O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Alejandro Sánchez-Brunete, ofreceu esta mañá unha rolda de prensa para presentar unha iniciativa que trasladarán ao vindeiro pleno, relativa a que traballos está realizando o equipo de goberno para regularizar a situación actual do servizo de ORA e grúa. Neste senso, o representante popular explicou que dende fai uns meses, cando o TSXG anulou o contrato adxudicado en 2012, o servizo préstase en precario, sen ningunha seguridade xurídica. Tal e como explicou Sánchez-Brunete, esta sentencia obriga a que o equipo de goberno “articule de forma urxente medidas alternativas que pasan ou ben por unha nova licitación ou ben pola xestión directa”. “Todo o sistema de regulación da ORA e da grúa está en precario, é dicir, non ten un soporte legal e hai un alto risco de que todo se veña abaixo”.
O concelleiro popular recordou que o Goberno local aprobara unha prórroga de tres meses para traballar nunha solución, pero pasado este tempo, acordou unha nova prórroga de seis meses. “Imos, polo tanto, a situarnos en nove meses, estirando un contrato que foi anulado pola xustiza”, denunciou. “Preocúpanos a noción do tempo de Compostela Aberta –continuou- e o seu concepto da urxencia”.
Tal e como advertiu Sánchez-Brunete, a situación actual é “de risco”, xa que o xulgado pode instar en calquera momento a execución da sentencia, se ve que o concello non está traballando nunha vía de solución, o que “nos situaría nunha situación semellante a do concello de Lugo, onte todo o sistema de regulación de aparcamento caeu”. “O prexuízo sería enorme –continuou-. Porque ¿que control habería, por exemplo, sobre as prazas de residentes? Ningún”. Do mesmo xeito, Sánchez-Brunete advertiu da diferenza entre o sistema de ordenación e regulación do aparcamento e do custe para o usuario. “A ordenación é necesaria, o de reducir o custe é unha posibilidade”, subliñou o concelleiro; quen recordou, ademais, que o goberno de Compostela Aberta aposta por penalizar aos condutores dos vehículos privados, unha opción que o Partido Popular non comparte.
Por todo iso, os populares presentan unha pregunta oral instando ao Goberno local a que explique que traballos concretos realizou nestes tres meses para buscar un soporte xurídico e poder prestar así con total seguridade o servizo de ORA e de grúa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario