente poesía bretoa en lingua francesa, celtismo literario, relacións entre escritura e identidade e surrealismo. En Francia, publicou as obras Fisterra (1999), La Galice (2002), Guillevic et sa Bretagne (2004) e Galice & Compostelle, l'autre Finistère (2009). En Galicia ocupouse do sexismo na didáctica da lingua e a literatura estranxeiras en Feminino irregular (2004) e reuniu boa parte dos seus traballos en Ensaios en espiral (2014).
Interesada polas culturas do exilio republicano, estudou as figuras de Eugenio Granell e Amparo Segarra, así como as súas conexións co surrealismo francés, tema sobre o que disertou en Francia e en Galicia. Publicou diversos estudos sobre as relacións de Granell con André Breton, Marcel Duchamp e Benjamin Péret, ademais de editar a correspondencia con este último, e de pertencer ao Consello de redacción fundacional dos Cahiers Benjamin Péret.
En canto a María Casares, tamén interveu sobre ela en numerosas ocasións en Francia e en Galicia, ademais de publicar diversos estudos, de editar a correspondencia intercambiada co seu pai Santiago Casares Quiroga no libro Cartas no exilio (2008) e de dedicarlle un texto teatral adaptado para a escena por Sarabela Teatro (2007).
Ningún comentario:
Publicar un comentario