Os vos resultados de Ames Novo nas eleccións municipais, ainda que non fraguaran nun goberno de cambio, levou en parte a que Xaime Subiela
formara parte das listas ao Congreso. En Decembro estivo a piques de conseguer un escano e agora hai unha segunda oportunidade.
Quen
é Xaime Subiela?
Creo
que os seres humanos podemos cambiar o noso futuro, utilizando a intelixencia,
as mans e as vontades en común. Sempre apostei polas iniciativas civís no
social, no profesional ou no político, pódese innovar cooperando. Fun decano do
Colexio de Sociólogos e Politólogos de Galicia, colaboro en diferentes medios
de comunicación, e en 2013 recibín o premio Ramón Piñeiro polo meu ensaio Para
que nos serve Galiza?. Unha proposta para repensar un proxecto de país que
inclúa a todos e todas, que nos permita mellorar como persoas e de xeito
colectivo.
Desde
os primeiros momentos apostei por alternativas cidadás nas que a xente é a
protagonista, onde a democracia non se conta, exércese. As mareas foron ese
aire fresco, esa nova forma de facer que demostrou que a política podía ser
outra cousa, e vencer a quen nos aseguraba que non había alternativa.
Demostraron que se podía. Queremos cousas básicas e moi radicais:
pan
traballo teito
liberdade
igualdade fraternidade
#democracia
#EnMarea
Novas eleccións e nova posibilidad de sair elixido? hai que
face caso as enquisas?
Non son só as enquisas, estamos
colleitando na rúa un gran apoio, na sociedade o movemento de cambio é
maioritario.
Eu síntome moi arroupado por
Podemos, por Anova, por Esquerda Unida,
polas mareas, e estoulle enormemente agradecido á miña xente de Ames Novo, pero
o que máis impresiona é a xente normal que se achega para dar ánimos e dicir
que desta vai, que contan comigo no Congreso.
As enquisas máis solventes din que imos
mellorar resultados e que podemos alcanzar o 3º deputado pola Coruña e o 3º por
Pontevedra. Isto sería moi importante
para gañar peso en Madrid e significa que cada vez máis xente continúa
confiando en En Marea como alternativa principal do cambio.
Ti eres concelleiro en Ames, que te
animou a subir dous chanzo e dar o salto a política nacional?
Vai máis alá dunha decisión persoal. É
unha decisión colectiva de moita xente que quere rematar con esta situación de
emerxencia social, de abandono do público, de corrupción e secuestro da
democracia. Xa me propuxeran como candidato en decembro e comprendín que era o
momento de dar o paso. Agora repito, coma practicamente todo o resto da
candidatura. Pero a diferenza é que
teño moitas máis posibilidades de entrar
no Congreso polo traballo feito estes meses por En Marea nas Cortes.
É un orgullo ir como número 3 da
provincia da Coruña, despois de Tone Gómez-Reino e Yolanda Díaz. Sinto unha
gran responsabilidade, primeiro porque son o candidato que vai mais arriba da
área de Compostela, e aquí temos as alcaldías de Teo, Val do Dubra e Santiago
cuns magníficos resultados en decembro.
E asumo a responsabilidade tamén porque o apoio da xente é para que as
cousas cambien de verdade, e non lle podemos fallar, é o noso compromiso e hai
que estar á altura.
Que é En Marea? porque por exemplo
vostede non está vinculado a ningún partido
É certo, eu non son membro de
ningún partido e posiblemente sexa deputado pero En Marea vai máis alá do
concepto de partido-
En Marea compréndese como unha iniciativa
de confluencia que quere reunir todas as forzas do cambio. Un movemento que vén
de abaixo, “e da esquerda onde está o corazón”, como nos gusta lembrar sempre.
É unha ilusión colectiva baseada na cooperación, nos movementos da xente que
plantaron cara aos recortes ou aos desafiuzamentos; e vén de atrás con toda a
forza do 15M e do Nunca Máis; e da fraternidade porque compartimos un movemento
de cambio en rede con Ada Colau, Mónica Oltra ou Manuela Carmena, unha alianza
irmá que desta vez xunta toda a potencia de Alberto Garzón e Pablo Iglesias.
Agora estamos en condicións de vencer,
que o conxunto das confluencias (En Marea, En Comú-Podem, Compromis...) e
Unidos Podemos sexamos a primeira forza, ou quedemos moi igualados ao Partido
Popular.
En Marea é un proxecto compartido formado
por tres partidos (Podemos, Esquerda Unida e Anova) pero tamén un movemento que
conta co apoio das mareas municipais, algunhas nos gobernos como A Coruña,
Ferrol ou Santiago pero outras traballando na oposición como Ames Novo, onde
son concelleiro.
Cales son as vosas propostas principais?
As nosas propostas inspíranse no
principio básico: primeiro a xente. Isto quere dicir atender de xeito efectivo
os problemas de emerxencia social, ninguén pode quedar atrás, temos que salvar
a xente e non aos bancos. En Marea puxémonos de acordo no básico: pan, traballo
e teito, como din as Marchas da dignidade. O rescate cidadán inclúe apostar
polo público: educación, sanidade, servizos sociais, as pensións; e por un
emprego decente, non pode ser que haxa persoas que teñen varios traballos e non
saen da pobreza. E igualdade entendida como liberdade real para todos e todas.
Primeiro a xente tamén é comprende a
cidadanía de xeito activo, a democracia hoxe ha de ser gobernar coa xente.
