Santiago, 20/06/2016 - A concelleira do Grupo Municipal Popular, María Corral, ofreceu unha rolda de prensa para desmontar as mentiras e a confusión xerada pola concelleira de Políticas Sociais ao respecto da Renda de Garantía Báscica ‘Compostela+’: “É unicamente unha reformulación ideolóxica que responde a que Compostela Aberta nunca tivo interese polo Santiago Suma”.
Neste senso, a edil popular destacou que o programa elaborado polo Partido Popular foi pioneiro en Santiago e en Galicia: “O obxectivo era non cronificar a situación das persoas en exclusión social, senón o de aportarlles todas as ferramentas necesarias para promover a súa inclusión na sociedade”. “Era un programa -continuou- para atender ás minorías”. Desta forma, a administración local podía encher os ocos que deixaba as administracións autonómica e estatal, non colisionar con outras prestacións e non xerar situacións de desigualdade. Un criterio que, tal e como puxo en evidencia María Corral, Compostela Aberta non recolle na súa ordenanza, xa que establece incompatibilidades con outras axudas de inclusión doutras administracións –Risga, pensións non contributivas, etc.-.
A concelleira lamentou a reformulación ideolóxica que o goberno local fixo de Santiago Suma e aludiu a un simple cambio de nome no tipo das axudas, xa que os conceptos son os mesmos. “Non hai nin unha soa axuda que se inclúa agora que non estivera antes no Santiago Suma”, salientou a edil popular. “É posible falar -engadiu- dun novo programa social cando os conceptos da ordenanza sons os mesmos”. Deste xeito, ‘manutención e aluguer’ pasou a denominarse ‘necesidades básicas’ ou ‘mantemento da vivenda habitual’ é agora ‘habitabilidade e pobreza enerxética’.
No Santiago Suma, partíase dun mínimo de 399,38 euros -a mesma cantidade que a axuda da Risga- e establecíase unha axuda complementaria para vivenda de 133,13 euros, acadando os 532,51 euros, a mesma contía que figura en Compostela+. O tope máximo de Santiago Suma é maior que o de Compostela+: dos 852 euros da primeira pásase aos 798,76 euros. Polo tanto, “non existe o incremento de axudas do que fala a concelleira”, destacou María Corral. Outro dos puntos nos que a representante popular fixo especial fincapé foi na duración da prestación da renda social que Compostela+ que, a diferenza do Santiago Suma, ten un límite de dous anos (12 meses prorrogables outros 12 máis), así como tamén na demora do novo procedemento da tramitación:
“Pasados dous anos, non se pode deixar a unha persoa tirada, que é o que vai pasar coa renda de Compostela Aberta, senón lograr que se inserte na sociedade”.
Acondicionamento da antiga escola de Amio Os populares presentaron, tamén, unha moción solicitando o acondicionamento da antiga escola unitaria de Amio, na rúa do Picón, á beira do parque infantil, xa que mostra un deterioro moi acusado ao que cómpre poñerlle remedio: pintura deteriorada, paredes descascadas, cristais rotos, rexistro de conexión eléctrica á intemperie… A isto súmaselle a existencia dun escudo preconstitucional, que perdura no frontispicio da edificación.
Por outra banda, os populares instan ao concello a que promova as medidas necesarias para que, desde a data da entrada en vigor da gratuidade do transporte metropolitano interurbano ás persoas menores de 18 anos, que vai poñer en marcha a Xunta de Galicia, estas tamén poidan beneficiarse da mesma gratuidade no transporte urbano do noso concello. O Grupo Municipal Popular entende que a aplicación desta importante medida no ámbito sobre o que a Xunta ten competencia, isto é, sobre o transporte metropolitano interurbano das áreas da Coruña, Ferrol, Lugo, Santiago, Vigo e Ourense, debera completarse coa súa extensión ao ámbito do transporte urbano, no que este concello ten competencia exclusiva, reforzando así a transcendencia dunha medida social entre a veciñanza de Santiago de Compostela.
Ningún comentario:
Publicar un comentario