Santiago, 21/06/2016 - O
concelleiro de Deporte, Rafael Peña, presentou o IV Campus de
Tecnificación organizado pola Fundación Atlético de Madrid. Na rolda estivo
acompañado polo seu coordinador, Héctor Antelo.
Rafael Peña explicou
que "se trata da cuarta edición deste evento na comarca, pero a primeira
vez que se celebra no noso concello. Para iso poremos a disposición do club o
campo de fútbol A Merced de Conxo, que se abrirá o luns da semana que
vén". Rafael Peña e Héctor Antelo agradeceron tamén a colaboración co
campus do CD Conxo.
O IV Campus de Tecnificación celebrarase entre os días 4 e 9 de xullo no campo
de fútbol de Conxo e está dirixido a nenos de entre 4 e 16 anos. Os máis
pequenos e os porteiros, que recibirán un adestramento específico, realizarán
as actividades no campo de herba natural, e os maiores no campo sintético.
Haberá sesións con adestradores titulados, como é o caso de Miguel Ángel
Sopuerta, técnico do Atlético de Madrid Féminas, quen ascendeu ao equipo á
máxima categoría e competiu na Champions League nesta temporada.
O horario do campus será de 9:30 a 14:00 horas e as actividades futbolísticas
complementaranse con outras como xincanas, xogos tradicionais, etc. Hai un
total de 100 prazas dispoñibles. O prezo por participante é de 160 euros e a
inscrición pode facerse cubrindo un formulario ou presencialmente nas oficinas
do campo de fútbol de Conxo. Héctor Antelo destacou que "se trata dun
campus moi completo dentro dos que existen a nivel elite, onde os rapaces
participantes non só realizarán actividades deportivas, senón que aprenderán
valores coma o respecto e o compañeirismo, que se inculcan no club dende as
categorías inferiores".
Campo de Conxo
A preguntas dos medios sobre o estado das obras no campo de fútbol de Conxo, o
concelleiro de Deporte explicou que "xa está rematado o campo e a zona de
adestramento", polo que esta semana se acometerán os últimos traballos no
muro perimetral. A idea é que a semana que vén o campo estea operativo para que
o CD Conxo poida realizar os seus adestramentos. Peña entende que "este
campus é ademais a ocasión ideal para a primeira actividade deportiva do novo
campo".
Ningún comentario:
Publicar un comentario