Santiago, 20/06/2016 - Hoxe ás 19.30 horas o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar, 19 de Santiago de Compostela, a clausura do Ciclo “Os Luns do Ateneo” cunha conferencia organizada pola Sección Arte, Educación e Cultura en conmemoración do cuarto centenario da morte de Cervantes titulada “O enxeñoso Miguel de Cervantes”, que estará impartida por D. Luis Iglesias Feijoo, Catedrático da USC.
A continuación, para finalizar o acto, o Coro Asubío ofrecerá un recital de canto.
Luis Iglesias Feijoo é Doutor en Filosofía e Letras pola USC e Catedrático de Literatura Española nesta Universidade. As súas liñas docentes e investigadoras son a literatura española do Século de Ouro e contemporánea e a teoría do teatro. Anteriormente ten desempeñado os cargos de Vicedecano da Facultade de Filoloxía e Vicerreitor de Organización Académica e Profesorado na USC e traballou como profesor nas Universidades de Borgoña, Copenhague, Aarhus (Dinamarca), Colorado, Brown (USA) e Temple University (Philadelphia, USA). Participou en numerosos proxectos de investigación e en máis dun cento de cursos e congresos. Ten publicados varios libros e artigos, dirixiu teses doctorais, organizou simposios e impartiu conferencias. Dende 1999 é Académico Correspondente da Reial Acadèmia de Bones Lletres de Barcelona.
Ningún comentario:
Publicar un comentario