O alumnado do CEIP A Maía marca unha liña na estrada AC-544 para ampliar as beirarrúas

Ames, 22/06/2016 - Onte un grupo de alumnos de cuarto de primaria do CEIP A Maía participou xunto co concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, nunha actividade do programa “Pés na rúa”, que se enmarca dentro do Plan Proxecta, no que colaboran o Concello de Ames, o CEIP A Maía e maila Xunta de Galicia.
Os rapaces e rapazas marcaron unha liña simbólica na estrada AC-544, para ampliar a beirarrúa que discorre dende o pavillón polideportivo de Bertamiráns ata o IES Plurilingüe de Ames. Esta actuación, que terá un custo de 50.000 euros, será sufragada polo Concello de Ames e está ligada á aprobación do orzamento de 2016. Ademais, a Xunta de Galicia mellorará o firme dun treito de 1.100 metros desta estrada que une Bertamiráns e Negreira.

O goberno municipal ten o obxectivo de ampliar a beirarrúa que discorre entre o pavillón polideportivo de Bertamiráns e  maila entrada do IES Plurilingüe de Ames. Segundo indica o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, “o noso obxectivo é primar a seguridade do alumnado e despois reorganizar a dársena de autobuses do transporte escolar. Con esta finalidade preténdese ampliar a beirarrúa da devandita dársena de autobuses”.

Para ampliar a beirarrúa preténdese reducir a mediana que está pintada no medio da AC-544, e deste xeito, gañar espazo para poder darlle maior amplitude a devandita beirarrúa. Para iso hai que facer un repintado de toda a dársena e da AC-544. Isto xa estará incluído dentro do plan que presentou no mes de febreiro en Bertamiráns a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, para mellorar o firme dun tramo de 1.100 metros da estrada AC-544 que une Bertamiráns e Negreira.

Os traballos de ampliación da devandita beirarrúa serán sufragado con fondos propios do Concello. Para iso habilitouse unha partida de 50.000 euros dentro do orzamento de 2016, polo que será preciso ter aprobado este presuposto para poder executar estas obras. Cómpre lembrar que estes traballos de ampliación da beirarrúa contan con visto bo dos técnicos da Consellería de Infraestruturas, que asistiron no mes de febreiro a segunda proba para reorganizar o tráfico viario e mellorar a seguridade peonil no CEIP da Maía e no IES de Ames.

Programa Pés na rúa
O alumnado do CEIP A Maía está participando no programa Pés na rúa, que se enmarca dentro do Plan Proxecta (proxecto de educación en materia de seguridade viaria e mobilidade sostible), no que colaboran o Concello de Ames, o CEIP A Maía e maila Xunta de Galicia. Dentro desta iniciativa, esta mañá, os rapaces e rapazas marcaron de xeito simbólico unha liña na estrada AC-544, para ampliar a beirarrúa que discorre dende o pavillón polideportivo de Bertamiráns e o IES Plurilingüe de Ames. Foi un acto simbólico para que os nenos e nenas saiban que se vai a tomar esta medida co fin de mellorar a seguridade viaria nesta zona escolar.

Ademais, os rapaces e rapazas deste colexio elaboraron unha maqueta da zona escolar do CEIP da Maía e do IES de Ames, onde se poden apreciar as novas beirarrúas. Toda a información e traballos realizados polo alumnado de cuarto de primaria deste centro de ensino están recollido no sitio web: https://pesnarua.wordpress.com/

Outras medidas a adoptar

Ademais, da ampliación da devandita beirarrúa o goberno municipal vai adoptar outras medidas para a mellora da seguridade viaria nesta zona. Deste xeito, vaise a impedir o aparcamento permanente nunha das beiras da AC-544. O lugar de estacionamento permanente trasladarase á explanada do pavillón polideportivo de Bertamiráns, que está situado a 200 metros destes centros escolares e conectada a través dunha beirarrúa, para que todas as familias poidan aparcar o seus vehículos neste lugar.


Outras medidas que está estudando realizar o goberno municipal é habilitar varias prazas de estacionamento, para persoas con mobilidade reducida, preto do paso de peóns situado diante da entrada do CEIP A Maía. Habilitaranse tamén zonas de parada rápida para os vehículos que só realicen paradas dun máximo de 10 minutos. Ademais, reorganizarase o horario do vehículo de transporte de comida da Rede Municipal de Comedores Escolares, para que non coincida co horario de entrada e saída dos autobuses de transporte escolar.

Ningún comentario: