Ames, 19/06/2016 - O Grupo Popular no Concello de Ames considera que o Goberno tripartito de Ames suspende estrepitosamente no coidado das instalacións deportivas do rural e espera que espabile nestes meses de verán para que, tan sequera, poida conseguir o aprobado raspado en setembro.
Membros do Grupo Popular do Concello de Ames visitaron, a petición de veciños, as parroquias de Trasmonte e Tapia para comprobar de primeira man o estado total de abandono no que se atopan as instalacións deportivas da zona: bens de titularidade do Concello de Ames e que se atopan inventariados.
En estado lamentable e sen posibilidade de uso, atópase o campo de fútbol de Trasmonte, un ben que se atopa completamente invadido pola maleza, o que fai imposible o seu uso non só para a práctica do fútbol, senón para calquera outra actividade deportiva ou lúdica. Neste sentido, e como puxo de manifesto o veciño que acompañou ao grupo municipal, este recinto utilizouse en ocasións para realizar carreiras de vehículos teledirixidos.
Outra das dotacións deportivas en estado lamentable son as pistas deportivas de Tapia, situadas a cincuenta metros da área recreativa da praia fluvial. O aviso do pasado 23 de maio alertando da aparición no río Tambre de bacterias asociadas a feces foi a escusa perfecta empregada polo Tripartito para xustificar a falta de dilixencia á hora de acondicionar o entorno da praia fluvial de Tapia. A realidade é que nesa data aínda se estaba coas labores de acondicionamento e limpeza do entorno, polo que a presenza de enterococos intestinais veulle como anel ao dedo ao goberno local para desviar a atención cidadá sobre o retraso nestes traballos na área recreativa (verificado persoalmente por membros do Grupo Popular) e o acondicionamento da dotación deportiva complementaria da recreativa.
No ABC da xestión municipal está o acondicionamento previo, coa debida antelación, das zonas dedicadas ao ocio e desfrute da natureza durante a tempada estival. Nesta asignatura, o goberno municipal volveu suspender estrepitosamente, tanto polo retraso na realización das tarefas, coma polas deficiencias nas mesmas, e nestes dous supostos pola ausencia total de mantemento.

Ningún comentario:
Publicar un comentario