Santiago, 24/06/2016 - Hoxe as 20:30 horas concerto no Teatro Principal cun dos mellores grupos do panorama galego, Ataque Escampe presentan algunhas cancións do que será o seu novo traballo.
Con Aataque escampe estarán en Compostela Chicharrón, os de Carballo presentan o segundo disco cheo de novas sonoridades.
As ATAQUE ESCAMPE (Roi Vidal, Miguel Mosqueira, Samuel Solleiro, X. L. García Carlín e Álvaro Trillo) escriben cancións con salsa agridoce. Producen músicas tristes para escenarios con cortina vermella, reverbs torturados e himnos á derrota, pero tamén rock’n’roll para desabrochar as camisas, soul hilarante e, por que non, ruído. Textos amargos que manchan as mans con algo que chamaremos optimismo e a estraña melancolía dun crooner extraterrestre. Arrástranse desde 2001 polos escenarios, electrificándose de a pouco conforme pasan os anos, mudando de formación e deixando constancia do seu paso pola Terra en formato disco: Galicia es una mierda(2008), A grande evasión (2009),Violentos anos dez (2011), Noites de agosto con Ataque Escampe (2012) ou O disco vermello (2014), entre outros. En 2014 gañaron na categoría indie / pop dos Premios da Música Galega. Neste concerto presentarán algúns temas de adianto do seu novo próximo disco.
CHICHARRÓN veñen de editar o seu segundo álbum de título “POSTAL”. A banda carballesa, que acadou o recoñecemento de público e crítica co seu álbum de debut, introdúcese agora en novas sonoridades concentradas no papel das guitarras eléctricas. O grupo formado por Alberto Vecino, Diego Gende, Rubén Domínguez, Mar Catarina e Xurxo Meis constrúen ao longo dos doce cortes do disco un relato de amor e claridade, debuxando en galego un mosaico de sensacións susurradas, nas que as capas de emoción e a pulsión rítmica se superpoñen. As pegadas da viaxe déixanse notar, e nelas ábrese paso a electricidade, acollida entre atmósferas oníricas. Coa produción a cargo de Rubén Domínguez, baixista da banda, o disco foi gravado por Tomás Ageitos no Estudio A Ponte de Santiago de Compostela e masterizado por Ibán Pérez no Estudio Terraforma de Hío, Cangas. O selo galego PRENOM é o encargado novamente de editar fisicamente o disco.
Ningún comentario:
Publicar un comentario