O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña Fernández, presentou hoxe aos veciños e propietarios da rúa Lourás da Bandeira a proposta de urbanización para este tramo.
Nesta primeira xuntanza o rexedor presentou o proxecto de deseño que recolle cómo quedaría este tramo, que une a Rúa Xeral coa zona deportiva e cultural da localidade, “cunha aposta importante para a que xa se reservaron 150.000 euros nos orzamentos municipais deste ano”, explicou.
Co deseño de urbanización contémplase dotar toda a rúa con sendas en ámbalas dúas marxes (a día de hoxe só hai no primeiro tramo e nos primeiros metros do trazado dende o entronque coa rúa do Parque). “Ademais tamén se creará pola marxe esquerda, en dirección ao auditorio e ó campo de fútbol un carril bici, para que os usuarios poidan desplazarse tamén en bicicleta de xeito máis seguro”, engadiu o alcalde.
A actuación incluye a mellora do firme neste tramo, que conecta o centro da vila coa zona cultural e deportiva e con dependencias coma o albergue de peregrinos, que abriu as súas portas en 2013. O saneamento de augas pluviais é outra das actuacións que se levarán a cabo.
Segundo se explicou na xuntanza, celebrada hoxe no Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira, tamén se ampliarán as beirarrúas existentes e se dotará a zona de mobiliario urbano.
A dotación de novas luminarias é outra das actuacións que se levarán a cabo.
Cuiña, que explicou aos presentes xunto con personal técnico as obras previstas, sinala que con esta actuación “non só se mellorará na dotación de infraestruturas e servizos, senón que tamén se revalorizará esta zona, moi frecuentada polos veciños e veciñas da localidade”, explica.
Agora o goberno municipal agarda o máximo consenso dos propietarios/as desta rúa para poder levar a cabo unha das obras de urbanización de tramos periurbanos incluídas nos orzamentos municipais de 2016.
Ningún comentario:
Publicar un comentario