Acabouse iso de votar e esquecerse durante catro anos de quen te votou, as
deputadas e os deputados de En Marea asinamos un código ético para reafirmar
que nos debemos á cidadanía, nin aos lobbies, nin a grandes intereses, nin a
partidos, o noso compromiso é coa xente que nos votou.
Agora
xa hai unha experiencia no Congreso dos Diputados, que se fixo en este pouco
tempo?
Os parlamentarios e parlamentarias de En
Marea fixeron rendición de contas por todo o país, explicaron o inxente
traballo feito tanto no Congreso coma no Senado durante estes catros meses que
durou a lexislatura. Galicia nunca estivera tan representada en Madrid. Puxemos
sobre a mesa cuestións fundamentais como a comisión de investigación de
Angrois, solicitamos a anulación da prórroga a ENCE, a paralización de
Reganosa, presentáronse iniciativas en defensa dos sectores produtivos, pedimos
a liberalización de peaxes da AP-9… e un longo etcétera que quedou frustrado
polo bloqueo dos partidos do Réxime e a convocatoria das novas eleccións. Todas
estas propostas volveremos trasladalas ás Cortes na vindeira lexislatura.
Como valoras ás outras forzas políticas?
En Marea fai as súas propostas e
aspiramos a un cambio de fondo. Quero dicir, temos que vencer democraticamente
ao PP e ao bipartidismo. Rematar cos responsables de que esteamos nesta
situación, coa corrupción, a miseria social e a falta de emprego. Temos que
acabar con quen pretende un re-cambio, ese Partido Socialista que di cousas moi
razoables na oposición e logo fai o que lle mandan 'outros' no goberno; ou a
proposta de Ciudadanos que é calquera cousa menos unha alternativa, están posto
polos que mandan de verdade -grandes bancos e magnates- interesados recambiar
ao PP e non verse ameazados, facer o do Gato Pardo: que todo cambie para que
todo siga igual.
Hai moita xente honrada que apostou
moitas veces polos socialistas e agora ve que xa non serve o PSOE para cumprir
coas ideas que defendeu sempre. Foron perdendo credibilidade cos recortes, a
corrupción, as portas xiratorias, facendo o contrario do que predicaban. O
cambio de verdade xa non está aí. E xa vimos estes meses por onde vai
Ciudadanos, é un produto de marketing para mostrarse como dereita moderna e
rexeneracionista, pero son a mesma dereita, que está de acordo no substancial
co PP e os poderes ocultos, se Ciudadanos gaña continuarán mandando os do palco
do Bernabeu, beneficiando a quen fai negocio co ben público, e desprecia a
situación da maioría. Iso non é bo para a xente traballadora, nin a parada, nin
as mulleres, nin aos pensionistas, pero tampouco para autónomos e pequenas
empresas, defenden aos grandes.
A nivel español a quen apoiades?
Este é un cambio en rede e fraterno a
nivel español, no que desta vez vamos por diante en Galicia, en Valencia ou en
Cataluña, entendendo que somos maioría quen queremos cambio en todo o Estado.
Todas as decisións de En Marea son tomadas en Galicia polas forzas que fan
parte da coalición, incluído quen apoiaremos como presidente, que se acordará
cando saibamos os resultados. Eu estaría encantado de votar a Pablo Iglesias
como presidente do Goberno, e contar con toda a xente de Catalunya en Comú,
Compromís, con Alberto Garzón e moitas máis. Iso decidímolo En Marea, e non
enganamos a ninguén, o noso proxecto quere participar dun cambio global, saímos
a gañar e ser parte do cambio.
Que asuntos importantes para Ames se
deciden a nivel de Estado?
Pois no Estado hai moitas decisións que
teñen que ver co máis próximo, os dereitos sociais, unha fiscalidade xusta,
plantarlle cara á débeda pública e aos recortes, a lei de educación, as
pensións, os medicamentos, e tamén a separación de poderes para ter unha
xustiza xusta, erradicar os privilexios, ou a propia forma de Estado para que
se corresponda coa súa realidade, na que Galicia participe como suxeito
político que decide o seu futuro.
Tamén se decide sobre demandas históricas
de Ames, por exemplo a depuradora da Silvouta que fai que o Sar teña unha
contaminación insoportable e que tamén se trasladou ao Congreso na pasada
lexislatura, ou que no Milladoiro poida haber unha alternativa que conecte a
N-550 coa autoestrada convertendo Rosalía de Castro nunha avenida e non unha
autoestrada que rompe en dous o núcleo, ou que se coiden e promovan os camiños
de Santiago que pasan polo noso municipio e o que vai a Fisterra. Claro que é
importante o Congreso para cousas que nos afectan directamente en Ames. Eu
serei o deputado que levarei todas as propostas da área de Santiago, a quen
renderei contas, a democracia hoxe é facer política coa xente.
Perfil de Xaime Subiela
Nacín en Chantada no ano 1969 e leva vivindo en Santiago e Ames desde o ano 1987.
É politólogo pola USC, traballa como investigador social e consultor público en moi diferentes campos. A súa labor, como autónomo ou en proxectos cooperativos, sempre vinculou o coñecemento social, a planificación pública e a participación cidadá; comprendendo estes como saberes e intervencións útiles para a vida da xente e o ben común. Na actualidade é concelleiro de Ames Novo.


Ningún comentario:
Publicar un comentario