Silleda - A compañía Tirinautas trae ao concello a compañía Xamón Xamón

A compañía estradense Tirinautas volta a actuar no municipio silledense coa recén estreada comedia Xamón, xamón. A cita será o vindeiro sábado día 27 de febreiro, ás 21:00 horas no auditorio Manuel Dopazo da Bandeira. As entradas terán un custe de 5 euros e poñeránse á venda o mesmo día da obra en taquilla.

A actuación, programada dende a Concellería de Cultura de Silleda, chega precedida do enorme éxito desta comedia de enredo, con ritmo televisivo e parodias musicais intercaladas, xa que, logo da súa estrea no Principal da Estrada o pasado 22 de xaneiro a compañía realizou xa varias funcións máis ante a demanda do público. 

No elenco de Xamón, xamón –chamada a seguir a existosa estela de obras como “Ensalada de mosquito”, figuran ademais do coñecido Isi; Chelo do Rejo, Gonzalo Valcárcel, Saly Torres, Chus Sánchez, Begoña Sánchez; Xosé Lueiro e Toño Pena. 

A comedia conta a historia de Primi, unha monxa que tamén é adiviña e que vive dende pequena nun convento. Sae a buscar unha irmá que non coñece e atopa o amor. 

Tirinautas Teatro volta aos escenarios galegos con esta montaxe da man do carismático Isi. Música, parodia, gags televisivos e desternillantes persoeiros son de novo os ingredientes cos que a compañía estradense promete non defraudar.

Ningún comentario: