Oroso, 19/06/2016 - O Concello de Oroso homenaxeou a Banda de Música de San Mamede-Grabanxa, que se fundou en 1905 e desapareceu nos anos sesenta. O acto de lembranza, no campo da festa de Senra, recoñeceu “o labor de difusión da cultura e da educación que efectuaban os integrantes desta Banda aló por onde ían”, tal como asegurou o alcalde de Oroso, Manuel Mirás.
Mirás presidiu a entrega dos recoñecementos a todos os integrantes da banda. A maioría xa faleceron e foron os seus descendentes os que os recolleron, pero unha decea continúan vivos e tiveron palabras de agradecemento. No nome deles, José Verea Montero, expresou o desexo de que “este recordo sexa sobre todo para todos os que non están, das bandas de San Mamede, da Grabanxa, de Senra, de Arca, de Ordes... e de tantas outras que tanto fixeron pola música”.
Neste sentido, o alcalde explicou que “hai que ter en conta os tempos nos que estas bandas funcionaron, e os camiños que había, e aínda así percorrían máis de trinta quilómetros a pé, cos instrumentos ao lombo, para ir tocar, e levar a todas partes un patrimonio tan importante como o da música”. Co propósito de que non se perda este labor, o concelleiro Eduardo Veiras, responsable da área de Relacións Veciñais e organizador deste evento xunto ao veciño José Calvo, anima a que todas as persoas que teñan algún dato sobre as antigas bandas colaboren achegándoo. O Concello pretende seguir recopilando información sobre elas para documentala, conservala e difundila.
Mirás anunciou que o vindeiro ano continuarán os recoñecementos ás bandas, tal como se comprometera o ano pasado na homenaxe á banda 'Lira', de Senra. Por iso, en 2017 será recoñecida a Banda de Música de Arca, do municipio contiguo do Pino. O alcalde de Oroso salientou que moitos veciños formaron parte desa agrupación cando foron desaparecendo bandas como a de San Mamede-Grabanxa, e aínda hoxe persoas de varias parroquias de Oroso participan na Banda de Arca.
Na entrega de recoñecementos participaron, ademais de Mirás, o deputado provincial e concelleiro Antonio Leira; o concelleiro de Obras, Servizos, Medio Rural, Medio Ambiente e Relacións Veciñais, Eduardo Veiras; o concelleiro de Cultura e Deportes, Luís Rey; a concelleira de Benestar Social e Ensino, Beatriz Rodeiro; e a concelleira de Muller e Sanidade, María del Carmen Liste; a presidenta da Cámara Municipal de Góis, Lurdes Castanheira; e os presidentes das asociacións de veciños de San Mamede, José Quinteiro, de Calvente, Ramón Seoane, e de Senra, José Antonio López.
Programa
O programa de actividades comezou cun pasarrúas, ao que seguiu unha misa na igrexa de Santa Eulalia de Senra e unha actuación da Filarmónica Varzeense, de Góis, e unha combinación das bandas de Arca e de Ordes. Xusto antes da homenaxe actuaron Mini e Mero, e despois da entrega de recoñecementos celébrase un xantar de confraternidade no que participan máis de 300 persoas. A tarde proseguiu cun festival coas bandas de Arca e de Ordes e coa Filarmónica Varzeense. Estas tres agrupacións, así como as asociacións de veciños colaboradoras, tamén recibiron uns obsequios conmemorativos da xornada.
Banda de Música de San Mamede-Grabanxa
Resulta difícil poñer unha data na que se constituiu esta banda de música, así como unha data na que desapareceu, pero todo apunta a que se constituiu aló polo 1905, segundo diversas testemuñas da parroquia. A banda empezou sendo de Sanmamede e despois chegou a ser a da Grabanxa e mesmo nalgún momento actuaron as dúas e se repartían en máis grupos para facer actuacións en distintos sitios.
O nome de banda empezou a tomar forma cando Ramón Blanco pasou a dirixir a mesma, entre os anos 1928 e 1932. A chegada da Guera Civil mermou considerablemente todas as bandas, pero na década dos anos 40 e coa volta a casa dos que foron a guerra a banda vai retomando a túa actividade pouco a pouco, conta nesta época con aproximadamente 20 compoñentes. Na década dos 50, coa emigración e que algúns componentes ingresaron noutras bandas, volve disminuir o número de integrantes. Así que é nos anos 60 cando desaparece.

Ningún comentario:
Publicar un comentario