Amosando publicacións coa etiqueta FUNDACION GRANELL. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta FUNDACION GRANELL. Amosar todas as publicacións

O grupo Histagra da USC inaugura este xoves a mostra ‘80 anos. Santiago 1936’

Santiago, 07/07/2016 - Explicar cómo en poucos días Santiago pasou de ser unha cidade en plenas festas do Apóstolo, na que aínda se celebraba o Estatuto de Autonomía de Galicia, a vivir o triunfo do golpe de estado. Ese é o propósito da mostra que o grupo de investigación histórica da USC Histagra inaugura este xoves 7 ás 19.00 horas na Fundación Granell.

Hoxe preséntase na Granell "O tempo das mareas. María Casares e Galicia" de María Lopo

Santiago, 22/06/2016 - Hoxe preséntase na Granell "O tempo das mareas. María Casares e Galicia" de María Lopo, a cita na Fundación Granell, na praza do Toural, as sete e media da tarde.

Artesanía de Galicia enche a Fundación Granell de Obradoiros

A Fundación Centro Galego da Artesanía e o Deseño en colaboración coa Fundación Eugenio Granell achegará este verán a marca Artesanía de Galicia á cidadanía compostelá e ao numeroso público foráneo que visita Santiago de Compostela a través do proxectoArtesanía de Galicia.

O alcalde de Santiago abriu o Maratón de Lectura da Fundación Granell, dedicado a Rosalía

2/06/2016 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, abriu o xa tradicional Maratón de Lectura organizado pola Fundación Eugenio Granell e dedicado este ano a Rosalía de Castro.

Maratón de Lectura "Rosalía de Castro", este mércores na Fundación Eugenio Granell

 31/5/2016 - Continuando co seu obxectivo de promoción e apoio á literatura, un ano máis a Fundación Eugenio Granell organiza o Maratón de lectura que terá lugar mañá mércores 1 de xuño de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00h

A Granell inaugura mañá "Fluid Solaris" da artista Janice Hathaway

25/5/2016 - Esta exposición, comisariada por Natalia Fernández Segarra, directora da Fundación Eugenio Granell, mostra unha selección de colaxes dixitais onde a artista da prioridade ó sentido do espazo, á composición e á beleza. inaugurase as 20:00 e estará aberta ata o 10 de xullo.

Inauguración da exposición E.E.I Milladoiro con Granell

Hoxe xoves 12 de maio, ás 18:00 h, na Fundación Eugenio Granell terá lugar a inauguración da exposición de debuxos infantís dos alumnos do E.E.I Milladoiro. As obras están realizadas polo alumnado de tres e catro anos das clases das profesoras Begoña Turnes García, Mª Elena Busto Galego, Manoli Lojo Rocamonde e Concepción López Modia. 

Marcos Correa fala da súa peza favorita na Granell

Nesta ocasión, as construccións de Eugenio Granell Cacique Tribal (1969), El Inventor (1988) e Auriga (1990) serven de inspiración para a creación dunha nova composición.

(Algunhas) mulleres na Biblioteca e os arquivos de Granell

A Fundación Eugenio Granell realizará un acto de apertura hoxe, mércores 20 de abril, ás 12:00 horas, da exposición (Algunhas) mulleres na Biblioteca e os arquivos de Granell, que poderá visitarse na primeira planta, ata o 26 de xuño.

A Fundación Granell lembra un ano máis a Valle-Inclán colocandolle unha bufanda a súa estatua

A Fundación Eugenio Granell realiza hoxe  o acto simbólico de colocación dunha bufanda vermella na escultura de Ramón María del Valle-Inclán, na Alameda de Santiago de Compostela ás 11.30 horas. 

Este acto, que ven realizando a Fundación Eugenio Granell desde o ano 2007, quere establecer unha conexión coa famosa colocación da bufanda branca na estatua de Valle-Inclán, no paseo de Recoletos, en Madrid, o día do teatro; pero neste caso para conmemorar o regreso real e simbólico de Valle a Compostela e a Galiza, a súa terra de orixe.
Para a realización do acto contaremos, como tódolos anos, coa colaboración do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal.

No acto intervirán Branca Novoneyra, Concelleira responsable de acción cultural con competencias en cultura, Mercedes Rosón, membro do Padroado da Fundación Eugenio Granell, Antonio González Millán, Director do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal, e Xoan Xosé Fernández Abella, escritor e amigo do Museo Valle-Inclán.

Fundación Granell - A miña peza favorita con María Meijide

Hoxe, xoves 26 de novembro, ás 20:00h, na Fundación Eugenio Granell terá lugar unha nova edición da actividade “A miña peza favorita”, a cargo da artista María Meijide. Nesta ocasión, a obra escollida será o Bodegón de Zurbarán, realizada por Eugenio Granell no 1970.

A actividade “A miña peza favorita” iníciase no 1997, consiste en seleccionar unha ou varias pezas de entre todas as que se atopan nas Coleccións da Fundación Granell, para elaborar un comentario persoal en forma de representación artística sobre as obras elixidas.

A produción de María Meijide, pintura figurativa de base realista e rastro autobiográfico, traballa en contra da idea de grandeza, que parte do natural, do día a día e sitúanos na base material da vida: o espazo para durmir, a comida, a cociña e os seus artefactos, o espazo de traballo, etc...

Este foco no concreto, no banal, implica unha íntima subversión a certas narrativas do importante: grandes ideas, grandes dramas (o discurso construído da alta cultura: historia, arquivo, xustiza social, etc). O seu traballo avoga por unha pulsión viva e colorista, material, que se sitúa en tensión, no polo oposto a estas narrativas construídas, ao intento de suxeición en formas fixas do discurso.

Fundación Granell - Actos do aniversario de Granell

A Fundación Eugenio Granell, como ven sendo habitual dende hai uns anos, organiza na última semana deste mes de novembro, diferentes actos e actividades para conmemorar o Aniversario de Eugenio Granell, nado o 29 de novembro do 1912.

Dende o 24 ó 28 de novembro organízase unha xornada de portas abertas, para todos aqueles que desexen visitar o museo. Os visitantes poderán beneficiarse de descontos especiais nalgúns produtos da nosa tenda.

O xoves 26 de novembro, ás 20:00 h, terá lugar unha nova edición da actividade “A miña peza favorita”, a cargo da artista María Meijide. Esta actividade iniciase no 1997, consiste en seleccionar unha ou varias pezas de entre todas as que se atopan nas Coleccións da Fundación Eugenio Granell, para que o convidado elabore un comentario persoal en forma de representación artística sobre as obras elixidas. 

Tamén o xoves 26 de novembro ás 12:00h, dentro das III Jornadas sobre Bibliotecas de Museos, co subtítulo “Hacia una integración de colecciones y servicios”, que se desenvolverán os días 26 e 27 de novembro no Museo Lázaro Galdiano de Madrid. María Pita Ponte, bibliotecaria da Fundación Eugenio Granell, impartirá a conferencia: Con la biblioteca en la maleta. El legado documental de Eugenio Granell. Estas xornadas teñen como obxectivo que os profesionais das bibliotecas e os museos poidan establecer un marco de reflexión e diálogo sobre os modelos existentes para xestionar, describir e difundir as coleccións das bibliotecas dos museos, cun marcado carácter heteroxéneo.

Fundación Granell - Presentación de O Abecedario

Mañá venres, 20 de novembro, ás 18:30h, na Fundación Eugenio Granell, a Agrupación Cultural O Galo, en colaboración coa Fundación Eugenio Granell, realiza unha actividade lúdica, dirixida a nenas e nenos de 2 a 7 anos, dirixida por MÓNICA PAZOS que intervirá para potenciar a creatividade das nenas e nenos a través da pintura, o canto e o baile. 

O ABECEDARIO componse dun disco-libro publicado por A Mesa pola Normalización Lingúistica, ilustrado por Óscar Villán, con música de Maxin Blanco e dirixido a cativas/os de entre 2 e 7 anos.

Fundación Eugenio Granell - Inauguración da exposición de Luis Seoane "Voar por riba dunha torre de marfil"

A Fundación Eugenio Granell inaugura o vindeiro xoves 12 de novembro, ás 20:00h., a exposición Luis Seoane. Voar por riba dunha torre de marfil, que poderá visitarse ata o 17 de xaneiro de 2016. Con esta mostra, comisariada por David Barro e Carmela Montero, a Fundación Eugenio Granell, continúa a actividade expositiva que conmemora a celebración do seu 20 aniversario (1995-2015).

Esta exposición forma parte da colaboración establecida entre a Fundación Eugenio Granell e a Fundación Luis Seoane, completando un ciclo expositivo que fixo posible a realización da mostra Eugenio Granell. O regreso dos amantes, que se puido visitar o pasado verán na Fundación Seoane. 

Os comisarios artellan un percorrido expositivo baseado nas declaracións de Luis Seoane, quen afirmaba que o artista traballa na súa torre de marfil, lugar onde se escoitan ruidos, queixidos e cadeas de fantasmas. Nesta escoita, o artista rexeita o illamento que pode embargar ao home que crea e se crea a si mesmo no seu estudo, espazo físico, mental e ata espiritual de creación. Seoane, falando da súa época en Compostela, comentaba que non viviamos nunha torre de marfil, queriamos voar por riba dela, estar máis alto ca ela e ao mesmo tempo escavar os seus cimentos atopando tesouros intelectuais.

A aportación de Luis Seoane é fundamental para entender a arte e a cultura galega, de carácter poliédrico e infinita curiosidade, que derivaba nunha capacidade de traballo singular. Intelectual comprometido, emprende gran cantidade de proxectos colectivos, colaborando con Anxel Casal na Editorial Nós, e sempre aberto ás manifestacións culturais da súa época. Á expresividade da cor da súa pintura e á súa extraordinaria sensibilidade para o debuxo, únense técnicas como o gravado ou a pintura mural.

Destacamos a súa labor editorial, expresada desde a ilustración de libros, deseño de cubertas, impulsor de coleccións, diagramador de revistas e editor, xogando un papel fundamental no desenvolvemento do libro arxentino. No eido empresarial resulta determinante no renacer da fábrica de cerámica de Sargadelos, o Laboratorio de Formas de Galicia e a posta en marcha do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside de Sada. O seu labor como xornalista radiofónico, poeta, narrador, escenógrafo, guionista ou teórico, xera importantes reflexións sobre a necesidade da integración das artes e a arquitectura, sobre cine ou fotografía, e a súa persoal visión sintética entre os movementos universais e o espírito de Galicia. Sempre dende o compromiso, dende unha actitude política, ética, compartida con outros artistas como Eugenio Granell ou Carlos Maside.

Fundación Granell - Homenaxe a Begoña Caamaño

A Fundación Eugenio Granell acolle  mañá sábado, 24 de outubro, ás 17:30h., un dos dous actos en lembranza e recoñecemento á escritora Begoña Caamaño no primeiro ano do seu pasamento. 

Baixo o lema "BEGOÑÍSIMA", celebrarase en Santiago de Compostela unha xornada de homenaxe. Dous actos centrarán a celebración congregando a máis de trinta profesionais da música, literatura, artes escénicas, creación videografíca e comunicación. 

Mesa redonda- "A Sororidade”-17:30Hs
“A sororidade é unha arma de empoderamento que só pode facernos máis libres” (Begoña Caamaño)

A Fundación Eugenio Granell acollerá a mesa sobre a sororidade e a relevancia deste concepto na articulación actual dos feminismos, coa participación das feministas: Antía Pérez Caramés, Ana Sánchez Bello, Carmen Castro Garcia e Lola Ferreiro Díaz.

Trátase dun encontro arredor dun dos elementos centrais na obra de Begoña Caamaño, “a sororidade” como empoderamento na procura dun mundo máis libre e máis xusto para as mulleres e formular ao tempo os perfís que a sororidade toma nas praxes actuais do feminismo.

Teatro Principal- 20:30hs
Preto de 30 profesionais da música, literatura, artes escénicas, creación videográfica e comunicación participarán no acto arredor da escritora e xornalista Begoña Caamaño falecida en outubro de 2014. Uxía, Mercedes Peón, Alba María, Habelas Hainas e De Vacas porán a musica a un acto no que se proxectará a creación videográfica das Candongas do Quirombo, e as intervencións de Aldaolado, as escritoras María Xosé Queizán e Carmen Panero e a actriz Mónica Caamaño. Ademais contará coa participación de compañeiras e amigas da escritora, a produción de Concha de la Fuente e a colaboración de Elena Ferro.

Asemade serán presentados dous libros arredor da súa obra, O libro das Amigas, con deseño de Uqui Permui e ilustracións de Montse Amigo, no que 22 mulleres lembran á autora e Circes e Morganas. Homenaxe das escritoras a Begoña Caamaño, promovido pola Plataforma A Sega, con textos de 25 escritoras.

Begoña Caamaño
Feminista e antipatriarcal, así definía a súa obra a escritora Begoña Caamaño que con dúas novelas publicadas entre os anos 2009 e 2012 construíu un universo propio que recibiu o recoñecemento de lector@s e crítica. En Circe ou o pracer do azul aborda a reescrita en clave feminista da historia de Circe e Penélope. Morgana en Esmelle (Premio da Crítica Española, Premio Losada Diéguez e Premio AELG) recrea o mundo artúrico e Terra de Miranda cunha ollada contemporánea.

Falecida en outubro de 2014 aos 50 anos Begoña Caamaño desenvolveu a súa traxectoria profesional como xornalista na Radio Galega e mantivo unha intensa actividade vinculada ao feminismo e a distintos movementos sociais.

O Concello de Santiago e a Fundación Eugenio Granell colaboran na iniciativa promovida por un grupo de amigas da escritora.

Fundación Granell - Exposición Eugenio Granell: viaxe ao exótico

Hoxe xoves 8 de outubro, ás 20:15h., inaugúrase no MHN, Museo de Historia Natural da USC, a exposición Eugenio Granell: viaxe ao exótico que poderá visitarse ata o 12 de novembro.

Esta mostra lévase a cabo coa colaboración do Museo Fundación Eugenio Granell, a USC e o MHN. A proposta desenvolvida polo profesor Miguel Anxo González Rodríguez, nace do interese do Museo Fundación Eugenio Granell en crear unha estreita relación entre a institución museística e a universidade favorecendo o acceso do alumnado as súas instalacións, e poñendo a súa disposición os medios necesarios para levar a cabo esta mostra.

Eugenio Granell: viaxe ao exótico xira arredor de dous eixos fundamentais. Por unha banda, pretende reivindicar a obra do artista galego na súa estadía caribeña durante o exilio, onde verteu trazos da cultura e da fauna propias na súa obra. O paxaro, pois, aparece coma sinal de liberdade, artellando un mundo iconográfico perfecto para a súa estética surrealista. A herdanza de Granell complétase con pezas coleccionadas por el coma xoguetes ou figuras de aves. Por outra banda, a idea expositiva poderíase concibir coma unha versión depurada das antigas wunderkammer (cámaras de marabillas), que nos séculos XVI ou XVII aparecían nas residencias de altos persoeiros inzadas anarquicamente de pezas do mundo natural e máis da arte, isto é, de curiosidades. Co desenvolvemento dos modelos de museo natural e artístico, ó longo do XVIII, estes dous eidos separáronse. A unión de pezas da Fundación Granell e máis do Museo de Historia Natural tenta ser, polo tanto, unha lembranza deste concepto expositivo. 

Entre as pezas escollidas de Granell atópanse un óleo sobre cartón, o Paxaro flor, dúas acuarelas e unha construción, a máis doutras dez pezas da colección de arte étnica do Museo Fundación, provintes do antedito coleccionismo do artista. Xunto con elas, o Museo de Historia Natural achega sete mostras da súa colección vencelladas ó reino das aves. 

Miguel Anxo González Rodríguez, coordinador da exposición, é profesor do departamento de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela impartiu a materia de Museoloxía e Museografía no curso 2014/15.

Esta exposición, xunto coa realizada no pasado mes de maio na Casa das Asociacións, Artistas na rúa, preparouse perante o curso 2014/15 e constitúe un primeiro achegamento do alumnado ó eido da xestión de exposicións. A iniciativa supón unha nova experiencia na docencia para alumnos e profesor, un desafío por mor da organización dun grupo tan amplo que carecía de bagaxe e experiencia profesional. Asemade, pretende demostrar a viabilidade deste tipo de proxectos feitos con poucos medios e apoio institucional.

Fundación Granell - Recital da obra políglota A cabeleira (Poema en 35 idiomas), de Claudio Rodríguez Fer

O vindeiro martes, 6 de outubro, ás 20:00 h., terá lugar no Museo Fundación Eugenio Granell, contando coa presenza da súa directora, Natalia Fernández Segarra, o recital da obra políglota A cabeleira (Poema en 35 idiomas), de Claudio Rodríguez Fer, ilustrada cun debuxo e cun caligrama de Carmen Blanco en cuberta e con varios debuxos de Sara Lamas no interior.

O poema ofrécese en 22 linguas procedentes de Europa (Galego, Portugués, Asturiano, Vasco, Castelán, Catalán, Occitano, Francés, Italiano, Inglés, Alemán, Danés, Neerlandés, Finés, Grego, Gaélico Irlandés, Gaélico Escocés, Galés, Bretón, Ruso, Polaco, Checo), 6 de Asia (Armenio, Hebreo, Árabe, Chinés, Xaponés, Hindi), 3 de África (Swahili, Ioruba, Wolof), 2 de América (Quechua, Guaraní) e 1 de Oceanía (Rapanui), así como no internacional Esperanto, en versións debidas a poetas, profesor@s e tradutor@s dos cinco continentes da Terra.

O recital no Museo Fundación Eugenio Granell, que se desenvolverá en dezasete idiomas, constará de:

  • Varsoviana para Granell

Por Claudio Rodríguez Fer, escritor e director da Cátedra de Poesía e Estética da Universidade de Santiago de Compostela, e Carmen Blanco, escritora e profesora de Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela,

  • Lectura políglota de A cabeleira en 17 idiomas:

En galego, polo poeta.

En portugués, Vivian Torres de Mello Rangel, licenciada en Literatura Brasileira pola Universidade do Estado do Rio de Janeiro e máster en Literatura Comparada pola Universidade de Santiago de Compostela (Tradución de Claudia Murici)

En castelán, Cris Fiaño, escritora, deseñadora gráfica e directora da revista cultural Evohé da Universidade de Santiago de Compostela (Tradución de Olga Novo)

En catalán e occitano, María Mercè López Casas, profesora de Lingua e Literatura Catalás na Universidade de Santiago de Compostela (Tradución de Marta Pessarrodona e Eric Fraj, respectivamente)

En francés, María Lopo, ensaísta, investigadora, profesora de Francés e doutora en Literatura Francesa pola Universidade da Alta Bretaña (Tradución dela mesma)

En italiano, Annachiara Pavesi, comparatista da Universidade de Trento e investigadora na Cátedra Valente (Tradución de Ana Rosso)

En romanés, Adina Ioana Vladu, filóloga, tradutora e doutora pola Universidade de Bucarest (Tradución de Ion Deaconescu)

En inglés, Natalia Fernández Segarra, directora da Fundación Granell e filla de Eugenio Granell e Amparo Segarra (Tradución de Diana Conchado)

En alemán, Rosa Marta Gómez Pato, profesora de Literatura Alemá na Universidade de Santiago de Compostela (Tradución de Regina Goerger)

En grego, Susana Losada, helenista e profesora de Grego no Instituto de Melide (Tradución de Theodora Grigoriadou)
En ruso, polaco e checo, Katerina Vlasakova, directora do Centro de Linguas Modernas da USC e autora da versión checa (Tradución de Serguey Stepanov, Marlena Zinma e dela mesma, respectivamente)

En chinés, Zhao Bing, alumna de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (Tradución de Zhou Wei)

En xaponés, Noriko Fukushima, hispanista licenciada pola Universidade Seisen de Tokyo e máster en Edición pola Universidade de Santiago de Compostela (Tradución de Asaka Takekazu)


En esperanto, Lourenzo Kuin, docente e presidente da Asociación Galega de Esperanto (Tradución de Diana Conchado)

Fundación Granell - 20 foormas de cambiar o mundo

O Museo Fundación Eugenio Granell inaugura o vindeiro xoves 2 de xullo, ás 20:00h., as exposicións 20 formas de cambiar o mundo e Amparo Segarra. Aracne, que poderán visitarse ata decembro deste ano.

A exposición 20 formas de cambiar o mundo, comisariada por Eduardo Valiña, toma como punto de partida as importantes coleccións que conforman os fondos do museo, establecendo un percorrido a través do diálogo, por unha parte entre a colección surrealista e a colección étnica e por outra entre a colección Philip West e Granell, a mostra complétase coas obras doutros creadores contemporáneos que forman parte de coleccións privadas.

A mostra susténtase no concepto de colección, dende as realizadas por Granell, ata o feito de realizar unha colección de arte actual, polo tanto créase unha relación directa entre o Granell artista e coleccionista con outros coleccionistas, e mesmo tamén creadores actuais.

Trátase dunha exposición dobre, distribuida nos dous andares, que funciona de modo independente e complementaria, xa que no primeiro andar levarase a cabo unha mostra de Luís Seoane no vindeiro mes de outubro.

AMPARO SEGARRA. ARACNE.
Esta exposición, comisariada por Natalia Fernández Segarra, directora do Museo Fundación, resalta unha das facetas máis descoñecidas da artista, a súa especial vinculación co mundo da moda. Neste senso, a roupa terá un apartado especial, con prendas persoais ou elaboradas pola artista, ademáis de completarse con dúas obras realizadas na técnica da colaxe.

Neste senso, Amparo Segarra amósase como creadora textil, con diferentes producións realizadas en distintos materiais, presentando tamén unha selección de complementos que se acompañan de fotografías, onde a artista e outras persoas da súa familia visten as súas creacións.

Por outra banda, a artista amósase na súa faceta de actriz, neste caso nunha das películas surrealistas realizadas por Eugenio Granell nos anos 60, Película hecha en casa con pelota y muñeca, onde realizará diferentes accións.

A mostra adícase á persoa, a través de fotografías, especialmente da súa nenez e adolescencia, un material inédito que nunca fora exposto con anterioridade.

Como muller, Segarra sempre estivo chea de inquedanzas, o que resultou no desenvolvemento de diversas facetas durante a súa vida. Deste xeito, atopámola actuando como unha persoa moi forte que superou todas as dificultades que se lle presentaron a causa da súa ideoloxía.

Relación de autores
Eugenio Granell, Mario Granell, Benjamín Palencia, Aldo Alcota, Eduardo Abela, Artur Manuel Cruzeiro Seixas, Esteban Francés, Loïc Bonnefont, Aurelio De la Vega, Antonio Saura, Rik Lina, Juan Ismael, Max Welter Svanberg, Frances del Valle, Ludwig Zeller, Jesús Navarro, Roberto Matta, Édouard Jaguer, André Masson, Xesús Carballido, Carmen Sáez, R. Ferrán Blanco, Cossette Zeno, Yo Yoshitomé, Gordon Onslow Ford, Reimundo Patiño, Vela Zanetti, Susana Wald, Anne Ethuin, Juan Barreto, Pablo Picasso, Joan Sandalinas, Juan Barjola, Miguel Ángel Huerta, Anasor ed Searom, José Caballero, Joanna Domanska, Ernesto Lothar, Antonio Rodríguez Luna, Simon Hantaï, Philip West, Max Ernst, Ana Mendieta, Wifredo Lam, Joan Miró, Kurt Schnitzer(Conrado), Le Corbusier, Saul Steinberg, Joseph Beuys, Christo, Robert Capa, Efrain Almeida,Marcel Duchamp, Gilbert Garcín, Laxeiro, Rafael Zabaleta, Xoan Anleo, Toyen, Xurxo Oro Claro, Sara Coleman, Alex Januario, Jorge Kleiman, Jana Sterback, Amparo Segarra, Arturo Ballester, Fátima Rueda, Gregg Simpson, Antonio Fernández Molina, Cristóbal Ruiz Pulido, Julián Calero Gómez, Diogo Evangelista.

Fundación Granell - Hoxe na "Miña peza favorita" Orestes Reyes

Hoxe mércores 17 de Xuño, ás 20:00 h, no Museo Fundación Eugenio Granell terá lugar unha nova edición da actividade “ mi pieza favorita”, a cargo do gran violinista Orestes Reyes Martínez, acompañado por Antonio Fernández ao violonchelo e Miguel Reyes ao violín.

Nesta ocasión, as pezas de Eugenio Granell, Mujeres en el mar,1944, El jardín de la sirena, 1942, El palacio flotante en algas y corales, 1963, Ceremonia de la lámpara tribal, 1996 e a construcción El extranjero, 1974, serven de inspiración para a creación dunha nova composición musical. 

Orestes Reyes formouse nos grandes Conservatorios de La Habana, Cuba, na especialidade de violín e viola, baixo unha estrita ensinanza tanto técnica coma musical. No ano 1985 empeza a exercer como profesor de violín e viola en Cuba para rematar en Galicia onde convértese no Director do Conservatorio Manuel Peleteiro en Santiago de Compostela.

Formou parte da Orquestra Sinfónica Nacional de Cuba así como da Orquestra Nacional de Ópera e Ballet e da Orquestra da Radio e da Televisión. Fundou tamén un trío de Harmonía de diferentes estilos para o Hostal dos Reis Católicos durante once anos.

Esta actividade iníciase no 1997, e consiste en seleccionar unha peza de entre todas as que se atopan nas Coleccións do Museo Fundación Eugenio Granell, para que o convidado elabore un comentario persoal cunha nova visión dende unha perspectiva actual. Trátase dunha proposta aberta a calquera persoa interesada tanto no Museo Fundación, como na arte ou na figura de Eugenio Granell, contando tamén coa participación de persoas relacionadas con diferentes ámbitos coma a arte, a educación, e a comunicación.

Fundación Granell - maratón de lectura sobre Santa Teresa de Jesús

Hoxe, mércores 27 de maio, en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas, o Museo Fundación Eugenio Granell, continuando co seu obxectivo de promoción e apoio á literatura, organiza un Maratón de lectura, adicado a Santa Teresa de Jesús.

Esta actividade, que ven realizándose dende o ano 1998, forma parte da programación especial que conmemora o 20 aniversario do Museo Granell, que coincide coa celebración do Centenario do nacemento de Santa Teresa de Jesús. Eugenio Granell era un gran lector e admirador dos escritores clásicos españois, como o demostran os múltiples exemplares que conservamos na súa biblioteca e, entre eles, cabe destacar tamén a súa admiración polos místicos: Santa Teresa de Jesús e San Juan de la Cruz. O seu interese pola santa abulense queda de manifesto, non só nos libros gardados na súa biblioteca, senón tamén na súa obra pictórica cos óleos Teresa de Ávila se pregunta si volver o no a Toledo (1961) e Las moradas del aire (1958).

Como todos os anos poderedes achegarvos ao Museo a escoitar ou a participar lendo algún fragmento das obras da escritora seleccionada. 

Para facer máis doada a organización do acto, todos aqueles que desexen participar poden chamar aos teléfonos 981 572124 ou 981 576394 ou escribir ao correo electrónico: secretaria@fundacion-granell.org indicando a hora á que lles gustaría intervir.