A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, a través do Servizo de Normalización Lingüística (SNL), do CIM e do departamento de prensa pon en marcha o concurso literario ‘Rosalía verso a verso’. Unha convocatoria dirixida a toda a poboación da comarca que queira dar a coñecer publicamente os seus versos favoritos da que é a poeta galega máis importante de todos os tempos. Para participar é necesario facelo a través do evento ‘Concurso Rosalía verso a verso’, creado na páxina do CIM de Ordes. Alí escribirase un post cos fragmentos ou poemas escollidos por cada participante. Se o prefiren poderán recitalos e colgalos en formato vídeo ou audio. O prazo para poder participar manterase aberto ata o vindeiro luns, 22 de febreiro. O post que máis ‘gústames’ reciba (só se contabilizarán os outorgados dende a propia páxina do CIM) será o gañador e obterá como premio libros e material audiovisual da obra rosaliana (https://www.facebook.com/events/745808288886526/).
Por outra banda o mesmo mércores, 24 de febreiro a Mancomunidade de Ordes ten prevista unha charla e mesa de traballo na que se afondará na importancia de Rosalía de Castro como promotora da igualdade de dereitos entre homes e mulleres. Falarase do feminismo como unha das temáticas máis importantes de toda a súa bibliografía, e do interese que suscita o seu tratamento na bibliografía dunha autora adiantada ao seu tempo. A cita desenvolverase a partir das 10.30 horas na aula de formación situada na rúa Xoxardo, e para asistir non é necesaria inscrición previa. Será ao seu remate farase cando se leve a cabo o acto de entrega do premio ao gañador do concurso.
Con todas estas iniciativas a Mancomunidade quere apoiar a moción formulada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), na que se solicitan “accións de promoción e difusión da obra da nosa escritora máis ilustre e representativa”, ademais de “proclamar o 24 de febreiro como o Día de Rosalía por parte das corporacións municipais en sesión plenaria”. Un día no que se conmemora o 179 aniversario do seu nacemento.
Ningún comentario:
Publicar un comentario