Teo incorpora dez persoas máis ás súas brigadas

Teo, 25/06/2016 - O Concello de Teo incorpora estes días un total de dez persoas ás súas brigadas de obras e de parques e xardíns. Cinco das contratacións son posibles coa participación municipal no Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación da Coruña e as outras cinco efectúanse mediante un programa autonómico. Nas dúas iniciativas, os traballadores e traballadoras beneficiados permanecerán aproximadamente ata finais de ano. 
O persoal co que o Concello de Teo reforza os seus servizos traballará na actividade cotiá das dúas brigadas, que comprende a construción, mantemento e conservación de infraestruturas públicas máis a habilitación e limpeza da rede viaria local e de espazos públicos de lecer. 

Unha das accións especiais que acometerá a brigada de obras beneficiará á urbanización dos Tilos. Alí, tres dos operarios contratados con financiación do plan provincial arranxarán as sendas empedradas do parque, eliminarán diversas barreiras arquitectónicas e repararán as beirarrúas de varias rúas da urbanización. 

Outra das intervencións destacadas desta acción nos Tilos será o cambio do peche perimetral do parque infantil, a sustitución dun elemento deteriorado, a colocación doutro específico para nenos e nenas de ata tres anos, máis o saneamento do chan e dos xogos do parque utilizando materiais de máxima calidade, baixo mantemento e gran durabilidade.

Ningún comentario: