Brión, 20/06/2016 - O salón de actos do centro social polivalente quedou excesivamente pequeno para albergar aos máis de douscentos veciños e veciñas que asistiron á charla informativa sobre o proceso de revisión catastral, impartida por técnicos de Unións Agrarias e organizada polo Concello de Brión. Durante case dúas horas, os técnicos de UUAA explicáronlles aos presentes como interpretar a carta que recibiron a semana pasada do Catastro e o procedemento e prazos para poder presentar reclamacións.
O interese espertado foi tal que mesmo houbo que manter as portas abertas para así poder habilitar o hall do centro polivalente, onde estaban máis de medio cento de veciños que non puideron entrar na sala pero que puideron seguir a presentación grazas á megafonía. Os técnicos de Unións Agrarias agradeceron a valentía do Concello de Brión por convocar esta sesión informativa e comezaron facendo un repaso á realidade catastral en Brión para despois explicar como actuar diante das cartas enviadas por Facenda.
Situación en Brión
En primeiro lugar, os técnicos deixaron claro que esta revisión Catastral non foi solicitada nin polo Concello nin por ninguén, senón que é realizada de oficio polo Catastro. Como aspectos positivos, salientou que a Ponencia de Valores do Concello de Brión é bastante actualizada, pois data de 2006, e a súa Base de Liquidación está entre as máis baixas da contorna, pois ten o mínimo legalmente permitido para o rústico (0,3) e o urbano está no 0,47, fronte ao mínimo legal do 0,4).
Así mesmo, salientaron que Brion é dos poucos Concellos que teñen tipos diferenciados para o fomento de industria, comercio e oficinas, que se benefician duns tipos tres décimas por debaixo dos demais; e que o seu Coeficiente de Multiplicación é do 1, polo que non altera o resultado que dean dende o Catastro.
A maiores, o alcalde de Brión, José Luís García, adiantou que “no pleno municipal de mañá mércores 15 de xuño presentará unha iniciativa para establecer bonificacións de ata o 90%”, que é o máximo permitido pola lei para municipios como Brión, como corroboraron os técnicos de Unións Agrarias.
Procedemento
Sobre as cartas certificadas recibidas polos veciños e veciñas de Brión durante a semana pasada, os técnicos de Unións Agrarias informaron de que obrigan a pagar 60 euros de taxas, que se poden abonar en dous prazos. Ademais, advertiron de dous detalles: a existencia dunha sanción por atraso no pago (do 20% de recargo) e de que non tiren ningunha documentación recibida.
Acto seguido, explicáronlles como consultar o seu expediente no Catastro a través de Internet (para o que precisan o Código Seguro de Verificación que lles chega na carta certificada) e como comprobar a veracidade dos datos. No caso de algún erro, informaron aos veciños de que dispoñen dun prazo máximo de 15 días, a contar dende a recepción da carta, para presentar alegacións. Unhas alegacións que poden presentar no propio sindicato, no Concello de Brión ou no Catastro. Neste sentido, puxeron énfase na necesidade de comprobar que non hai datos erróneos, que non se inclúen propiedades doutras persoas ou que as medicións son as correctas, xa que despois só se poderá reclamar vía recurso de reposición, que é un procedemento máis longo e complicado.
Tras unha exposición de 45 minutos, o resto da xornada serviu para resolver dúbidas dos presentes, que foron explicando os seus casos particulares como a inclusión de propiedades de veciños, a cualificación como almacén da caseta do can ou o informe dunha revalorización da vivenda de 24 euros que obriga ao propietario a pagar os 60 euros do procedemento.
Ningún comentario:
Publicar un comentario