O Concello de Lalín vén de tramitar perante a Xunta de Galicia a solicitude dunha subvención coa que se pretende ampliar a zona de lecer das piscinas exteriores de Lalín. Así o ven de anunciar o tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Nicolás González Casares. O Goberno de Lalín considera necesario executar un ensanchamento na zona de descanso da piscina, xa que a elevada demanda que o espazo ten no verán chega a provocar sensación de masificación. Casares é consciente de que “a piscina de Lalín pode non estar á altura das necesidades dos lalinenses”, polo que se pretende, con esta ampliación, “solucionar as carencias de espazo, adaptando as instalacións ás esixencias do usuariado, mellorando así as condicións do recinto para un maior benestar e desfrute de todos os cidadáns”
Porén, a evidente falta de superfivie na piscina ao aire libre, preténdese remediar cun proxecto que consiste basicamente na construción na zona norte, dun muro de contención, para, posteriormente, mediante a execución dun recheo e reparación do solo, ganarlle a ese lateral unha envergadura duns 5 metros desprazando o cerramento. A lonxitude total do muros estaría en torno aos 49 metros. Asemade, o proxecto tamén contempla a instalación de varias zonas de sombra. Viña sendo unha queixa habitual dos bañistas a falta dun espazo sombreado na zona de céspede. Esta demanda tamén quedará cuberta tras a execución das obras, incrementando moi considerablemente a calidade das instalacións.
Os traballos, que se acollen ás subvencións para a creación e/ou mellora das infraestruturas, instalacións e equipos vinculados á prestación de servizos municipais destinados a concellos de Galicia para o programa FEADER 2014-2020, tería un importe total, IVE incluído, de 31.865,09 euros. Desta cantidade, serían extraídos da axuda 21.603,45 euros, aportan o resto (10.261,64 €), o Concello.
O prazo de execución das obras estímase en 2 meses. Así, se a resolución da subvención se produce entre os meses de marzo ou abril, como está previsto, o proxecto de ampliación podería estar xa rematado para este verán. Polo contrario, se a resolución favorable non chega no prazo agardado, a remodelación da piscina exterior aprazaríase ata o vindeiro ano. Así o explicou o concelleiro de Urbanismo, Nicolás González Casares, que aclarou que “baixo ningún concepto se porá en perigo a tempada de verán”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario