A Escola de música de Ames clausurou o curso

Ames, 25/06/2016 - Esta semana tivo lugar o último concerto da Escola de Música Municipal de Ames (EMMA). Un acto que acolleu a Casa da Cultura do Milladoiro e que serviu de despedida do alumnado. O público encheu o auditorio para escoitar as actuacións das agrupacións de canto, de violíns, a orquestra de guitarras, o combo xuvenil e de adultos, o alumnado de canto moderno ou ao alumnado de percusión, entre outros.

 Abriu e presentou o acto o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, quen agradeceu a asistencia do público. Santomil destacou “o compromiso que ten o goberno municipal co profesorado e alumnado da Escola Municipal de Música de seguir ofrecendo este servizo nas mellores condicións posibles”. Ademais, engadiu que o goberno municipal “ten o obxectivo, durante este mandato, de incrementar nun 50% as prazas da EMMA, co propósito de chegar ás 300 no ano 2019”.

A tarde de música contaba co paso polo escenario de arredor de 100 alumnas e alumnos. Os máis pequenos e pequenas da EMMA foron os encargados de arrincar, mentres que o grupo de combo de adultos cumpriu coa súa labor de finalizar as actuacións con cancións que puxesen ao auditorio a bailar. Temas instalados na memoria como o “Carolina” de M-Clan ou “Ritmo de Garaje”, de Loquillo, foron coreadas polo público. Na parede do auditorio un vídeo proxectaba os nomes dos alumnos e alumnas e as pezas que interpretaban. O público tiña tamén un programa de man, de forma que puideron seguir todas as funcións. Dúas horas de música instrumental e cantada que incluíron a banda sonora de Star Wars, pezas de música tradicional, o últimos éxitos de música pop e rock. 

Este foi o último concerto da EMMA, que pecha as súas portas até o comezo do vindeiro curso. Lémbrase ás persoas que realizaron a pre-inscrición das prazas vacantes da escola deben asistir o próximo luns 27 ao sorteo público das mesmas, que terá lugar no Salón de Plenos da Casa do Concello.

Ningún comentario: